Milanesa de polo, arroz e pementos de ‘piquillo’ en O Rei do Bocadillo

DATOS
Lugar:
Rosalía de Castro, 23
Santiago de Compostela
Prato:
Milanesa de polo, arroz e
pementos de ‘piquillo
Prezo:
8 €
Valoración
*******
Non todo no meu periplo gastronómico ten que ser alta cociña. Tamén temos que seguir o camiño de volta ás nosas raíces e apostar por restaurantes que manteñen o seu carácter, como o que visitei nesta ocasión. O Rei do Bocadillo leva dándonos de comer aos composteláns máis de 40 anos. Eu teño un gran recordo desde local, xa que de pequeno viña de cando en vez co meu pai a comprar un bocadillo de luras, que nos encantaba e, se había festa, un ou dous dos seus riquísimos polos asados.
Desde a pandemia, O Rei do Bocadillo ofrece só pratos para levar, aínda que se o prefires, tamén podes tomalos na cafetería Lembranza, que está ao lado e é dos mesmos propietarios. E iso é exactamente o que fixen eu, decantándome por unha clásica milanesa de polo, con arroz e pementos de ‘piquillo’. O prato combinado por antonomasia! Pero non por iso pensedes que é sinxelo de facer. O empanado e a fritura son a chave para que a carne non quede dura e seca. E neste local ben saben o que fan! A milanesa estaba moi boa, cun empanado fino, uniforme e rico; e cun sabor xa macerado do día anterior con allo e perexil. Nótase que na cociña miman o produto igual que o levan facendo durante toda a súa longa traxectoria.
Por outra parte, o arroz estaba no seu punto perfecto, polo menos, para o meu gusto. Ademais gustoume moito ese toque canalla e de cor que lle dan os pementos pasados un pouco pola prancha.
En resumo, quen non coñeza O Rei do Bocadillo ten que ir probalo. Ben sexa levando algunha das súas propostas para gozar na casa ou, coma fixen eu, pasando un rato moi agradable nunha das cafeterías máis senlleiras da cidade.
Miguel Viaño,
“O segredo para facer un bo bocadillo é usar pan artesán e bos produtos do día a día”
Por Rebeca Munín

As paredes de O Rei do Bocadillo, en Rosalía de Castro, están decoradas con fotos antigas da cidade e un gran reloxo. Non podía ser doutro xeito. O tempo parece non pasar por este local especializado en bocadillos, polos asados e pratos combinados, que abriu hai máis de 40 anos e segue apostando por esa cociña de toda a vida, aquela que por moito que o sector se modernice, tamén temos que reivindicar e coidar. Historia viva da hostalaría compostelá.
Un negocio familiar no que se embarcou Miguel Viaño, xunto co seu cuñado Carlos Montaña, a finais de 1982. A muller de Miguel, Lucía, sempre estivo nos fogóns –“Ela nunca quere saír na foto!”, confesa mentres charlamos.
“Desde a pandemia aumentaron moito os pedidos para levar e decidimos deixar este local só para cociñar e recoller e potenciar que quen queira comer aquí que vaia ao Lembranza”, cóntanos o hostaleiro. Fala da cafetería que está ao lado e que eles xestionan desde mediados dos 90. “Así non saturamos o espazo coa xente esperando para recoller”, aclara. E ben que fan, porque en hora punta O Rei do Bocadillo está a rebordar.
Despois de tantos anos abertos, séguense formando colas para probar as vosas propostas. Cal é o segredo do voso éxito?
(Dubida) Non sei... quizais sexa pola fidelidade da xente. Saben o que facemos, o polo gusta a case todo o mundo... Temos clientes que xa veñen cos seus netos! Un día viñeron uns rapaces e dicíalle un ao outro: “Isto é mítico porque xa viña aquí meu avó!”. Ou xente que viña de rapaz e agora xa se está case xubilando! Moitos acórdaste deles, claro!
E iso que van máis de 40 anos! Recordas como empezastes?
En realidade os inicios deste local son nos anos 60 na rúa da Raíña, no bar Coruña, que era dun familiar noso. Daquela estaba alí un local que só facía bocadillos de luras e meu tío quixo facer algo diferente. Por iso empezou a facer mesturas. Seguramente en todo Santiago daquela non habería nada así... Foi o pioneiro. Uns anos despois, quixo cambiar. Púxose un día nesta rúa sentado vendo a xente que pasaba. Era unha época na que había moitos estudantes, pensou que podía funcionar e comprou o local no que estamos hoxe. Chamoulle ‘Novo Coruña’, pero os que colleran o traspaso do bar da Raíña pedíronlle que o cambiara. E díxolles: “E que nome queredes que poña?”. “Vostede sempre di que é o rei do bocadillo. Chámelle así!”, contestaron. Despois dun tempo alugado, meu cuñado e mais eu collemos as rendas a principios do 1983.
E cal é o segredo para facer un bo bocadillo?
Un bo pan de panadería artesá. Nós levamos 60 anos, porque xa meu tío o facía, traballando coa mesma panadería. E tamén procuramos que empregar bos produtos, do día a día. Temos moitos bocadillos que levan na carta desde que abrimos, como o de xamón asado ou o de luras.
Cambiou moito a hostalaría compostelá neste tempo?
Moito! Daquela era unha hostalaría máis familiar. Agora está máis industrializada. E hai menos estudantes, pero nós temos a sorte de ter clientela de todo tipo.
Eu sempre procuro que o trato coa xente sexa próximo. E rirse aínda que sexa dun mesmo!
Como ves o futuro para O Rei do Bocadillo?
Véxoo incerto pola falta de persoal que hai. Iso vainos lastrar un montón. Eu estou coa xubilación activa, o que me permite seguir traballando. Temos relevo con dous fillos, pero ningún negocio é fácil. E menos actualmente. Penso, por exemplo, en como se montou algún negocio e paréceme case imposible chegar a iso. Meu pai foi un dos fundadores de Feiraco e fixeron unha gran unha empresa sen eles ter nada. Algo así non creo que puidera facerse hoxe en día.
Se puideras dar marcha atrás, cambiarías algo do que fixeches?
Nunca o pensei. Eu empecei na hostalaría porque a familia que tiña era ampla, pero estou feliz de terme dedicado a isto. Quizais non lle puiden dedicar o tempo que quixera aos fillos, porque é unha profesión que absorbe moito. Pero eu creo que o entenderon e todos pasaron por esta escola. Hai dous que seguen con nós e os outros, se hai que vir botar unha man, aparecen rapidamente. Cando foi a pandemia, na época máis dura, unha filla que é xornalista dixo: “Papá, mañá imos nós a abrir o Lembranza”. E así o fixeron.