Christian McBrid e Tia Carroll actuarán en xullo na Coruña no Festival Internacional +QJazz
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, participou este luns no acto de presentación da nova edición do Festival Internacional +QJazz, unha iniciativa na que o Concello da Coruña colabora coas principais salas de música en directo da cidade para ofrecer, entre os días 2 e 9 de xullo, un amplo abano de concertos que estarán protagonizados por referentes do panorama jazzístico internacional, nacional e galego.
A programación abrirase na praza de Azcárraga o día 2 de xullo (21.00 horas), coa Tia Carroll Band, encabezada por unha das cantantes máis carismáticas e respectadas da actualidade nos xéneros do blues e o soul. Tia Carroll, integrante do Salón da Fama do Blues, inspira o seu traballo en lendas coma Tina Turner e Aretha Franklin.
Xa o día 3 de xullo, en dúas quendas (21.45 e 23.00 horas) no Jazz Filloa, será o turno de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, dous músicos que se adentran nunha mestura de jazz, folk e música clásica. Ferreiro, coruñesa residente en Madrid, presentará o seu novo traballo ‘Camiño’.
A programación do +QJazz continuará o 4 de xullo na sala Mardi Gras (21.30 horas), coa actuación da Joe Lastie’s New Orleans Sound. Lastie, criado nunha saga familiar de grandes artistas á batería, acompañou durante a súa traxectoria a Irma Thompson, Allen Toussaint e The Blind Boys of Alabama, entre outros.
O festival seguirá o venres 5 co concerto do James Carter Organ Trio no Garufa Club (22.00 horas), onde tamén terá lugar a actuación de Los Hot Chocolates xa o sábado 6 (22.30 horas).
O prato forte do festival será o Christian McBride Quintet, que actuará no Teatro Colón o martes 9 de xullo, ás 21.00 horas, na xornada de clausura. McBride, baixista, compositor e director de banda gañador de oito premios Grammy, estará acompañado na Coruña de catro talentos emerxentes: a saxofonista Nicole Glover, a guitarrista Ely Perlman, o pianista Mike King e a baterista Savannah Harris.
Castro, acompañado hoxe por Pepe Doré, xerente da sala Garufa, apuntou ao impacto que ten “a continuidade no tempo do Festival Internacional +QJazz, que destaca na programación cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey para reforzar a posición da Coruña e as súas salas de música como faros de desenvolvemento e visibilización do jazz, a escala internacional e nacional”.
As entradas da nova edición do Festival Internacional +QJazz sairán á venda nos próximos días a través da páxina web de Ataquilla, no despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense e no despacho de billetes do Teatro Colón.