Cinco proxeccións, un concerto solidario por Gaza e cociña árabe, na Semana de Cine Euroárabe AMAL
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou a vixésima segunda edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2024. No acto interviron o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana deCine Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; o director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao.
Ghaleb Jaber Martínez destacou que AMAL é un dos festivais máis estraños e singulares do panorama cinematográfico en Galicia, xa que é o único case ao 100 % de iniciativa privada que “máis contribuíu á paz e o entendemento entre os pobos”.
O lema deste ano reza: EXISTIR É RESISTIR, e Ghaleb Jaber Martínez relatou a situación actualque enfronta o pobo palestino. “Nós, os palestinos, non somos nada en absoluto. Ou non debemos ser nada para institucións, estados e organizacións que nos ignoran desde 1948 e, especialmente, desde hai un ano. Máis de 365 días que seguen sumando” –sinalou–.
O director do festival lembrou que desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións demovemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte. “Mesmo esta fin de semana bombardearon a persoas inocentes. Tentan facernos desaparecer, borrar a nosa vida e o nosolegado” –indicou–. Despois de tantos anos de mortes, Jaber Martínez asegurou que este é o primeiro xenocidio da historia retransmitido en directo e xa debe rematar.
“Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita. Os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia. Amal non é só un festival de cine, é un acto de resistencia. Nos 22 anos de Amal, loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie. Pero Amal significa esperanza, e este ano significa, sobre todo, resistencia” –destacou–.
Anxo Lorenzo indicou que o festival Amal ten moitos compoñentes diferentes e este ano destaca pola situación que atravesa Palestina. Para Lorenzo, o festival pode axudar a achegar unha ollada diferente a partir dos creadores que, de primeira man, relatan aspectos socioeconómicos e culturais de Palestina e o seu conflito. “O festival Amal trae unha programación orixinal a Compostela e, a súa vez, o proxecto expándese por Galicia con Amal en Ruta ao longo do ano” –engadiu–.
Pola súa parte, Míriam Louzao sinalou que o certame, que conta coa colaboración do Concello, traerá ao Teatro Principal un cinema de resistencia para facer fronte á inxustiza, dando aoportunidade de ver películas que non están nas grellas habituais e que defenden os dereitos humanos, en consonancia co reto do Concello de “construír unha Compostela mellor”. Ademais, animou a todas as persoas de Compostela e a aquelas que visitan a cidade a gozar do festival.
Catro ficcións e un documental
Amal 2024 celebrarase entre o 21 e o 25 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúaNova, 21) coa exhibición de cinco cintas –catro longametraxes de ficción e un documental–que se poderán ver nun pase único por día de luns a venres. A xornada inaugural do luns será ás 20:00 horas, con entrada de balde para a proxección da película “The Teacher”. Tras ver ofilme, o actor palestino, Muhammad Abed Elrahman, conversará co director da Semana de Cinema Euroárabe Amal, Ghaleb Jaber Martínez, nunha charla aberta na que tamén haberá quenda para as preguntas do público.
A semana continuará con sesións ás 21:00 horas. O martes proxectarase a película “InshallahWallad”; o mércores o documental “Bye Bye Tiberias”; o xoves o filme “To a Land Unknown”; e o venres pecharase o festival coa longametraxe “The Old Oak”.
As entradas de martes a venres terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venda en Ataquilla.com. Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.
Cociña árabe
Como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, do 21 ao 26 de outubro, onde se ofrecerá un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que aportará á proposta o seu toque persoal, pero sempre conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.
Concerto solidario “AMAL X GAZA”
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas celebrará este xoves, 17 de outubro, o concerto solidario “AMAL X GAZA”, enmarcado na programación da XXII Semana de Cine Euroárabe AMAL. O evento musical, co aforo completo, terá lugar ás 20:30 horas na Sala Capitol. Contará coas actuacións de artistas recoñecidos a nivel rexional e nacional, como Boyanka Kostova, Ataque Escampe, García MC e Tanxugueiras. O humorista Pablo Meixe actuará como mestre de cerimonias e a intérprete e poeta Lúa Mosquetera introducirá o acto e recitará o poema ‘Se teño que morrer, que sexa un conto’ do escritor e poeta palestino Refaat Alareer, que morreu durante un bombardeo en Gaza o pasado mes de decembro. Mosquetera estará acompañada de Sara Ashour, de orixe gazatí e membro da Asociación Galaico Árabe Jenin, que fará a lecturado poema en árabe .O concerto ten como obxecto principal recadar beneficios para apoiar á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). Desde a FundaciónAraguaney-Puente de Culturas ponse en marcha este evento para amosar publicamente o seu apoio á UNRWA (entidade comprometida co benestar da poboación palestina e en continuo contacto coa poboación local a través da prestación de servizos básicos de saúde, educación e asistencia social entre outros), despois de que a suspensión do seu financiamento por parte de 18 países a comezos de ano reducise en máis do 60 % o seu orzamento. Con este concerto, a Fundación pretende “apoiar a unha axencia que vela por cubrir as necesidades de supervivencia da poboación palestina, vítima dun xenocidio financiado con orzamento occidental”. A UNRWA atende a unha comunidade de 5,9 millóns de persoas en Palestina e en países próximos como Siria, Líbano ou Xordania. Supón case a cuarta parte da poboación refuxiada do mundo.
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas agradece a Sociedade Xeral de Autores e Editores(SGAE) a súa colaboración e apoio para levar adiante este concerto solidario.