CompostelaDe baresGastronomíaJessica PintorNovas

Grella e familia, o binomio perfecto no Milongas Compostela

Por Jéssica Pintor

Mariano Ribas, no interior do Milongas Santiago, na avenida Rosalía de Castro, 24. Foto: Iván Barreiro

Mariano Ribas, no interior do Milongas Compostela, na avenida Rosalía de Castro, 24. Foto: Iván Barreiro

Cando se trata de apostar por unha idea, o equipo do Milongas teno claro. A filosofía de José e Mariano Ribas é firme, mesmo  inquebrantable: Familia e grella, o binomio perfecto!

“Meu irmán maior ten tres nenos, saír comer fóra ten unha peza básica e é a familia. Eu son tío de cinco nenos e, aínda que nunca fun comer cos cinco eu só, pregúntome como estás ou podes botar dúas horas sentado, comendo con tantos nenos. Para ir a comer en familia con tranquilidade, necesitas unha zona de xogos, si ou si! Unha área onde os rapaces poidan brincar”. Nada máis que engadir, señoría! Se Mariano ten razón, hai que darlla.

Imos poñervos en situación: o modelo de negocio do Milongas arranca en 2004, no Milladoiro. “Con meus pais na cociña, nós fóra e, pouco a pouco, fomos medrando e van vinte anos e moitos quilos, así de claro!” (Gargalladas ata doer a ‘panza’)...

Agora suman oito grellas con Vilagarcía de Arousa, Ames (Milladoiro e Bertamiráns), Santiago, Coruña, Vigo, Poio e Ourense, recentemente aberta. Nove se engadimos o Mesón 42, na rúa do Franco. E volven a Santiago con moitísima carne e gañas, claro! (Chisco, chisco).

Esta entrevista fíxose unha semaniña despois de entrar en funcionamento o Milongas Compostela, na avenida Rosalía de Castro, número 24. “Agora que volvemos a Santiago podemos ver a nosa traxectoria, levamos 20 anos xa. A este novo local vén moita xente de Bertamiráns, Milladoiro e de Santiago que xa nos coñecía de cando estabamos arriba, no Preguntoiro. Xa entón moita xente preguntaba polo churrasco e vimos que tiñamos que traer ese concepto tamén a Compostela”.

O local conta cun espazo para os máis pequenos da casa. Foto: Iván Barreiro

E como é o día a día de José e Mariano con tanto local entre mans e dentes? Aseguran que a chave do bo funcionamento do negocio é o equipo estruturado detrás do Milongas. “Xunto con Cristian levamos as grellas e deste modo chegamos a todo”. Mariano di que, despois de tanto viaxar e moverse, vai estar máis quieto, aquí en Santiago. Ou polo menos vaino intentar e suspira!... (Rimos).

Declárase un namorado de Compostela, dende que chegou aos 17 anos. E leva xa 23 aniños e nesta cidade síntese como na casa. Non lle preguntes por que!

“Queríamos ter unha grella aquí en Santiago, xa que medraramos nos arredores, queriamos estar con este mesmo modelo de negocio e, despois de moito buscar, este local prestábase, é unha zona moi boa. Cando estabamos na zona vella, viña moita xente preguntando polo churrasco, entón vimos que facía falta...”, apunta.

E engade: “Dedicámonos á carne, ao churrasco, o noso menú estrela é o bufe libre de churrasco, que podes repetir o que queiras por 16,90 euros: é o noso gancho coa xente! Buscamos o público de familia, temos unha zona de xogos para os nenos. Queremos que a xente veña comer a esa grella tradicional de sempre, chámaa esa grella de estrada, pero modernizada e que segue sendo familiar, cun local ben climatizado, con todos os servizos, con espazo específico para os máis pequenos”.

Vouvos confesar que Mariano pásao fatal nas entrevistas e non lle gusta saír nas fotos, di que ese é traballo de José. (Risas a tope!) Con todo o espontáneo que é, poslle unha cámara diante ou unha gravadora e asústase! Sen embargo, nun local cheo de xente, en hora punta, coas grellas vermellas, o churrasco a lume de carozo, e nenos e pais famélicos e cos caninos afiados, está, como se adoita dicir, na súa salsa! Velo cómodo, fala con todo o mundo. Nese escenario está no seu hábitat natural. Malia os momentos de tensión, aí non se lle ve nin preocupado nin incómodo nin queda sen palabras! E moito menos sen carne!!!

Os do Milongas van seguir medrando??!! Pois claro que si! “Nunca se sabe, pero é o noso propósito. Non sabiamos que chegariamos a este punto. Ás veces asusta, pero hai moita xente detrás deste proxecto, con nós, entón faise máis doado. E se medramos nós, medra todo o equipo. Agora mesmo está todo controlado, hai máis volume de traballo, pero non somos só Mariano e José. Sería imposible! O equipo é unha familia, convivimos máis con eles que coa nosa propia familia, ás veces. Son un apoio e un piar fundamental. Andamos sempre mirando cousas, pero fai falta tempo, poñer a rodar o novo local de Santiago, formar ao equipo, pero si que queremos seguir crecendo”.

Así que xa sabedes, agora tamén en Santiago podedes xuntar ese binomio brutal: familia e grella e que comecen os xogos do churrasco!

“Queremos que a xente veña comer a esa grella tradicional de sempre, pero modernizada nun local con todos os servizos e un espazo específico para os máis pequenos”

No Milongas son expertos en churrasco. Foto: Iván Barreiro

No Milongas son expertos en churrasco. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.