fbpx
A CoruñaGastronomíaNovasReportaxes

A vida sen glute tamén sabe mellor

Por Silvia Castiñeiras

Pablo, de La de Rosi, traballando con fariña sen glute. Foto: Iván Barreiro
Pablo, de La de Rosi, traballando con fariña sen glute. Foto: Iván Barreiro

O vindeiro 16 de maio celébrase o Día da Enfermidade Celíaca, unha doenza que a moitas persoas lles foi diagnosticada de maiores, cando xa levaban anos sentíndose mal. Hoxe en día a detección da celiaquía é máis habitual, xa dende a infancia, polo que hai unha parte da sociedade que se ve obrigada a levar un control cando socializa fóra da casa, cando vai de bares, de cea, aos aniversarios da cativada, ou simplemente se se quere dar o pracer de mercar unhas galletiñas. Por sorte, cada vez a vida sen glute sabe mellor, porque cada vez hai máis conciencia entre os establecementos alimentarios e de restauración para ofrecer opcións acordes aos padais intolerantes a este tipo de proteína.

LA DE ROSI, O DISNEYLAND DO SEN GLUTE

Cando entramos na tenda de Rosi e Pablo, La de Rosi, ademais da comida caseira para levar tamén dan ganas de levalos a eles para a casa. O seu entusiasmo é tal que contaxia, case como se estiveran máis facendo un labor social que á fronte dun negocio. Quizais esa sexa a clave do seu éxito, o agarimo co que se dedican a este establecemento cen por cen libre de glute.

“Eu son celíaca de sempre pero diagnosticada con 36 anos, despois de sentirme mal sempre e pasar por mil tratamentos. Por outro lado sempre fun moi ‘cocinillas’ coa avoa. Entón, despois de verme na situación de comer todo sen glute e de atoparme mal cando comía fóra da casa, comezou a roldarme a idea deste establecemento”. Así conta Rosi os seus inicios con este local que leva aberto seis meses na Coruña e que non para de recibir clientela e mesmo encargos novos.

Aínda que nos últimos sete anos estivo fóra do mercado laboral, ela traballara antes en supermercados e o seu marido é carniceiro, así que se puxeron mans á obra con esta idea que, apunta Rosi, “creaba dúbidas ao meu marido, por aquelo de que a xente igual asociaba os produtos ao sen sabor por ser sen glute, pero é comida que pode comer todo o mundo e así llo transmito á xente, case dou clases sobre o tema”(ri). E así é, é escoitala falar da súa comida caseira como as croquetas, a lasaña, as empanadas ou empanadillas e fáiseche a boca auga.

Neste senso, explica, “é todo produto de proximidade, comida caseira que fago eu mesma, pero caseira de verdade, teño a cociña á vista, non son preparados que traio doutro sitio. Despois teño outras cousas como a empanada de millo que ma fan de maneira especializada tamén, e unha tendiña con moitas cousas, ademais da carnicería tamén cen por cen libre de contaminación”.

Abrindo un mundo novo

Cóntanos Rosi que moita xente lle di que lle abriron un mundo novo, agora poden comer cousas que antes non probaban. Así, relata, “temos clientes que veñen de lonxe, por exemplo unha muller de Teixeiro que vén buscar produtos para o seu neno celíaco. E é que hai poucos sitios nos que teñas de todo: hamburguesas, carne, empanadas, sobremesas, oito ou dez pratos caseiros…”. E é tal a convicción coa que fala dos seus produtos que acabou por ter moita clientela que non é celíaca. “A lasaña chama moito a atención porque é algo difícil. Eu traio moitas cousas de fóra, de Italia traio a pasta, as placas para a lasaña que dan moito o pego…”, destaca.

O seu dinamismo e ilusión son imparables. “Incluso me retan, porque me empezan a dicir cousas como tiña unhas ganas de… Ai se fixeras disto… Hai tanto que non como isto… pois acabo investigando e acabo facendo. Como cando elaborei máis de 50 quilos  de masa de orellas que o gozou moito a xente, encantáronlles”, recorda Rosi. E, ademais, apunta: “xa non sei como fago tantas cousas, crecemos moi rápido, e teño moitas ideas, pero non me dá a vida. A loxística é a que é”.

Sobremesas e tenda, o paraíso

Eu tampouco teño idea de como fan para abarcar tanto e tan ben. Non podo parar de sorrir cando Rosi me conta que “traio tantas caralladas que cando entran os nenos e nenas na tenda o meu marido di que parece que están en Disneyland, ‘flipan’ coas galletas e con todo o que hai, pregúntanlle aos pais se poden levar calquera cousa”.

