Crusat & Costas: Toxal 2021
Onde habita o corazón
Por Lorena Costas @lorena_costas
É ben coñecido polos nosos lectores que gustamos de presentarvos novos ou pequenos proxectos menos coñecidos para o público en xeral. Persoalmente atopo moi enriquecedor poder chegar a estas persoas que comezan un soño coas ideas tan claras e con tanta paixón e humildade. É o caso de Amando González Viana, ao que cheguei a través de Viños Vivos. Amando é un rapaz que, tras unha serie de avatares vitais, decide volver ás orixes familiares no Ribeiro, en concreto a Roucos, unha aldea do concello de Cenlle. Pode parecer un comezo moi romántico, pero o certo é que non foi sinxelo.
De nai madrileña e pai galego, seus pais viaxaron por España debido aos seus traballos, de modo que Amando naceu, un pouco de casualidade, en Valencia. Logo marcharon a Barcelona e alí pasaron bastante tempo antes de partir cara Mallorca. Xa alí, seus pais volven a mudarse, esta vez a Pamplona, aínda que el non os acompañou nun principio. Mais, tras un grave accidente de coche, algo cambia na vida de Amando, como sucede acotío cando algo serio sacude as nosas vidas. Así, decide poñerlle outro rumbo ao seu futuro e vai a Pamplona a comezar estudios forestais, posto que a natureza lle aportaba moitas cousas. Pasou un verán na Galiza limpando fincas e tras acabar os estudos e aforrar uns cartos, volve á aldea para, en principio, comezar un proxecto de cría de porco celta mercando para iso as fincas familiares.
Pero a familia non quixo vender daquela e os aforros acabábanse, así que tocaba decidir que facer. Pola zona non había moito onde elixir: ou hostalaría ou viñas. Amando non gustaba moito das viñas, incluso se dicía a si mesmo que na vida pisaría unha viña (calquera o diría hoxe!), pero comezou a traballar en Leive, sen coñecemento vitivinícola naquel momento. Aprendeu moito e aquilo acabou gustándolle, así que marchou a Viña Mein con Comando G e seguiu aprendendo deles. Durante anos levou con estes últimos un proxecto tamén no Ribeiro, fixo vendimas con eles en Ávila e tamén con Dominio do Bibei no Ribeiro, e deste xeito comprobou que podía darlle vida á súa aldea a través da recuperación do viñedo e do traballo honesto nas terras. As viñas son alugadas nun inicio, e de aí sae Toxal 2021.
No ano 2018 independízase por completo e monta a súa adega e, por fin, fai dous anos, a familia decide vender as súas fincas, que merca Amando para recuperalas de cero, posto que eran fincas de castiñeiros na súa maioría. Aquí é onde Amando ten posta a mirada para plantar variedades como albariño, caíño branco, etc., que lle aportarán a estrutura e lonxevidade que busca: que toda a personalidade do viño proceda do traballo na viña e das variedades, e que a intervención na adega sexa a mínima posible, aínda que lle gustaría empregar tamén outros materiais para a elaboración do viño, coma ‘foudres’ ou ‘damajuanas’.
Pregunteille cal era o seu obxectivo con este proxecto e a resposta é tan sinxela e tan indiscutible, que non quero engadir nada máis: “vivir de este proxecto e ser feliz, e con iso vale”. E a nós tamén nos vale, vaia que si.
Un grande comezo para un viño en crecemento
Por José Crusat @choumimx
O proxecto de Amando González Viana nace do corazón dun rapaz novo pero que ten as ideas ben claras e que busca poder emprender dende o rural dos seus familiares. Emprende pouco a pouco, cos pés na terra pero coas ideas ben claras dende o comezo, cun rumbo marcado e aprendido do traballo na viña e na adega.
Inicia o seu proxecto alugando uns viñedos, e traballando coas videiras que alí se atopan, treixadura e albariño. Xa co proxecto iniciado, o tempo dálle a oportunidade de mercar as fincas dos familiares e iniciar outra liña de cara o futuro, plantando mais albariño e caíño branco xa que son castes que poden aportar acidez de xeito natural. As fincas da familia foron en tempos viñedos pero que foron abandonados e que están a ser recuperados para ser o futuro do proxecto do Amando.
A decisión de castes é tal porque na parte liquida o concepto fundamental é a elaboración de viños con estrutura e equilibrados pero con capacidades de garda e melloría co tempo. Para elo é fundamental a acidez no viño, e a columna sobre a que se vertebra un viño con vocación de durar no tempo. Tamén o elaborador ten claro que o viño ten que partir do viñedo, polo que a estrutura tamén se consegue a partir do control da produción, desbotando a cantidade en prol da calidade. Para elo tira o chan parte da colleita quedando con producións de 5000 quilos por hectárea, cando sería facilmente posible chegar os 8000 quilos.
Amais das castes, e tendo en conta que neste Toxal soamente temos treixadura e un pouco de albariño, unha vendima de cedo é importante para conquistar a acidez desexada. Mais sequera tendo en conta que este viño fai unha fermentación maloláctica. O viño fermenta en depósitos de aceiro inoxidable e despois pasa uns meses en barricas de madeira. O tempo é variable e depende de canto marquen estas madeiras, xa que se busca que non sexan invasivas no produto final. Posteriormente ao embotellado, o viño repousa catro ou cinco meses na garrafa antes de saír o mercado.
Trátase dun viño limpo, de cor amarelo pallizo, con destelos dourados. No nariz é un viño de aromas sutís, delicado pero ao mesmo tempo con complexidade, no que se aprecian a mestura das dúas castes coas que se elabora, floral, un pouco de mazá, calidades propias da albariño, pero tamén melón maduro, plátano achegados pola banda da treixadura. Na boca presenta acidez equilibrada, graxa, barrica ben integrada que non satura para nada, notas de flores, mazá novamente rematando con froita madura de final amargo.
Como propostas de maridaxe vou cun sanmartiño grellado á brasa que lle aporta ese toquiño de fume. E pola outra banda, máis exótica, a proposta é dun prago (agora é medianamente doado de atopar no supermercado ou na praza) en papillota con especias asiáticas (cebola vermella, allo, xenxibre, ‘guindilla’, herba limón, lascas de lima, e coentro ou menta).
FICHA TÉCNICA:
Adegueiro: Amando González Viana
D.O.: Ribeiro
Variedades: Treixadura e algo de Albariño
Grao: 12º
Colleita: 2021
Prezo: Sobre 22 €