#SomosCompostelaCompostelaGastronomíaNovas

O noso co hotel Costa Vella é persoal!

Xosé Antonio e Ana Liñares, na festa do 25 aniversario do Costa Vella.
Xosé Antonio e Ana Liñares, na festa do 25 aniversario do Costa Vella.

“A poesía é, e non outra cousa, esa aspiración melancólica e vaga que axita o espírito co desexo dunha perfección imposible”, dicía Gustavo Adolfo Bécquer. Pero para unha que escribe, tan só as veces, poesía é manifestar con palabras algo moi persoal, de cando a perfección é descuberta, esa que fai doer os sentidos, a que detivo o tempo e estremeceu a vida… E, sen embargo, velaquí que Oscar Wilde, que tamén entendía de poesía, foi quen de soster que “a vida non pode escribirse; só pode vivirse!”. Pero que atrevido!

E preguntarédesvos porque divago tantírmo nesta introdución… Pois é que Rebeca (directora de Pincha) concedeume un honor: autorizoume a facer poesía. Malia que, confeso, aínda non aprendín como… Pero como todo intento de poeta teño motivo xustificado e un obxecto de desexo que me serve de inspiración. Nada menos que 25 anos de galantería, centos de miles de conquistas entre hóspedes de Compostela, un romance que celebra as vodas de prata, un amorío e un hotel: o Costa Vella!

Ah, un hotel… Escenario onde os amantes consuman a súa paixón; lugar onde as aventuras comezan, onde se escriben desenlaces terribles, onde se forxan conquistas, onde se descobren tesouros ou segredos nas maletas; sitio onde espertas dunha viaxe ou doutra vida…

O hotel Costa Vella definido por Xosé Antonio Liñares é, no ideario dos viaxeiros e viaxeiras que pasaron por el, non só un lugar onde durmiron e soñaron un sono profundo, senón un sitio onde permanecer... Aquí a estancia vólvese algo persoal! É un emprazamento onde facerse vello con quen te hospeda. Este espazo de aloxamento ofrece melancolía e romanticismo que abrigan diante da brétema, que agariman a pesares da humidade que corta cando xa nos invade o outono… É pura poesía, como as gotas de chuvia bañando Compostela!

Retrata postais, como un dos atardeceres máis espectaculares da cidade. Dende o alto da escalinata á beira do hotel, as vistas regálannos o escondedoiro do sol detrás das torres da igrexa de San Francisco.

Somérxete nun bosque silvestre, a través dunha porta que conecta directamente cunha rúa de Santiago. Crúzaa e abandona a urbe, para perderte, pechado pola muralla da cidade medieval, entre plantas e o canto dos paxaros. Quen sabe, ao mellor tamén atopas unha andoriña fóra de tempo ou quizás un príncipe feliz...

Coróate con flores, auga e os murmurios dunha fonte, figuras máxicas convertidas en estatuas, un banco, unha parra, un café, un suspiro e máis tarde unha habitación na que poñer orde aos teus sentimentos ou onde desbaratar pensamentos!

Regálache o bo facer dunha familia que non repara en detalles, que ilustra con nomes e apelidos o sacrificio dos homes e mulleres que acollen a outras almas que peregrinan a Santiago, que visitan a nosa terra, que viaxan polo mundo, gozando do seu tempo de ledicia e que se encomendan a estes seres que fan da súa estadía un tempo de verbos preciosos como: repetir, volver, estar, quedarse, reencontrarse, non esquecerse e mesmo estrañarse!

Ah, o valor engadido! Ese chisco de algo, de todo ou de nada: que se respira, pero non se apalpa. Ese pouquiño que suma, que enche, que conta anos, ata vinte cinco e segue multiplicando. Esa singularidade que fai que este lugar sexan as persoas que o construíron e que o reinventan a diario!

Rober confesa que a súa historia co hotel Costa Vella ben valería para levar ao cine! E coincidimos en que o tándem de Xosé Antonio e súa irmá Ana, xunto con quen dirixe este establecemento, seguramente enchería ducias e ducias de follas en branco de pura lírica! Uns pasos máis adiante, súa nai, situada preto das escaleiras de pedra que suben dende o xardín ao hotel, orgullosa e sorrinte, acaríñanos a Rebeca e a min, mentres nos mesturamos no ambiente festivo... Non soubemos quen era ata uns intres máis tarde, pero seguimos notando o calor da súa man no brazo! Foi unha sospeita confirmada, porque descubriuse de inmediato. Xa vedes, vén de familia, é sempre persoal o trato!

A última vez que entrei no hotel, formabamos unha liña para poder compartir a alegría cos anfitrións. Acertei a dicirlle a un deles que bicalos nun día coma ese carecía de sentido, mesmo estaba sobrevalorado, porque eramos demasiados, porque a sensación desvaneceríase demasiado cedo e non alcanzaría ningún dos dous a recordalo no seguinte instante...

Chamádeme romántica!, pero o sosego e a temperanza son virtudes tan só duns cantos e sigo sen atoparme entre os chamados... Son para esas persoas elixidas, que no contacto de preto, te apertan a pel e imprimen nela as súas inquedanzas e sabedoría, sen saber nin cando... Que cunha soa voz, che transmiten a súa experiencia, perforando no teu interior coma se de cambras se trataran... Que te acollen, facéndote parte dun algo, deste todo.

E como a vida non vai de palabras, senón de vivencias e non das que ocorren ou transforman un retrato, logo de tanta divagación constato: ao hotel Costa Vella hai algo persoal que nos leva e que nos seguirá levando. Brindo porque non esgotemos nunca o tempo a repetir neste hotel de Santiago!

Cruza a súa porta e abandona a urbe, para perderte, pechado pola muralla da cidade medieval, entre plantas e o canto dos paxaros

Hotel Costa Vella
Hotel Costa Vella

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.