E imaxinade a cara da cativada con celiaquía cando ven unha marabillosa tarta de aniversario! “Non son pasteleira profesional pero tamén, debido á demanda, estou facendo moitas tartas. Non sabía eu que ían ter tanto éxito, pero hai nenos e nenas ilusionadísimos que che din que nunca tiveran unha tarta tan bonita, porque as que se comercializan son pouco atractivas. Ao final acabei por facelas para todo tipo de alerxias, sen froitos secos…”, concreta Rosi. Ademais, nas sobremesas destaca a tarta de queixo con pistacho.

En familia

Di Rosi que ten “mil avoas e mil tías”, porque á súa tenda xa vai moita xente como quen vai á casa, cóntanse cousas ou danse consellos, como que non utilicen o forno onde cociñaron outras cousas para quentar a comida que levan preparada. Entre iso e os trucos que comenta Pablo para cociñar a carne, na de Rosi todo queda en familia. Ademais, no local conta cun espazo moi especial. “Monteino co meu neno que ten TEA (Trastorno do Espectro Autista)”, di Rosi. É unha zona de xogos onde poden estar tranquilos os nenos  e nenas porque está moi concienciada con que “a moitos cativos moléstalles o ruído, non poden estar quietos ou non lles gusta esperar, así que esta é unha tenda inclusiva, case teño un servizo de gardería (risas), despois non queren marchar”. Agora están organizando eventos especiais como degustacións para celebrar os mil seguidores nas redes sociais, pero tamén barallan organizar algún obradoiro para os peques. Dan ou non dan ganas de levalos para a casa?

SICILIA IN BOCCA, EN BOCA DE TODOS

E se Rosi fai moi ben a lasaña, seguimos coa comida italiana porque no restaurante Sicilia in Bocca teñen os fogóns a punto cada día para ofrecer opcións para persoas celíacas. Tan preparados están que teñen cociña nun aparte para garantir que non se produza esa contaminación cruzada, cando hai posibilidade de que os alimentos estean en contacto con outros con glute.

O establecemento ten unha traxectoria de anos en Santiago (2008) e abriu as súas portas na Coruña no 2022. É aquí, na cidade herculina, onde apostaron por unha carta sen glute. Isabel Blanco, a dona do restaurante xunto con Domenico Bartolotta, cóntanos que abriron este segundo local “porque tiñamos moita demanda de xente de aquí que viña comer a Santiago e preguntaban por que non abríamos na Coruña. Así que foi polos clientes. Como en Santiago ía ben, decidimos intentalo ”.

Tamén porque teñen esa sensiblidade de escoitar aos clientes e as súas peticións foi polo que comezaron a principios deste mesmo ano cos pratos aptos para celíacos. “Cada vez coñecemos a máis xente celíaca que che transmite esa necesidade. Tiñamos casos de xente que aproveita para vir cando non está a nena que ten celiaquía. Dábanos rabia iso, gustaríanos que viñera a familia xunta e que puideran comer todos, os que teñen intolerancia tamén. A sociedade demanda isto”, explica Isabel.

O sabor siciliano

Dende os comezos en Santiago e agora na Coruña, neste establecemento seguen coa mesma filosofía. “Abrimos un restaurante italiano como se o abriramos en Italia. A característica desta pizza con este concepto, a napolitana ou contemporánea (versión da anterior pero modernizada) é a longa fermentación da masa, cun traballo importante detrás. Cando chegamos, non había nada en Santiago deste estilo”, comenta Isabel. Así, di, “intentamos facer que os pratos sexan como se estiveras en Sicilia. Temos as receitas copiadas da avoa de Domenico, así que a nosa esencia é facer as cousas caseiras, orixinais. Os pratos teñen sabor tradicional e aínda que innovemos non se perde a base caseira”.

Escoitar falar a Isabel, natural de Cee pero con anos de vivencias en Italia, da nona italiana de Domenico é como transportarse ao máis tradicional da súa comida típica. É o concepto dunha “trattoría, que son en Italia como aquí as típicas casas de comida tradicional. Ademais, moitos dos nosos ingredientes tamén os traemos dos provedores italianos, algo que tamén marca a diferencia nas elaboracións”, conclúe a responsable de Sicilia in Bocca.

Cociña libre de glute no Sicilia in Bocca. Foto: Iván Barreiro

Pizza e pasta libre de glute

As persoas intolerantes ao glute tamén poden gozar dese sabor tradicional traído case directamente dos fogóns sicilianos. Neste local, apunta Isabel, “todos os produtos e ingredientes cen por cen sen glute que chegan van para unha zona á parte coas súas propias neveiras, a propia cociña e ata pratos e cubertos propios”.

É tal o coidado que aos comensais celíacos póñenlle o que Isabel chama “un plus de seguridade para que non haxa lugar a confusión”. Un mantel á parte co que garante que non hai contaminación cruzada no seu servizo. Ademais, o restaurante conta coa certificación de ACEGA, a Asociación de Celíacos de Galicia. “Para os clientes con celiaquía é importante ter esta certificación”, aclaran dende Sicilia in Bocca.

