CompostelaGaliciaGastronomíaNovas

O 9 de xullo elixirase en Santiago o Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2024

Sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades. Son os ingredientes da gala show cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2024 que organiza a Xunta de Galicia o vindeiro 9 de xullo en Santiago de Compostela na súa estratexia de promoción do turismo gastronómico e urbano.

A gala celebrarase no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, unha cita consolidada que vai xa pola súa oitava edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega. Os sete cociñeiros que se disputarán o título foron galardoados nos certames de tapas de cadansúa cidade. O roteiro que propón Turismo de Galicia inicia en Santiago de Compostela o percorrido pola xeografía galega no sentido das agullas do reloxo ata finalizar en Pontevedra, destacando algúns dos seus principais recursos turísticos urbanos e culturais, xunto coa proposta de tapa representante de cada cidade.

Ao longo do itinerario que achega esta nova edición, as propostas que os chefs presentarán ao concurso constitúen un repaso a algúns dos máis salientables produtos de calidade que definen a gastronomía galega.  Os concursantes son Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) coa tapa ‘Estamos como cabras’; Manu Triay de Taberna Triay (A Coruña) con ´Donete recheo de cocido´; Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) con ‘Recordos da miña nenez’.

Tamén participa desde Lugo  Bret Fernández  de Prebe by Bret coa tapa ‘Xurel Black Coupage’; Gabi Conde de Restaurante Portovello (Ourense) con ‘A Terma’, Kevin Carreño de Nikko Espacio Gastronómico (Vigo) con ‘Nigiri de crokketa de carabineiro’ e Daniel Carramal de Loaira Xantar (Pontevedra) con ‘Trasmallos de neboeiro’.

Dous galardóns

Os sete cociñeiros disputarán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que valorará cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor. Por outra, o premio do xurado popular, que se elixirá mediante un sistema de televotación.

A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.