Circo, danza, música, poesía e cinema protagonizan unha nova edición do Festival C en Santiago

O Festival C volverá converter Santiago nun grande escenario ao aire libre durante o mes de agosto. A nova edición reunirá preto dunha trintena de actividades gratuítas para todos os públicos nas que o circo, a danza, a música, a poesía, o cinema e as propostas familiares dialogarán cos espazos públicos da cidade para ofrecer unha programación diversa, participativa e de calidade.
Ao longo de todo o mes, a praza da Quintana, a Casa das Máquinas, o parque de Galeras, o parque de Bonaval, o paseo da Ferradura da Alameda e a rúa Concepción Arenal acollerán espectáculos e actividades que permitirán descubrir a cidade desde outra perspectiva, convertendo rúas, parques e prazas en lugares de encontro entre artistas e cidadanía.
A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron este venres unha programación que se desenvolverá entre o 3 e o 31 de agosto.
Durante a presentación, Louzao destacou que o Festival C “é un dos eventos máis especiais da programación cultural, co que pretendemos facer da cidade un grande escenario para compartir cultura nos espazos públicos e habitar Compostela doutra maneira”. A concelleira subliñou tamén “que o festival resume moi ben a nosa forma de entender as políticas culturais dende o Concello: como unha ferramenta que mellore a vida das persoas, que favoreza a comunidade e o encontro”. Neste sentido, convidou tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a “vivir Compostela máis alá da súa dimensión turística”, descubrindo “unha cidade máis aberta, máis viva e máis orgullosa de si”. Louzao puxo en valor o carácter gratuíto da programación e a súa diversidade, cunha proposta que combina creación contemporánea e tradición, compañías galegas e artistas chegados doutros territorios, así como actividades pensadas para públicos de todas as idades.
Na mesma liña, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, explicou que o Festival C “é unha cita consolidada da programación que parte cada edición da mesma pregunta: como queremos habitar a cidade nos mes de agosto?”. López apuntou que as actividades artísticas permiten “revisitar os espazos ou descubrilos por primeira vez dende outro tipo de vista; constitúen un alicerce do estado de benestar, achegándonos outras maneiras de vivir a cidade”.
Todas as actividades serán gratuítas e de acceso libre. Unicamente os obradoiros de circo precisarán inscrición previa debido á limitación de prazas, que poderá formalizarse a través do correo electrónico circonoveoficina@gmail.com
A Casa das Máquinas, espazo para a creación contemporánea
A Casa das Máquinas consolídase nesta edición como un dos grandes centros de actividade do festival. A programación escénica abrirase neste espazo o luns 3 de agosto ás 20 horas con Et Suseia Danza, e manterase ao longo de todo o mes cos traballos de Raquel Ferradás e María de Vicente (o luns 17), e o Laboratorio Escénico (luns 24). Ademais, do 10 ao 14 de agosto o Colectivo RPM e a artista Amalia Fernández desenvolverán na Casa das Máquinas o Laboratorio de movemento Prácticas en construción que culminará coa presentación da peza colectiva En Construción o venres 14 ás 20 horas no mesmo espazo. O conxunto de propostas fai do lugar punto de encontro para as novas linguaxes escénicas, a creación de proximidade e a experimentación artística.

O circo toma a Quintana e Galeras
O circo volverá ser un dos grandes protagonistas do Festival C. Os luns, mércores e venres pola mañá, Circonove impartirá no parque de Galeras os seus obradoiros para nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, cun programa de iniciación ás técnicas circenses en sesións adaptadas a distintas franxas de idade.
Pola súa banda, as tardes dos xoves converterán a praza da Quintana nun escenario privilexiado para acoller tres espectáculos de gran formato da man das compañías de Paula Quintas (o xoves 6), Zirkozaurre (o xoves 20) e Spinish Circo (o xoves 27), que propoñen unha mirada contemporánea ao circo e á danza dialogando coa arquitectura dun dos espazos máis emblemáticos de Compostela.
Contos para compartir en Bonaval
Os martes volverán estar reservados para o público familiar coa programación de Contos no Parque, organizada en colaboración co programa Apego. A partir das 18.00 horas, Galeatro (o día 4) , Pérez & Fernández (o martes 11), Cris de Caldas (o día 18) e Brais das Hortas (o martes 25) ofrecerán sesións de narración oral dirixidas á infancia que combinan humor, música e participación do público.
Poesía ao solpor para reivindicar a tradición das cantareiras
O paseo da Ferradura da Alameda volverá acoller os mércores ás 20.00 horas un ciclo de Poesía ao solpor que, baixo o título Por que non cantades todas? pon o foco na tradición oral galega e no papel das cantareiras na transmisión do patrimonio musical e poético. Brincadeira, Cantigas e Agarimos e Ultreia protagonizarán, os mércores 5, 19 e 26 de agosto, tres encontros que combinan palabra, música e memoria colectiva.
Cinema ao aire libre con NUMAX
O Festival C pechará o mes cunha nova edición de Cinema ao aire libre. A rúa Concepción Arenal converterase nunha sala de proxección ao aire libre grazas á colaboración con NUMAX, que ofrecerá as películas A invasión dos ladróns de corpos, de Don Siegel (o martes 25) e Caro diario, de Nani Moretti (o mércores 26), ambas as dúas acompañadas dun coloquio posterior co público.
Información actualizada na web e redes de Compostela Cultura
A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. Os cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.
