666rpmCompostela

Santi Molezún: Un xenio do punk electrónico

Por César Varela de Historia do Rock Compostelán

Santi Molezún. Foto: Álvaro Snake
Santi Molezún. Foto: Álvaro Snake

Cada día que pasa creo máis no dito de que ‘Os vellos punks nunca morren’. Ou eran os vellos rockeiros? Para o caso é o mesmo, e se non existía, pois acabo de inventarmo, que non todo vai ser descubrir a pólvora. Recopilando datos para o libro que levo tempo elaborando, aí atrás empecei a falar con Santi Molezún, quizais para moitos descoñecido pola súa faceta musical e máis coñecido polo que é o seu oficio desde hai 40 anos: a videncia. Si, é certo! Santi leva toda a vida traballando como vidente, e durante anos puidestes velo en diferentes canles de Tv presentando diversos programas ou quizais moitos de vós asististes á súa consulta presencial ou telefónica. Pero Santi nos 80’s xa tiña a súa banda de Punk na cidade de Santiago de Compostela. Agora está moi de moda o Pan da Moa, pero daquela levábase máis o Punk The Broa. Ese era o nome da formación da que formaba parte o noso personaxe de hoxe, na que tocaba o baixo, aquel baixo negro que era case máis grande ca el e que ensaiaba nos Salesianos. Nunca chegaron a ser moi coñecidos, a verdade, pero a esencia punk daquela época mantense viva. Máis tarde, xa nos 90’s – 2000 chegaron as Queenpostelas, un dos primeiros grupos da escena Glam de Galicia, de dragformistas (Drag Queen) no que el se convertía en Elvira La Galáctica. Estas si chegaron a ter máis éxito, xa que desfilaron por diferentes programas de Tv, chegaron a petar a Praza da Quintana e ata tiñan gardacostas.

Despois de toda a loucura televisiva vivida durante tantos anos por Santi Molezún, que hoxe en día é unha marca rexistrada, decide abandonar os platós e hai un par de anos empezou a compoñer música de novo. O certo é que nunca antes o fixera, xa que como ben sabedes, o Punk é o Punk e punkto e aparte.

Un día levantouse da cama, e sen ter nin idea de compoñer, empezou a experimentar cun coñecido programa que se utiliza para crear música. El sempre desfrutou desta arte e agora mesmo dálle vida. En menos dun ano xa tiña unha chea de cancións compostas e pouco a pouco foinas editando en forma de EP´s, Maxis e apostas longas. Todas elas están dispoñibles nas máis coñecidas plataformas musicais (Spotify, iTunes, SoundCloud, Bandcamp…). De momento non se van poder palpar en estado sólido, pero todo chegará, ou non. A verdade é que é todo un logro, para como ben vos digo, non ter nin idea de compoñer, xa que os seus temas están estupendamente elaborados e a súa creatividade e coñecemento musical é tan amplo que nas súas cancións podes escoitar desde música clásica, flamenco, tangos, ritmos tribais, arábicos, rap e ata incluso rock and roll, todo entaboado baixo unha base de música electrónica. Pero non podería clasificar a súa música como tal, aínda que así sexa, xa que, se te atreves a escoitalo, que deberías!, levarate de paseo por tantos e diferentes terreos, que nun momento da viaxe non vas saber onde te atopas realmente. Así é a súa música, un tanto indescritible, pero desde logo, se te deixas levar por ela, estou seguro que a desfrutarás tanto ou máis como sei que o fai el á hora de compoñela. Realmente el tampouco se atreve a etiquetala e eu tamén fuxo moito de etiquetas. Compón música que se identifica con estados de ánimo, experiencias vividas, sentimentos e un tanto de loucura mental. Todos os temas teñen un sentido para el e trátase de que tamén o teñan para ti, se sabes captala.

Nestes momentos atópase tamén traballando por primeira vez como produtor, cun novo descubrimento que moi pronto dará moito que falar: Álvaro Snake.

Ademais, está en fase de elaboración do que será o seu novo traballo, que levará por título ‘Intimity Is Dead, secuencias íntimas e segundos íntimos’, que verá a luz nun EP que se publicará o vindeiro ano 2019 e no que Santi comporá tódolos temas utilizando as súas mans e afastándose dos Loops. Evidentemente, eu non adiviño o futuro, pero estou seguro de que nos sorprenderá…