Jamas: “Os piratas eliminan barreiras”

Julio Negueruela alias “Jamas” (Madrid, 1983) era ata agora coñecido por ser integrante do grupo de rap galego Dios Ke te Crew. Sen embargo, neste 2021 preséntanos o seu ‘Diario dun Pirata Confinado’, escrito durante o Gran Confinamento de 2020. Falamos con el para que nos conte se todas as situacións e personaxes canallas e surrealistas que aparecen no libro son reais ou froito dunha imaxinación inflamada pola situación extrema que vivimos.
Que contas en ‘Diario dun Pirata Confinado’? Como naceu a idea?
Contei as vivencias que tiven durante o confinamento, aínda que tamén serviume de pretexto para soltar o que tiña dentro. Non o tiña previsto, xurdiu de maneira espontánea a golpe do 14 de marzo de 2020. A miña parella e máis eu fumos facer unha compra post-apocalíptica (moita cervexa e pouca comida) e no Renault 21 escribín a primeira peza no móbil: “Amanceu asollado, respírase un aire a campamento de verán”. Ese día pola tarde propúxeme escribir un capítulo ao día ata que rematara o confinamento. E así foi.
O libro está escrito en tempo real?
Si, polas mañás, sentado na bicicleta estática, fumaba e bebía tintos (risos), e maduraba a idea. Logo pola tarde nas sestas de Arela (a súa filla) dáballe forma, e á noite matizaba e pechaba.
No libro hai personaxes como o policía Harry ou un óptico cun furancho clandestino. Son reais?
Eses personaxes en concreto non. Mestúrase realidade e fantasía. Hai cousas que semellan fantasía, pero son reais e viceversa. Harry non é un personaxe real, vén inspirado por vivencias que tiven de neno coa garda civil. O doutor Cazalla xa quixera que existira (risos). O repartidor non existe, aínda que realmente chegoume unha bandeira pirata á casa.
Falas de furanchos clandestinos, cans que pasean a donos… Cres que necesitamos a clandestinidade para sobrevivir nunha situación extrema coma esta?
Si. A situación xa era un pouco clandestina. Era a primeira vez que sucedía estar pechados. Saír a pasear en franxas horarias delimitadas; aquí neste país a picaresca é parte da idiosincrasia da sociedade. Ten un atractivo.
Cres que a pandemia restrinxiu liberdades en nome da saúde?
Si, por imperativo legal porque non quedaban moitas alternativas. Ao estar pechado nun piso reflexionas sobre o que non tes, que é poder socializar, saír á rúa, ver á familia, aos amigos, e non a través da pantalla.
Estabamos todos máis sensibles sobre as liberdades precisamente por non telas.

O libro en xeral mostra moito optimismo pola túa banda…
Son optimisma por natureza. Nunca me gustou unha amargura, chorar, o negativismo. Se ben é certo que ter unha pequena é un plus, non che permite botarte abaixo, no meu caso polo menos. Había días algo duros cando ela sinalaba á chaqueta no armario, e como lle explicas que non pode saír…
O diario foi unha sorte de terapia?
Pode selo. Estiven moi entretido con algo na cabeza. Paseino xenial. Quedoume pena ao rematar, sentín un oco baleiro. Decía: “Merda, xa rematei”, sobre todo os primeiros días, porque tres meses escribindo é tempo.
A onde partirías se tiveras un barco pirata de verdade?
Sairía desde o porto de Corme a un rumbo indeterminado. Hoxe, unha praia; mañá, unha cala; contemplar as estrelas, rir, cantar... O patrón deste bar sería un dos tripulantes (facemos a entrevista no bar Javichi da Rúa de San Pedro, cuxo dono é un dos históricos da zona e exerceu como xefe de máquinas). A idea do barco é porque teño un tío que tivo un barco alugado no porto de Xixón cando eu tiña 13 ou 14 anos. Pescabamos bonito. Encantábame contemplar as estrelas desde o barco, vin perseidas coas luces apagadas e é das mellores experiencias que tiven.
Os piratas tamén me gustan no senso de eliminar barreiras que sometan a túa liberdade máis aló do mar, o vento e as estrelas.
Cales son as túas influencias literarias?
José Saramago ten unha voz de autor moi persoal que non a vin noutros autores. Tamén Haruki Murakami, Don Winslow de novela negra, galegos como Teresa Moure (fai o prólogo do libro), Suso de Toro, Manolo Rivas.
Que próximos proxectos tes?
Con Dios Ke te Crew estamos traballando nun EP algo máis longo dos EP´s normais. Gravamos dous vídeos que sairán proximamente.
A nivel literario eu escribín desde neno, pero sempre para min, nunca tiven a ansia de publicar. Ata este momento, animado pola contorna, que lles enviaba os capítulos. Eu tiña poesía, sonetos de estrutura clásica. Seguramente editarei poesía e gustaríame facer algo de narrativa.