O verán galego énchese de cultura: máis de 3.600 plans para descubrir Galicia entre concertos, festivais e exposicións

Se hai unha boa época para percorrer Galicia con calma, esa é o verán. Aos festivais, ás festas gastronómicas e aos areais súmase unha ampla programación cultural que converte máis de 200 concellos en escenarios ao aire libre, espazos expositivos e puntos de encontro para a música, o teatro, a danza ou a literatura.
Así, entre xuño e setembro estanse a desenvolver máis de 3.600 actividades dentro da segunda edición da campaña impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Para gustos, cultura, unha programación que medra de novo e que confirma o bo momento que vive a cultura galega ás portas do Xacobeo 2027.
A axenda está pensada para todos os públicos e combina grandes eventos con propostas de pequeno formato, moitas delas en vilas e municipios do rural, levando a cultura máis aló das grandes cidades.
Concertos, teatro e espectáculos para todas as idades
A música e as artes escénicas protagonizan boa parte da programación estival. Hai máis dun milleiro de actividades entre concertos, representacións teatrais, espectáculos de danza, circo, maxia e propostas de rúa.
Volven ciclos xa consolidados como Cultura no Camiño, que enche de funcións os concellos das rutas xacobeas, superando as 300; ou Danza 3, con 14 citas para estes meses; mentres que o Centro Dramático Galego está a levar a distintos escenarios a súa nova coprodución, Ñiquiñaque. Por outra banda, no que ten que ver co audiovisual podemos gozar dun ciclo de proxección de curtametraxes en galego.
No apartado musical, ademais da programación en salas e as funcións na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia, o público pode asistir aos concertos de formacións históricas como Milladoiro ou Luar na Lubre, artistas como Uxía e Emilio Rúa; e a nova edición de Atardecer no Gaiás, que de novo fai dos exteriores da Cidade da Cultura un dos espazos imprescindibles das noites de verán.
O calendario dos festivais continúa medrando
O verán galego leva anos consolidándose como unha referencia para os festivais, e esta programación reforza esa tendencia con máis de 600 actividades vinculadas á música, ao teatro, ao cinema, á literatura e á narración oral.
Entre as citas destacan o Festival Atlántica de narrativa, o FIC Bueu de cinema, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado ou encontros literarios como Festivalle e a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas.
A esta oferta engádense os grandes concertos incluídos baixo a marca Concertos do Xacobeo e as múltiples propostas culturais que acompañan ás 88 festas de interese turístico que se celebran por toda Galicia durante os meses estivais.

Museos e bibliotecas con propostas especiais
O verán é tamén unha oportunidade para visitar exposicións e descubrir os museos galegos desde outra perspectiva. Preto de trinta mostras temporais, xunto con visitas guiadas, obradoiros e actividades familiares, conforman a programación dos centros culturais.
Entre as exposicións máis destacadas figuran Voces do Pacífico. Innovación e tradición, na Cidade da Cultura, con máis de 200 pezas da colección do British Museum; Illa Ignorada, no CGAC en Santiago, ou Habana Mater. 2003-2023. Luis Gabú, no Museo de Belas Artes da Coruña.
As bibliotecas públicas tamén amplían a súa actividade con campamentos, contacontos, obradoiros e iniciativas para fomentar a lectura como Ler conta moito, mentres que A Furgoteca continúa levando libros e programación cultural a municipios de Lugo e Ourense.
Un verán para vivir a cultura en galego
A programación complétase con iniciativas que promoven a lingua e a creación contemporánea. Falaredes leva monólogos e espectáculos a diferentes localidades, Toponimízate divulga a riqueza dos nomes tradicionais do territorio e as Feiras do Libro volven converter as prazas galegas en puntos de encontro entre autores, editoriais e lectores. Por outro lado, estanse a desenvolver varias residencias artísticas -como as Residencias literarias de San Simón e as da Cidade da Cultura- nas que as persoas participantes poden compartir os seus coñecementos.
Unha oferta que confirma que este verán Galicia non só se percorre polas súas praias, a súa gastronomía ou as súas paisaxes: tamén se vive a través da súa cultura, cun calendario pensado para descubrir novas propostas e redescubrir o talento que medra dentro e fóra dos seus escenarios.
A programación completa pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.
