Arantza Portabales: “En ‘O home que matou a Antía Morgade’ falo moito da xente que non é quen de superar o pasado”
Por Marta Seoane
Tralas recoñecidas obras ‘Beleza Vermella’ e ‘A vida secreta de Úrsula Bas’, chega da man de Arantza Portabales ‘O home que matou a Antía Morgade’ (Editorial Galaxia, 2023), unha nova historia dos aclamados detectives Abad e Barroso que sairá á venda o 16 de febreiro.
Nesta nova novela a acción ocorre nun piso tutelado. Porque quixeches reflectir esta realidade e como xurdiu a inspiración?
Do ano 2002 ao 2007 traballei con pisos tutelados. Ademais son amiga dos xestores da ONG que leva estes pisos. Para min é unha realidade coñecida polo meu traballo, pero tamén é unha situación que quería que quedase reflectida, porque é realmente desolador ter dezaoito anos e ver que, de súpeto, estás na rúa. No caso desta historia, o piso tutelado coloca aos personaxes nunha situación de vulnerabilidade que é o que lle dá o punto especial á novela.
Moita xente se sentirá identificada cos protagonistas, xa que son un grupo de amigos que levan anos sen verse. En que medida están feitos os personaxes para que os lectores e lectoras se vexan reflectidos nas súas historias?
Eu sempre vou collendo realidades que pasan na vida. Gústame analizar os personaxes dende dentro, e ser quen de plasmar as súas emocións para que calquera se sinta identificado coas historias dos protagonistas. Pásame con todas as novelas, que a xente se me acerca e me comenta que se senten identificados con certos personaxes. Somos moito máis normais do que pensamos. É certo que o lector adoita empatizar pronto porque fago persoas moi estereotipadas; a tía que leva toda a vida namorada do seu amigo, o cantante bohemio que canta no pub, o pobre amigo ‘yonki’… Desta maneira a xente entra directamente nos personaxes, acaba entendendo as súas situacións e son quen de poñerse no seu lugar. Isto intento facelo en todas as novelas, sobre todo para reflexionar en cada historia sobre algo. En ‘Beleza Vermella’ reflexiono sobre a culpa, ‘Na vida secreta de Úrsula Bas’ falaba da crise existencial, e nesta novela, ‘O home que matou a Antía Morgade’, falo moito da morte, do loito e de como hai xente que non é quen de superar o pasado. É unha constante en toda a miña obra plasmar situacións que necesitan ser tratadas; o suicidio, a depresión, a violencia…
Chama a atención o personaxe de Rosa. Como se fai tan atractiva aínda non sendo unha protagonista da novela?
É un personaxe curioso. É unha muller que é vítima das súas propias debilidades, e iso pásanos a moitas persoas. Rosa é unha persoa que non ten forza para enfrontarse a ela mesma. É unha persoa complexa, que ten case un síndrome de dióxenes e unha adición. Ten os seus puntos de luz e ten unha certa redención, aínda que non me gusta redimir aos personaxes, neste caso era necesario para facerlle xustiza.
Ao longo da novela menciónanse bares, restaurantes e pubs santiagueses. Gústache ir a estes lugares para coller inspiración?
Adoito poñer sitios que coñezo. Neste caso puxen o Momo porque frecuentei moito o pub e escoitei moita música en directo alí, quería reflexar ese ambiente que coñezo tan ben. No caso da gastronomía tiña moi claro que a acción ía desenvolverse na Horta do Obradoiro, porque quería un lugar aberto, pola covid, e un lugar onde se vise a catedral. Tamén reflicten as boas experiencias cos sitios, noutras obras menciono o Atlántico, La Flor… Tamén son consciente de que aos hostaleiros lles gusta moito ver a cidade e a súa gastronomía representada nas historias. A cidade latexa a través do comercio, da hostalería e das paisaxes.
Como foi o proceso creativo no tempo da pandemia?
Eu estiven enferma na primeira parte da pandemia, co cal no confinamento puro e duro estiven mal. Despois como o meu traballo era esencial, xa estiven saíndo da casa e traballando “normal”. A min os tempos creativos márcanmos as editoriais, e no tempo de encerro colleume en tempo de corrección e de facer manuscritos, non me colleu en fase plenamente creativa. Neste sentido non me afectou nin me fixo ter máis inspiración.
Como é compaxinar a vida cotiá coa vida de escritora?
Como todo na vida. Como é ser nai e ter que compaxinar un traballo con coidar a un rapaz pequeno? Cada unha vaise adaptando ás circunstancias da súa propia existencia. No meu caso, vouno intentando, a pesar de que cada vez a escrita exixe máis. Eu son funcionaria por pura vocación, e realmente aínda que nunca souben que ía ser escritora, cando apareceu esta paixón souben que chegaba para quedarse. A clave está aí, en facer o que realmente che gusta, na paixón.
Que temos que facer para que a xente nova se interese na lectura en galego?
A solución para que a xente nova lea en galego, é facer literatura infantil en galego. Ninguén empeza lendo a Prust ou a Otero Pedrayo, entón a responsabilidade dos que facemos libros é escribir literatura que reflicta a realidade, que estea acorde co que pasa na vida cotiá. E a segunda cousa é loitar, loitar contra todos os estímulos que están a pasar por riba da escrita. Eu son a primeira que utiliza o móbil, pero os rapaces non despegan a súa mirada dos aparellos electrónicos, e temos que conseguir que se están con eles, polo menos que estean lendo. A primeira responsabilidade non é dos rapaces, é dos pais e dos docentes. Temos que crear lecturas atractivas que esperten o gusto lector das novas xeracións.
Como ves o futuro de Abad e Barroso? Teremos máis aventuras con esta parella de inspectores?
Iso máis que na miña man está en mans dos lectores, que lles gusten as historias e queiran máis. E tamén dos editores, que queiran continuar publicando. Tamén é certo que eu non son moito de planificar; se o éxito das novelas chegou espontaneamente, por que planificar agora? Se non sabemos o que vai pasar a semana que vén…
SINOPSE:
Seis amigos reencóntranse despois de vinte anos nunha cea o 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. Baixo o estrondo dos brindes e dos fogos artificiais, un disparo remata coa vida dun deles.
O inspector Santiago Abad e a subinspectora Ana Barroso terán que enfrontarse a este crime nunha nova e apaixonante investigación, e todo apunta a que é, no pasado común deses comensais, onde se atopa a chave da súa resolución. Un tempo adolescente en que eses seis amigos compartían un piso de menores tutelado e onde aconteceu unha traxedia que marcou a todos para sempre: a morte da súa compañeira Antía Morgade.
Nunha carreira contra o reloxo, Abad e Barroso deberán dar o mellor deles para evitar un novo asasinato entre un mar de mentiras, segredos e desconfianzas.