Sempre nos quedarán as terrazas!
Xa sei que aquí chove… Xa sei que non se poden -nin nos deixan- facer plans a longo prazo… Pero sempre nos quedarán as terrazas! Si. En Santiago e na redonda, tamén. Que llo pregunten aos fumadores, cando prohibiron fumar dentro… 😉
E imos falar de terrazas cun encanto particular. Hai para escoller e, en Santiago, coñecemos unhas cantas. Por exemplo, quen non gozou algunha vez do marabilloso xardín do Hotel Costa Vella? Despois dun tempo pechados para mellorar a accesibilidade da entrada, este espazo máxico na rúa da Porta da Pena loce esplendoroso xa neste tempo de verán. Desde primeira hora do día para almorzar ata como opción de despedida da tarde, tomar algo neste lugar sempre é un acerto.
Outra terraza con moito encanto en Compostela é a do Pub Momo, na Virxe da Cerca.
Javier Rivera chegou á cidade fai 38 anos. Foi grazas a un amigo que, deixando Madrid, decidiu emprender a viaxe ata aquí e a aventura no mundo da hostalaría. “Montamos un bar!” foi a frase da que partiu o proxecto do Momo. No 1995 empezou a funcionar a terraza deste pub.
“A parte do xardín foi despois e o nome ven do libro que me regalou o meu amigo, polo tempo e pola amizade. Precisamente no local hai tartarugas en honor á Casiopea, do ‘Momo’ de Michael Ende, e reloxos! En honor ao tempo e o resto pois… A tanta amizade que xera e que xurde nun bar! A terraza era unha horta a monte, que conseguimos alugarlle á propiedade, con esas marabillosas vistas a Belvís… Un xardín agochado de 600 metros, que se sumaban aos outros 100 do local”, explica Javier.
Que ten de especial a terraza do Momo, logo? “Xa tiñamos unha terraza interior e tendo unha exterior, neste tempo que permanecemos pechados pensamos: Hai que potenciala! Investimos de cara o futuro, para sacarlle maior partido a un sitio único. A parte dunha distribución do espazo diferente, para que colla máis xente, respectando as distancias, puxémoslle unhas estruturas de forxa cuns policarbonatos pintados, como se foran galerías, facendo arcos, e que ademais están serigrafiados con pinturas de Miquel Barceló, nas que interpreta á ‘Divina comedia’ de Dante Alighieri. Gústalle moito á xente! É un espazo aberto ao principio, ao final e nalgúns espazos intermedios, para poder gozar da terraza, en calquera momento, sen mollarte! Porque estás protexido, na zona exterior! Tes ventilación, que hoxe temos os nosos medos aos interiores… Aquí podes gozar da terraza, sen pasar frío, coas vistas ás hortas de Belvís, ao Seminario Menor. Todo verde, todo moi integrado. Deste xeito, en lugar dun mes de verán nada máis, temos seis ou sete meses para aproveitar unha zona totalmente integrada coa vexetación e coa paisaxe. É o mesmo local, cunha nova particularidade!”.
Chega a pregunta do millón: Ides ou estades facendo algunha actividade no Momo? Javier suspira. “Pretendemos facer algunha no festival Feito a Man, se se pode. Pero non che podo dicir se chegaremos a ese momento. Ao longo destes anos, fixemos miles de actuacións de música, xa só o cantautor Ricardo Parada leva tocando 25 anos, todos os martes… Maxia, contacontos, presentacións de libros, conferencias internacionais de literatura, a maiores de festas de aniversario, vodas, etc”.
Javier non pode deixar quedar sen dicir que a hostalaría está sendo o sector máis castigado de todos: “Temos que esixir probas de antíxenos, PCR… Pero só os pubs, o resto non… parécenos un erro! Haberá que facelas todo o día ou é que o virus se organiza mellor a partir da 1 da mañá? Ten que haber medidas, pero non só para a hostalaría nocturna. Porque só temos unhas poucas horas e non nos deixan traballar. Gustaríanos que a Policía tamén controlara máis, para que ninguén se exceda do seu horario e que nós tendo este xardín único, poidamos traballalo e aguantar, como estamos facendo… Porque encántame o que fago e quero que a xente poida seguir gozando da terraza e do pub Momo!”.
