fbpx
GaliciaNovas

Os organizadores de eventos e espectáculos galegos mobilízanse para reclamar medidas urxentes que salven ao sector

O movemento Alerta Roja, que xurdiu da unión de moitos profesionais para dar visibilidade á alarmante situación que vive o sector de espectáculo e eventos pola crise sanitaria da Covid-19, convoca para este xoves, 17 de setembro, mobilizacións en 28 cidades de toda España. No caso de Galicia, coa Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo como punto de unión e traballo e co apoio de entidades como Músicas ao Vivo, haberá manifestacións en Compostela e en Vigo. En Santiago a cita é na Praza do Obradoiro ás 20:30h, mentres que en Vigo está convocada para as 19:30h na R/ García Barbón nº99. Requírese que todo o mundo vaia vestido de negro.

Baixo os lemas #alertaroja #hacemoseventos, o obxectivo é dar visibilidade á alarmante situación que está a vivir o sector, e á falta de recoñecemento por parte das Administracións Públicas como un sector especialmente prexudicado pola crise sanitaria, e estratéxico dentro da recuperación económica do país.

Así mesmo, solicitan un compromiso urxente, por escrito, por parte das Administracións Públicas, dun Plan de Rescate inmediato que asegure a supervivencia de todos os profesionais que, sen traballar desde o mes de marzo, estanse a ver en situacións extremas para poder atender ás súas familias, e que teña tamén en conta ás empresas que ven abocadas irremediablemente a pechar nos próximos meses.

Manifesto

1º Que se recoñeza ao sector dos espectáculos e os eventos entre os sectores principalmente afectados pola pandemia da Covid-19.

2º.- Reactivación inmediata das axendas culturais e de eventos das administracións públicas, baixo o estrito cumprimento de todos os protocolos de seguridade sanitaria.

Para os traballadores autónomos:

3º.- Prórroga da prestación especial por cesamento de actividade, ata a súa reactivación cunha recuperación do 100% de aforos, aos que continúan coa súa actividade paralizada, con exención ao 100% da cota do RETA, e posibilidade de acceso reducindo o requisito da diminución de ingresos ao 30% en relación cos mesmos trimestres do ano anterior. Cotización graduada segundo días traballados.

4º.- Adopción de medidas lexislativas específicas para os que, debido ao carácter estacional e intermitente da actividade, non se atopaban de alta no sistema da seguridade social ou se atopaban de baixa por enfermidade no momento de inicio da pandemia. Acceso ás prestacións por cesamento de actividade.

5º.- Recoñecemento de cesamento de actividade extraordinaria por forza maior aos traballadores autónomos con menos de 2 anos de alta no RETA. Acceso ás prestacións por cesamento de actividade ata a súa reactivación cunha recuperación do 100% de aforos.

6º.- Redución do tipo impositivo e/ou establecemento de deducións na cota do IRPF para traballadores autónomos e profesionais do sector desde a súa incorporación á actividade, tendo en conta a estacionalidade e intermitencia da súa actividade.

Para os traballadores por conta allea:

7º.- Durante o período de inactividade, e ata que se reactive cunha recuperación do 100% dos aforos, os traballadores non verán consumido o seu dereito a prestacións e/ou subsidios, téndose en conta o carácter retroactivo desta medida desde o 14 de marzo do 2020.

8º.- Recoñecemento da actividade como intermitente e adopción de medidas lexislativas referentes ao réxime de cotización e protección social, permitíndose a obtención automática de prestacións de desemprego en cada período de inactividade que sucede entre contrato e contrato de traballo unha vez alcanzadas un número de horas mínimas.

Para as empresas:

9º.- Recuperación dos ERTE por forza maior total con exención do 100% das cotizacións en seguridade social, ata que sexa posible traballar co 100% dos aforos e manter a prestación de todo o persoal afectado por un ERTE no 70% da Base Reguladora.

10º.- Adaptación específica dos instrumentos de regulación de emprego á estacionalidade e intermitencia da actividade segundo se vaia recuperando a actividade. A nova regulación da forza maior parcial resulta totalmente incompatible coas dinámicas de traballo deste sector que unicamente precisan da reincorporación de traballadores para escasos días, mesmo para estes supostos, débese cotizar tanto polos traballadores reactivados como polos traballadores que continúan no ERTE, o que implica que as empresas do sector teñan que traballar a perdas.

11º.- Redución do tipo impositivo do Imposto de Sociedades para os exercicios 2020 e 2021, e aprazamentos excepcionais sen garantías en débedas tributarias de calquera contía, a 18 meses sen intereses. Exención para os mesmos períodos do Imposto sobre actividades económicas, Imposto sobre Bens Inmobles afectos ao desenvolvemento da actividade, así como tributos locais, taxas e impostos especiais vinculados ao desenvolvemento da actividade empresarial.

Para o sector:

12º.- Establecemento de axudas directas a autónomos e empresas do sector que acrediten unha diminución do volume de ingresos superior ao 50% en relación co exercicio anterior, vinculadas ou non ao investimento realizado en exercicios anteriores e ao nivel de endebedamento.

13º.- Aplicación do IVE/IVE reducido nos sectores vinculados á Industria Cultural, do Espectáculo e Turismo de Congresos, Reunións, Incentivos e Eventos ( MICE), como medida dinamizadora da actividade.

14º.- Moratoria en créditos ICO ata a reactivación da actividade entendida como a recuperación do 100% dos aforos.