Neste menú ofrecen sete tipos de pizzas e outros catro pratos de pasta. A cabeza vainos sempre ao mesmo… E o sabor? “As pizzas, aínda que coas súas diferencias, seguen a estar boas porque os ingredientes son igualmente italianos de primeira calidade. A base é a que hai que traballar, é a que ten a diferenza, é distinta pero está boa igualmente. Xeralmente gusta moito”, afirma Isabel.

O seu obxectivo agora está en facerse cun forno máis grande para esa zona específica para que a celiaquía non sexa ningún impedimento á hora de gozar da pizza e a pasta en todo o esplendor do sabor italiano e que poida estar na boca de todos.

ACEGA, ASOCIACIÓN DE CELÍACOS DE GALICIA

Tanto La de Rosi como Sicilia in Bocca están asesorados por ACEGA, a Asociación de Celíacos de Galicia, que comproba e controla que estes e outros moitos locais son verdadeiramente aptos para persoas con esta doenza. Cos seus controis e analíticas garanten que os procesos son os correctos de maneira que un poida gozar dun menú con tranquilidade fóra da casa.

Gloria Bernárdez, presidenta desta entidade, explica esta cuestión dos controis: “nós tiñamos unha serie de establecementos onde sabíamos que elaboraban sen glute, intentabamos ir por alí a asesoralos, a formalos, pero era algo así como moi voluntario por ambas partes. Ao saír a normativa do 2011 referente aos alérxenos, os establecementos obrigatoriamente tiñan que coñecer ese listado, onde aparece como primeiro o glute, o que afecta aos celíacos”. Foi entón cando en ACEGA deron un paso adiante nese labor de control.

“Decidimos profesionalizar estas funcións un pouquiño. Empezamos a facer convenios de colaboración entre a restauración e a asociación, como entidade que pode axudalos cando necesitan adaptar a súa carta para comezar a cociñar sen glute, ou cando xa o están facendo e queren comprobar que van ben”, aclara Gloria. Así, explica que dende a asociación xestionan “analíticas e rondas de control para que os mesmos restauradores poidan trasladar as súas dúbidas. É fundamental a formación a todos os membros do establecemento”.

Este programa vén sendo financiado dende hai un tempo pola Consellería de Política Social que, aseguran dende ACEGA, “entendeu a importancia para as familias afectadas de contar con locais certificados”.

Asesoramento e divulgación

Ademais do asesoramento, a asociación tamén funciona como unha canle informativa e divulgativa porque promociona aos establecementos. “Unha vez sabemos que un local está elaborando un menú seguro sen glute, nós promocionámolos gratuitamente entre os nosos socios, que son máis de 2.000 familias, e a través dunha aplicación móbil que temos. Ademais, ao formar parte da Federación de Asociacións de Celíacos, podemos chegar fóra de Galicia”, destaca a presidenta.

Neste senso, na web da asociación, www.celiacosgalicia.es, teñen publicado un listado onde consultar os establecementos, de diferente tipoloxía, que teñen oferta sen glute, onde aparecen os dous desta reportaxe e moitas opcións máis, máis de 250.

Nese labor de divulgación tamén se encadran os eventos, como a “Feira gastronómica de Galicia sen glute”, que celebra a súa terceira edición o 26 de maio no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago. “É un encontro no que lle damos a oportunidade aos socios e non socios de coñecer os obradoiros que están elaborando en Galicia sen glute cen por cen. Tamén haberá algún expositor de fóra de Galicia, pero gústanos promocionar o noso”, sostén Gloria dende ACEGA.

Como actuar ben?

Di Gloria Bernárdez que aínda “hai esa crenza de que é moi difícil cociñar sen glute sen contaminar o alimento”. Así, indica que lle aseguran aos asesorados que “son pautas moi sinxelas” e que moito vai tamén “na vontade e dedicación de quen está detrás da cociña”. 

A súa ecuación é a seguinte: “cantos máis ingredientes utilizas máis fichas técnicas tes que revisar, canto máis vaias elaborar, máis coidado tes que ter, é o que pasa coa cociña máis moderna”. Ademais, ás veces a ese certo temor a facelo mal apunta Gloria outra cuestión: “o do celíaco por moda, que vai e pide todo sen glute que para a cociña é un traballo, e despois come algo con glute e non pasa nada, iso non son persoas celíacas. Estanse dando moitos casos e iso á hostalería non lle gusta, o da simple moda”.

Como diciamos, por sorte, cada vez aumentan máis as opcións e a vida para moitas persoas agora sabe mellor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.