Quédanos invocar a Dante e a Virgilio, coma se dunha viaxe polo inferno se tratara… “Volve a túa vista no xardín divino/ e que voe acendida e sen retardo/ ata alcanzar o esplendor xenuíno”… Xa logo parece que vivimos dentro da ‘Divina Comedia’, agardando acadar de novo o paraíso, a liberdade… Os bares!
Ideal para familias
Imos ata Teo agora. En As Brasas, Cristina Freiría dirá que o seu home Oliverio Pereiro “xa che fala todo, que ten corda para rato!”. Aparte das galiñas, das figueiras, do parque homologado para os rapaces, da carpa para facer aniversarios, comuñóns e demais festas de gardar, tivo un porquiño que dixo que posaría para a foto encantado! E as ovellas, non as esquezamos. Que eu fun veciña deste bar ata fai nada.
“Aquí vén todo o mundo, a todos lles gustan As Brasas. Dende os pequenos aos seus pais, cuadrillas de amigos, aos veciños do Milladoiro, á xente de Santiago, do propio Teo… Porque aquí hai moito espazo. Aquí vén ata o alcalde cos seus fillos! (Rimos) Si, si, sobre todo familias! Porque facemos eventos con monicreques ou contacontos, ademais de traer algún grupo musical e facer algún concerto con artistas de por aquí”, comenta Cristina.
De especial, a maiores dos 4.000 metros que ten de finca, os xogos infantís, a zona de xardín, as actividades enfocadas para as familias e en especial para os máis pequechos, aquí podes comer rico ou tomar algo relaxadamente, gozando do campo, do espazo e do ambiente, coma se non estiveras en plena cidade!
Oliverio leva 11 anos aquí. Ten 54 anos e comezou na hostalaría con 15, na rúa do Vilar. Ten tres fillos e viu isto como un seguro de vida. “Para asegurarme un futuro. Cando a miña muller quedou do terceiro, que é unha nena, tiven que poñerme as pilas, eh! –Di todo serio- Si, si. E montamos o negocio. Foi o mellor que puiden facer!”. Chega Cristina e Oliverio dille que espere que o están entrevistando. A gargallada limpa todos! Que paciencia que ten ela, porque tiña razón ten pila para nós e para todo o barrio!
As mesas en As Brasas están a 3-4 metros, unhas das outras… “E voulles facer uns apartados, destes de pérgolas. Poñerei luceciñas, a estrutura do solo vai ser de madeira e cortinas de abanico, non sabes? Para comer”. -Para as unidades familiares?, pregunto rindo. E contesta: Si. Dígolle que non somos ninguén!… Rimos. “É para grupos de amigos, para estar cómodos”, explica. Vai poñer máis iluminación polas árbores…
A min xa me gusta así. Eu aínda estiven aquí o domingo, o meu amigo Alberto enviou a localización, dicindo que estaba “onda as galiñas!”.
As Brasas abre das 9 da mañá ás 12 da noite, todos os días. Aquí estase moi moi agustiño!
No verán parará a axenda. “Teño pensado facer máis cousas en setembro, á volta das vacacións. Porque no verán a xente baixa á praia. Despois cando esteamos máis metidos no inverno, pararemos un pouquichiño. E na primavera de volta outra vez, maio e xuño, os dous meses, porque para os eventos ao aire libre, necesitamos bo tempo… E a música hai que facela, porque hai que divertirse, desafogarse! Fai falta. Todo coas separacións, sentados, a xente encantada, respectan, porque nos respectan a nós! En As Brasas temos moi boa clientela. A verdade e que en todo o que fixemos todos encantados, xa parecía que desaparecera o COVID”.
Parecía… Pero sempre, sempre nos quedarán as terrazas!