Alberto Añón, de Alfarería Lista: “Adaptamos as pezas aos pratos dos cociñeiros”
Alberto Añón é un mozo oleiro de apenas 30 anos de idade que continúa coa tradición oleira da súa familia na Alfarería Lista, fundada polo seu pai José Antonio Añón.
Nesta entrevista fálanos do arraigo de seu traballo de oleiro coa localidade de Buño á que pertencen e de como colaboran con restauradores e restauradoras.
Como comezaches no mundo da olería?
Aquí en Buño xa é tradición. Empecei a través do meu pai, que se leva dedicando toda a vida. Teño que dicir que ao principio non me dicía moito, pero logo estudiei escultura e cada vez collinlle máis gusto ao barro. Xa levo catro anos.
Que materiais e técnicas empregas no teu traballo?
Temos o barro propio de Buño no 80% da nosa produción. Dependendo da técnica, tamén usamos materias primas doutras zonas de España. Por exemplo, pastas de Valencia, Cataluña…
En canto ás técnicas, usamos a do torno e novas tecnoloxías como impresión 3D e diferentes ferramentas que nos facilitan o traballo.
Que relación tedes coa restauración?
Comecei hai un par de anos traballando con restaurantes e bares. Parece que hai uns anos quedara un pouco de lado a cerámica, pero agora está a volver con forza con pezas para comer, servir, poñer pratos…
Destacan as bandexas e, grazas a darnos a coñecer a través de Artesanía de Galicia, pídennos pezas para comidas máis elaboradas. Por exemplo, cuncas, vasos… Adaptamos as pezas aos pratos que fan os cociñeiros.
Que supón entón para vós contar coa marca de Artesanía de Galicia?
Pois para nós é practicamente todo. En Artesanía de Galicia están traballando a un nivel top de promoción. Estamos chegando a mercados internacionais (Londres, Estocolmo, etc.). Sen eles non chegariamos tan lonxe. Están levando ao noso sector ao mellor de España.
Onde podemos mercar as vosas pezas?
A través da tenda online en alfererialista.com, nas redes sociais, en feiras e na nosa tenda en Buño.