A gorida do artistaCompostelaCultura

Pedro Millán: “Sinto a pintura como unha radio inexplorada na que sintonizar a través dun mundo de manchas e formas”

Por Inés Silvalde

Cando fun visitar a Pedro, as pedras da rúa da Angustia aínda desprendían densos fíos de calor que se amarraban ás miñas pernas. Buscando a sombra na pendente, cheguei a un gran portalón onde me esperaban. Ao adentrarnos, a calor deu unha tregua baixo un ambiente escuro e singular. Tratábase dun antigo taller de coches dos anos 80.

Observo volumes de obxectos que describen un escenario de película: un coche vello, un piano de cola e múltiples reliquias que visten un espazo iluminado por unha tímida fiestra ao fondo. Aquí é onde Pedro adoita traballar, arroupado por unha suxerinte e ecléctica atmosfera.

Pedro Millán é un artista plástico compostelán que liga a produción artística co traballo de afinador e reparador profesional de pianos.

A música e a arte chegaron como herdanza familiar. O seu pai, Martín Millán, un home cunha densa traxectoria musical, formouno en piano e violín.

A bonita lembranza dos debuxos que facía súa nai, auguraron unha dedicación, pero foi no taller de escultura do seu avó no que posiblemente modelou a idea de expresarse a través da arte. Taxista e carpinteiro de oficio, creaba formas e relevos en cemento. Lembra especialmente o da súa avoa, Clara.

Indagando algo máis na orixe, descubro que foron os bosquexos dun mestre de pasantía os que espertaron o interese pola arte. Entre as materias máis densas da escola, aparecían personaxes de historias mitolóxicas que sinalaron un camiño para a expresión a través da creatividade.

Foi froito do azar que acabasen aprendendo técnicas pictóricas, el e o seu irmán Pablo, no estudio arousán de Ciro Sánchez, mentres seu pai impartía clases de violín.

Entretidos en falar de múltiples cousas,  espimos cadros envoltos dende fai tempo. Móstranse así pezas realizadas ao longo dos anos. Algunhas delas da época da facultade de Belas Artes en Pontevedra.

Estas pinturas lévannos a diferentes escenarios: paisaxes urbanas que describen humildes ángulos da arquitectura da cidade, natureza resolta cunha pincelada firme e expresiva, ou composicións matéricas que constrúen bodegóns.

A figura humana sempre constante na súa produción plástica,  ben sexa amosando a parte máis academicista da análise e estudo do corpo ou como escenas de personaxes de trazos xestuais con liñas infinitas que narran acontecementos da vida cotiá.

Falamos do traballo artístico destacando a importancia do hábito dentro da pintura. Como pode ser moi habitual no proceso pictórico, o encaixe da composición con lapis ou 'carboncillo' é un dos primeiros pasos á hora de enfrontarse a un lenzo en branco. Destaca o artista que, a emancipación dese sistema nalgunha das súas obras, aportoulle frescura e espontaneidade no procedemento creativo, debuxando directamente coa pintura. O hábito pode ser que nos faga valentes para obviar ao esqueleto da pintura ou bosquexo de orixe e así levar a cabo unha evolución fluída e permeable fiel ás necesidades que se van manifestando en todo o proceso. Podemos chegar a ser presos dos nosos propios métodos e pecharnos á improvisación ou á intuición.

Segundo Pedro, a técnica do ‘carboncillo’ responde perfectamente a este criterio. Sintetiza nesta técnica luces e sombras con un trazo rápido que aporta movemento ao debuxo.

A propia man do artista manchada do material mineral que sucumbe ao papel.

Péchase a porta do garaxe. Dentro quedan os cadros na penumbra que pode que volvan a ser retomados e pianos que volverá á vida en forma de instrumentos ou como mesas de traballo creativo. De forma virtual, están as súas creacións no Instagram como
@peterjmillan

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.