A Coruña celebra a Luísa Villalta
Versos de Luísa Villalta no coruñés barrio do Papagaio. Foto: Iván Barreiro
Foi na Coruña, o 15 de xullo do 1957, onde naceu Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano pola Día das Letras Galegas. E foi tamén aquí onde a escritora faleceu no 2004, con 46 anos de idade vítima dunha meninxite. Coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento, a urbe acollerá diversos actos para recordala, organizados polo Concello, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e outras entidades e organismos culturais.
A Coruña deixou unha gran pegada na obra poética de Luísa Villalta e noutros títulos como a novela ‘Teoría de xogos’. A autora, que era docente no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, foi un expoñente fundamental á hora de trenzar a identidade da literatura galega entre as décadas dos 80 e os 90. “Ler a Luísa era, e é, viaxar ao corazón dos barrios da nosa cidade. Unha persoa coma ela, que se achegou a todos os recunchos ocultos da Coruña con sensibilidade e compromiso, tiña que formar parte da nosa paisaxe urbana. E así é desde o ano 2019, cando se incorporou o seu nome ao noso rueiro, no barrio de Xuxán”, comentou a alcaldesa Inés Rey no acto de inauguración do Belén da cidade nas pasadas festas de Nadal -que incluía por primeira vez unha figura da escritora. “Lembrar a Luísa Villalta é recuperar o seu legado cultural e a súa pegada feminista”, asegurou entón a rexedora.
Este perfil máis comprometido é tamén o que destaca en ‘Papagaio’, o poemario que escribiu sobre o derrube do barrio da prostitución da súa Cidade Alta e que se publicou postumamente. Maribel Longueira, que fotografou todo o proceso de derrubamento, convidou a varias poetas a escribir algún texto sobre o barrio. Ás poucas semanas Luísa Villalta presentouse na súa casa con 19 poemas, as imaxes correspondentes e todo organizado nas tres seccións que despois integrarán o libro.
Multixenérica e música
Poesía, teatro, narrativa e ensaio forman parte da obra de Luísa Villalta, unha escritora multixenérica. “Sitúase sempre na emoción e na ambición expresiva: poética sen concesións, que propón unha lectura esixente, ao tempo que ofrece rexistros renovados e estimulantes”, afirma o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
Ana Romaní, autora da biogafría que podemos ler na web da RAG, recoñece a Villalta como unha escritora que se incardina no seu tempo e sempre atenta aos debates do momento en que viviu, pero subliña a capacidade que demostrou de trazar no literario itinerarios insólitos. “Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende pola súa singularidade”, sinala.
Titulada superior en violino, chegou a forma parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público, profesión que exerceu con destino definitivo a partir de 1991 no IES Isaac Díaz Castro de Sada. Así e todo, a música nunca a abandonou e deixou unha fonda pegada na súa produción literaria dende os seus inicios, con títulos como a obra teatral ‘Concerto para un home só’ (1989) -a súa primeira publicación- e o seu debut como poeta, ‘Música reservada’ (1991), ou o ensaio ‘O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as artes na historia da literatura galega’ (1999).
Lembrando a Villalta
A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña preparou unha campaña polo Día das Letras Galegas centrada na figura de Luísa Villalta, que inclúe diferentes actividades, algunhas durante todo o ano: obradoiros en centros de ensino, distribución de libros, contadas infantís, ilustracións e unha gala no Teatro Colón con poetas, cantantes e compositores que ao peche desta edición aínda non anunciara a súa data.
A Deputación colabora tamén na serie documental web ‘Luísa Villalta: a rebelión da palabra’, producida pola Real Academia Galega e que pode verse na páxina web da institución academia.gal A serie consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa, unha creadora que -coinciden os entrevistados- cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como unha forma de transformalo a través da emoción.
O impulso destrutor / da vida / oferécenos o / medo / como refuxio / único, / mentres / dá cabo / ao seu / traballo / inevitábel. / Mentres, o sosego / da espera, / a emoción da / observación, / a rebelión / oportuna. / A palabra, escribiu a autora semanas antes do seu pasamento no almanaque poético no que estaba a dialogar con poemas de autores universais, publicado postumamente baixo o título ‘As palabras ingrávidas’ (2020). “Estes versos inspiran o nome da serie e condensan a confianza de Luísa Villalta na capacidade transformadora da literatura. E esa esencia dela queda perfectamente captada nesta narración audiovisual”, salientou o presidente da RAG. “É un relato que transmite e fai sentir o enorme impulso creativo, a gran curiosidade intelectual, a sensibilidade artística e claro sentido da xustiza da escritora que celebramos este 17 de maio”, engadiu Víctor F. Freixanes.
O 17 de maio a RAG celebrará o seu pleno extraordinario no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, contará con tres intervencións sobre a autora a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal.
Por outra banda, e dirixido ao público más novo, a RAG conta co portal primaveradasletras.gal no que, ademais doutras actividades interactivas arredor do universo vital e literario da autora, tamén pode descargarse o conto ‘Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta’, de Xoán Babarro e Ana María Fernández.
Xa no último cuadrimestre do ano, a RAG celebrará o Simposio Luísa Villalta, no que reunirá distintas voces especialistas que achegarán novas contribucións arredor da súa figura e do seu legado literario.
A vida da coruñesa Luísa Villalta
Fotos: Arquivo familiar de Luísa Villalta.
A biografía que asina Ana Romaní sobre Luísa Villalta na web da RAG recolle os seus primeiros anos na casa familiar da rúa Vila de Laxe no barrio da Falperra. A escritora era a filla maior dunha familia de clase media. O seu pai era profesor mercantil e súa nai, formada en comercio.
Villata comeza a súa formación no Conservatorio de Música da Coruña con oito anos. Estuda tamén no colexio das Xosefinas e remata o curso de acceso á universidade no Instituto Eusebio da Guarda en 1973-74.
Licénciase en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela en 1982. En 1988 aproba o concurso-oposición de agregados de Bacharelato, segundo denominación da época, e despois de impartir aulas en varios centros exercerá en 1991 como profesora de lingua e literatura galega con destino definitivo en Sada, no instituto Isaac Díaz Pardo.
A música foi a ocupación principal na mocidade, obxecto dos primeiros artigos e foco de moitas das reflexións ensaísticas posteriores. Será tamén base da articulación da obra literaria e trazo significativo da súa poética.
Nos anos 90 entra como vogal na directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, participa no consello de redacción da revista Contemporánea, representa a AELG no European Writers Congress en Viena, asiste aos congresos de Galeusca, ao III Congreso de Escritores Galegos, ao Simposio Internacional Muller e Cultura ou ás I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa.
Participa vivamente tamén nos debates culturais da fin do milenio. É unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega - no que coordina a área de Revisión Histórica e Análise Crítica da Cultura- que tiña por obxecto analizar as condicións da cultura.
Luísa Villalta falece inesperadamente na madrugada do 6 de marzo de 2004 na súa casa da Coruña, mentres durmía. Unha meninxite fulminante pon fin á vida da escritora. Os seus restos mortais descansan no cemiterio de Santo Amaro da cidade herculina.