Cultura

Áurea Sánchez: “O persoal aquí é universal; espero que quen lea estes poemas se recoñeza neles”

A xornalista Áurea Sánchez reúne en ‘Poemas desencadenados’ unha escolma nacida da memoria, das emocións e do paso do tempo. Nesta entrevista fala do proceso de recuperar eses textos escritos ao longo de 25 anos, da aceptación como fío condutor da obra, do amor, da perda e da esperanza, e reivindica unha poesía que, partindo da experiencia íntima, aspira a conectar cos sentimentos universais de quen a le.

Esta é unha colección de poemas que escribiches durante os últimos 25 anos. Como foi o proceso de volver a eles e decidir cales formarían parte do libro?

Desde hai tempo tiña un caderno na que ía escribindo segundo os momentos. O caderno pasou por etapas de esquecemento, pero noutras me acompañou ao lugar de veraneo, a algunhas viaxes de descanso e nas últimas semanas previas á publicación non me desprendía del. Algún dos primeiros versos son os que máis me gustan.

Que atopou a Áurea Sánchez de hoxe na voz da Áurea que escribiu os primeiros poemas? Que cambiou na túa forma escribir?

Ao principio escribía para probar como soaban, despois fun modificando a iniciativa. Unha música, unha palabra, un dito popular… desencadeaba o poema e logo de escribilo, deixaba descansar.

O título ‘Poemas desencadenados’ suxire unha liberación. Que é o que se desencadea nestes versos: emocións, palabras ou a vida mesma?

Tiña varios títulos posibles para a colección e este foi quedando porque era o que suxería máis significados sen pechar ningunha posibilidade de suxerencia. Desencadea ideas, sentimentos e a forma de ser, a esencia da persoa.

A ausencia de amor, a súa falta e a decepción son algúns dos temas da obra. Por que cres que estas emocións xogan un papel tan importante na túa poesía?

Porque o amor é algo que se persegue sempre, como a felicidade. Ser aceptada é o primeiro paso para sentirse querida. Falar de decepcións é como falar da imposibilidade de alcanzar o obxectivo tan desexado.

Escribir sobre a dor ou a perda axúdache a entender ou pechar feridas?

Pode parecer contraditorio pero na dor e na perda está o segredo como proba de alcanzar a felicidade tras renunciar a ter o que tanto se desexaba.

Hai espazo para a esperanza?

Si, é unha das bazas a xogar, cando xa se renuncia a toda procura. Creo que os meus versos achegan ilusión e confianza na persoa. Nada está perdido nestes versos, por tanto, hai lugar para a confianza.

Ata que punto nacen estes poemas de experiencias persoais e ata que punto son unha forma de dar voz a sentimentos universais?

É unha das miñas conclusións cando acabei o libro. Entendín que o que eu experimentaba coa escritura podía ser compartido con outras persoas. O persoal aquí é universal. Espero que se recoñezan na lectura.

Como xorde un poema no teu caso? É unha emoción, unha imaxe, un recordo ou unha palabra?

No meu caso pode xurdir de calquera desas formas: ás veces é unha palabra, de cando en vez é unha música, outras veces un recordo dunha persoa relacionada con algunha etapa ou algún sitio concreto. O recordo pode ser positivo ou negativo. Funciona dos dous xeitos.

Se tiveses que elixir un poema para presentar a esencia da obra, cal sería e por que?

Sería o que comeza: «Hay un camino a la iglesia….». Porque representa un momento de aceptación do lugar, da memoria e do discorrer dos acontecementos. Non hai queixa, non hai remorso, tampouco se expón volver atrás e modificar algo, non, só contar que se aceptan as novidades do presente e que tamén esas novidades serán un pasado en pouco tempo.

Xa estás a traballar en novos proxectos literarios? Cando en galego?

Teño outros traballos pendentes de publicar en galego. Non todos son recentes. Algúns levan anos no caixón. A oportunidade de publicar en castelán chegou antes e case sen darme conta.

Os que teño para publicar en galego tamén terán o seu momento, iso espero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.