O Festival Galicreques cumpre 25 anos programando máis de 40 funcións
O Festival Internacional Galicreques celebrará do 10 ao 18 de outubro o seu vixésimo quinto aniversario cunha edición especial marcada polas circunstancias sanitarias, pero cun claro compromiso tanto co público coma co sector cultural. Así, o encontro organizado pola Asociación Barriga Verde e promovido polo Concello de Santiago, xunto coa Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña e do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem), ofrecerá ao longo de nove intensas xornadas máis de 40 funcións cun programa que contará con máis de vinte compañías, procedentes maioritariamente de Galicia, pero cunha importante presenza de formacións chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón. Ademais, o carácter internacional estará garantido pola participación de compañías e artistas procedentes de Brasil, México, Portugal ou Arxentina.
Así o explicaron en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Cultura, Xurxo Couto, e o director do festival, Jorge Rey.
A programación arrincará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos. Así, a primeira sesión será unha ruada que partirá ás 13.00 h. da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14.00 h., a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpabotas. Nese mesmo espazo, ás 17.00 h., a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13.00 h. pola xa tradicional Carpa da Alameda. Outro parque, o Parque de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE; ás 18.00 actuará de novo Moving Compass. Así comezará un festival que, durante nove días, encherá de monicreques -ademais dos espazos xa sinalados- o Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas ou do Castiñeiriño. Nove días en que varios espectáculos contarán con diversos pases ao longo do festival nos distintos espazos para garantir a descentralización e a dispersión do público, adaptándose así ao contexto sanitario e cumprindo con todos os protocolos de seguridade.
Catro estreas e programación para escolas
O Teatro Principal acollerá ao longo da semana catro estreas, unha delas dun espectáculo que coproduce o Festival. Deste xeito, a primeira obra nova que poderá coñecer o público será Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez. A estrea será o xoves 15 de outubro ás 20.00 h. Aodía seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentara Plastikus. O sábado poderemos ver a obra do mexicano Víctor Biau El hombre que plantaba árboles, obra coproducida por Galicreques. Por último, o domingo chegará a quenda de Moving Compass, que presentará por vez primeira tamén ás 20.00 h. a peza Gaia Baba.
Neste 2020, un dos piares fundamentais do Festival Galicreques ficará en suspenso por mor da situación sanitaria e adaptarase ás presentes circunstancias: a programación de funcións escolares. Cada ano, milleiros de alumnos e alumnas acudían ás múltiples representacións que se ofrecían para escolas e institutos. Deste xeito, cumpríanse dous obxectivos fundamentais de Galicreques: o seu compromiso coa infancia e a creación de novos públicos. Neste 25 aniversario, o festival non renunciará a estas metas e quere manter o vínculo coa ampla comunidade educativa, polo que porá en disposición do centros un programa escolar en liña e totalmente gratuíto. Cada día da semana lectiva, é dicir do 12 ao 16 de outubro, ás 12.00 h. ofreceranse por unha canle do Galicreques espectáculos de diferentes duracións de compañías de Ecuador, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Galicia. Os centros interesados en acceder a estes espectáculos poderán solicitalo ao enviar un correo a galicreques@titerescachirulo.gal e culturalbarrigaverde@gmail.com.