CompostelaCulturaNovas

Tatuaxes: cando o lenzo é de carne e óso

O proceso para realizar tatuaxes como a da foto leva horas. Foto: Iván Barreiro

Chego a Nora Tattoo Compostela, na Rúa Nova, e varias persoas están citadas para tatuarse esa mañá. Unha rapaza decidiu levar para sempre na súa coxa a cara da súa avoa reflectida nun espello. Impresiona o parecido coa fotografía que serve como modelo. Noutra sala, cumprindo todas as medidas hixiénicas propias da pandemia da covid-19 -ademais das que xa se utilizan desde sempre neste tipo de estudos- un rapaz estase a tatuar no peito as figuras dun dos cadros máis famosos de Salvador Dalí: ‘Los Elefantes’. E penso: que ben traído para o tema que nos ocupa! Estou alí para entrevistar a Mike, un dos seus propietarios, e saber a súa opinión sobre unha cuestión que leva debaténdose moitos anos: as tatuaxes poden ser consideradas arte?

Antes de entrar en materia, descubramos un pouco máis deste local compostelán. Nora Tattoo abriu as súas portas fai tres anos da man de Mike e Diego -que se coñecían de traballar xuntos noutras tendas- e Rubén, que viña doutro estudo co mesmo nome pero na Coruña. “Facemos tatuaxes de todos os estilos: realismo, tradicional, xaponés… un pouco de todo. Non nos gusta que se nos defina por ningún en concreto”, explica. Sendo o negocio aínda moi noviño, recibiron -coma todos- o inesperado golpe da pandemia. Ao principio levárono con medo, temendo por un peche demasiado longo que acabase co seu soño. Pero tiveron sorte. Como están incluídos dentro do sector dos salóns de peiteado, foron dos primeiros en volver ao traballo. “O último ano non foi tan bo como outros, tivemos certos altibaixos, pero en comparación con outros sectores tradicionais, como a hostalaría e o comercio, a verdade é que non nos podemos queixar”, sinala.

Neste tempo, teñen plasmados na pel da súa clientela centos de debuxos. Hai quen pide consello e quen vai coas ideas moi claras. Só din non a tatuar símbolos ou imaxes racistas, homófobas, fascistas… (“E hai ese tipo de peticións?”-pregunto sorprendida-“Non é moi habitual, pero ás veces pasa”-responden).

Como calquera outro sector relacionado coa estética, hai tamén quen segue as distintas modas e tendencias. “Por exemplo, aos guiris gústalles facerse unha cuncha ao rematar o Camiño”, apunta. Mike lamenta que nos últimos anos haxa quen tatúe “en busca dun ‘like’ en Instagram”, coa idea de aumentar os seus seguidores… “Antes aos tatuadores só lles obsesionaba unha idea: que fosen traballos duradeiros. Que o tattoo funcione hoxe e dentro de quince anos. Para iso, había que mellorar cada vez máis o material, simplificar os deseños, mellorar a técnica… Agora todo é máis volátil: que sexa máis cómodo para traballar, que sexa máis efectivo para a foto, que cumpra os patróns de moda do momento…”.

As tatuaxes non son baratas. Iso é algo que todo o mundo sabe. Pero valorámolas como se merece? Entendemos canto debemos pagar por elas? “Non”, opina Mike. “Coa popularidade dos tattoos, están aparecendo moitos estudos franquicias que funcionan con ofertas. Entramos entón no debate: baixamos o prezo e que non se valore o noso traballo? É caro, si, pero tampouco é exclusivo, non é da élite. Normalmente en calquera cidade os estudos profesionais teñen sempre os mesmos prezos. E mira que somos moi competitivos. En Santiago e en Galicia hai moi bo nivel. Somos gremio. Eu teño moitos amigos tatuadores, que sigo, respecto e admiro”, engade.

Tatuando os elefantes de Dalí. Foto: Iván Barreiro

Arte ou artesanía?

Volvamos á pregunta que lanzaba ao principio desta reportaxe: as tatuaxes son arte? “Eu creo que son cousas distintas, que ás veces conflúen e outras veces non. E iso non é algo nin positivo nin negativo. Tatuar é como calquera outro traballo. Tes moitas limitacións técnicas. Dentro do mundo do tattoo hai tatuadores especialmente creativos? Si. Con capacidades especialmente artísticas? Si. Pero o tattoo é unha forma de arte? Bueno, é relativo. É un tema complexo porque que é a arte? Hai que entender que hai xente que vén a tatuarse unha firma e dá por feito que iso é artístico”, afirma Mike.

O certo é que, tal e como apunta, a determinación de que é o que pode ser incluído dentro do campo artístico atopa desde hai xa varias décadas unha difícil delimitación. É arte o graffiti? É arte a moda? É arte a cociña?

No seu caso, Mike relaciona máis a tatuaxe co mundo da artesanía: “Creo que é algo máis artesanal porque non depende unicamente de min. Eu podo ser totalmente creativo nun papel en casa debuxando, pero aquí é un xogo de dous. Hai toda unha serie de limitacións técnicas. Ti tes unha idea e eu teño unha técnica e iso ten que confluír nalgún punto. A idade, o peso, o ton e tipo de pel… todo inflúe. Iso son cousas nas que a xente non adoita pensar, pero que realmente son moi importantes”.

Tampouco considera que as tatuaxes podan ser obras exclusivas. “Iso é moi relativo. Todo está inventado. Único, único… que é único? O tattoo ,tradicionalmente falando, empeza sendo algo moito máis artesanal, moito máis repetitivo. E iso non o fai peor. Non hai cen mil formas de facer un tigre, ni mil millóns de formas de facer un león…”, asegura. Si que recoñece que para dedicarse a isto saber de debuxo é algo “imprescindible” pero “non é necesario estudar Belas Artes”. “Nin eu nin moitos compañeiros procedemos de estudos artísticos expresamente”, sostén.

Unha visión diferente teñen os responsables do espazo para a arte Os Catro Gatos, tamén en Compostela. “Desde o noso punto de vista, a tatuaxe é arte xa que emprega tódalas premisas propias das artes plásticas como o uso dun soporte (pel), dunha técnica debuxística (tinta), facendo uso da liña, do sombreado e de ambas, na procura do volume, uso de composición, textura, ton, escala… e a manifestación dun estilo característico de cada tatuador/a”, explican Inés Silvalde e Delio Sánchez. Tamén consideran que hai unha tradición de estilos, podendo catalogarse e diferenciarse. “Hai un proxecto que comeza cun proceso creativo de bosquexos e ideas que, en consenso co cliente, rematan nunha obra final. É dicir, cumpre moitos dos requisitos do debuxo, da pintura ou da escultura”, agregan.

En resumo, como sucede cando observamos calquera obra, que cada un ou unha saque as súas propias conclusións. Pode que a tatuaxe sexa arte, sexa artesanía ou non sexa ningunha das dúas, pero forma parte da cultura da humanidade desde hai milleiros de anos.

Para rematar, unha advertencia: pode provocar adicción. “Moita xente non fai tattoos por prexuízos -cada vez menos- ou medo. Pero cando rompes esa barreira, é coma beber cervexa. Se che senta ben, segues”. Palabra de Mike. Dito queda.

Mike (de laranxa) con algúns dos seus compañeiros en Nora Tattoo. Foto: Iván Barreiro