fbpx
GaliciaGastronomíaPola gorxa

Choucha de pescada

A pescada á galega é un prato típico da nosa cociña que ten como ingrediente principal a pescada cocida e vai acompañada de cachelos (patacas cortadas en anacos grandes que se cocen, con ou sen pel). Adóitase servir de xeito que no prato teñamos unha choucha deste peixe de ata cento vinte centímetros de lonxitude, corpo alongado, dúas aletas dorsais e unha anal, e cor cincenta no lombo e case branca no ventre.

Segundo a Real Academia Galega, á pescada tamén podemos chamala pixota e como forma menos recomendable, o castelanismo merluza.

Dicímoslle choucha -e non ‘rodaxa’– á porción circular de certos alimentos. Son sinónimos roda (si, como a do coche) e toro (que non, non é un animal, para iso está touro).

Curiosidades

Unha choucha é tamén unha pedra pequena que se desprendeu dunha pena e un sinónimo do adxectivo chocho, co que describimos a quen ten debilitadas as facultades mentais a causa da moita idade ou, en sentido figurado, a quen demostra moito cariño, mesmo excesivo por algo ou por alguén.

A pescada pequena chámase carioca. Exactamente igual que aos habitantes de Río de Xaneiro, en Brasil, e á danza deste país americano que é similar á rumba, pero de ritmo máis vivo.

Celeiro é a base de operacións dun cento de pesqueiros entre palangreiros, volanteiros e arrastreiros que pescan en augas da UE; arrastreiros de litoral e embarcacións de cerco e de baixura. A pescada do pincho, capturada con palangre, é a principal especie comercializada nesta lonxa. No 2003 incorporouse ao selo Galicia Calidade, converténdose no primeiro produto fresco do mar amparado en España por unha marca de garantía.

ONDE PROBALO?

O peixe é un dos grandes protagonistas do Mercado de Abastos de Santiago e, por suposto, poderás atopar nel pescada fresca chegada cada mañá desde os principais portos e lonxas de Galicia.

Como produto tan característico da nosa cociña como é, non podía faltar a súa correspondente festa gastronómica. A da Merluza do Pincho de Celeiro ten lugar en verán, na fin de semana anterior ás celebracións do 25 de xullo, en Viveiro (Lugo).

En Compostela, son moitos os restaurantes que ofrecen nas súas cartas a tradicional pescada á galega que tanto gusta tanto á veciñanza como a turistas.

O local La Radio de Pepe Solla (na Praza de San Fiz de Solovio) basea a súa carta en dous produtos principais e un deles é a pescada de Celeiro. Alí podes probar este peixe en forma de empanada, croqueta ou co emblemático guiso de Casa Solla (restaurante deste coñecido chef galego cunha Estrela Michelin).