fbpx
A CoruñaCulturaNovas

A Deputación da Coruña homenaxea a unha ducia persoas e entidades na Gala de Premios culturais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañados por parte da corporación provincial, encabezaron a Gala de Premios culturais da Deputación na se homenaxearon as 12 persoas e entidades premiadas nas convocatorias do exercicio 2022.

Así, subiron ao escenario do Teatro Colón a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesás Carmen Riveiro e Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do Ceip Barouta e da Federación de Redeiras Artesás O Peirao. Ao igual que na pasada edición, a luz foi o fío condutor do acto e protagonista de toda a escenografía, incidindo no simbolismo da luz que todas as persoas premiadas aportan á Cultura, e por tanto á sociedade

Neste sentido, Valentín González Formoso, na súa intervención instiucional, felicitou a todas as gañadoras e gañadores e felicitouse de poder recuperar a presencialidade desta gala cultural tras dous anos de limitacións pola pandemia.

“Na Deputación somos conscientes da importancia estratéxica que ten a industria cultural galega, un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia e para a proxección exterior do noso país”, afirmou Formoso, que lembrou que do sector cultural dependen máis de 30.000 empregos e representa arredor do 2% do PIB galego. “Estamos falando de cifras similares ao do sector da pesca, que entendo que ninguén negará que é fundamental e estratéxico para a economía de Galicia”, afirmou o presidente, que indicou que a pesar destas cifras e da seria afectación que a pandemia causou ao sector cultural, a proporción do gasto en cultura sobre o orzamento total da Xunta vén sendo inferior ao 1% nos último anos, segundo os datos do Consello da Cultura Galega. “Na Deputación da Coruña cremos que a cultura en Galicia conta cun enorme potencial aínda por desenvolver, por iso tratamos de apoiar aos nosos creadores e creadores premiando o seu talento con galardóns coma estes e por iso tratamos de facer a cultura accesible a todas as persoas, levándoa a todos os recunchos da nosa provincia”, sostivo.

Pola súa banda, Xurxo Couto puxo en valor o traballo que se realiza desde a institución provincial para apoiar de xeito “sólido e estable” a creación artística. Un apoio que, ademais das convocatorias de premios, se vén incrementando con novas iniciativas como as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán. “É unha liña de traballo prioritaria que, no relativo á creación, implica a máis dun cento de persos remuneradas porque, volvo repetilo unha vez máis, sempre defendemos que todos os elos do sistema cultural deber ser tratados profesionalmente”.

O deputado de Cultura tamén aproveitou para defender “un modelo cultural propio” baseado en eixos como a lingua, a capacidade de transformación social da cultura e o traballo desde o local cara ao universal, abranguendo todo o territorio e sempre da man dos concellos, entidades e artistas e creadoras. Por último, tamén insistiu en manifestar o “orgullo de termos unha cultura propia que nos diferencia como pobo” e salientou “o talento e na potencia do noso sector cultural, e nomeadamente nos creadores e creadoras deste país”.

A Gala estivo presentada pola xornalista Marga Pazos, e contou coas actuacións da contadora Carmen Conda e música de Antía Muíño. Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.