fbpx
CompostelaCulturaNovas

Compostela, preparada para celebrar o Nadal

Iluminación de Nadal noutros anos en Compostela. Foto: Iván Barreiro

O Nadal en Compostela arrancará “oficialmente” este venres, 4 de novembro, co acendido das luces polas rúas da cidade e a apertura do Mercado de Carreira do Conde.

Ademais, Turismo de Santiago desenvolverá unha ampla variedade de accións para poñer en valor estas Festas como atractivo turístico, segundo explicou o Concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi, na que estivo acompañado da xerente da entidade municipal, Flavia Ramil.

Pese ás limitacións xeradas polo Covid-19, Turismo de Santiago fará un esforzo moi importante para que as imaxes dunha cidade chea de luz en Nadal sirvan tanto para captar visitantes nestas datas, no caso de que se levante o peche perimetral actual, como para anunciar o comezo do Ano Santo Compostelán 2021.

Unha das principais accións é a nova ruta “Luces e Voces da Alameda Compostelá”, un singular percorrido polo parque da Alameda, destacando as personaxes senlleiras e outros fitos da historia de Santiago e Galicia presentes neste xardín histórico. Os puntos da ruta serán obxecto de intervencións de luz e cor durante o mes de decembro e primeiros de xaneiro a partires das 18.00 horas. Contará ademais cun folleto-plano dispoñible na oficina central de Turismo de Santiago e tamén na web ww.santiagoturismo.gal/nadal, onde se poderá consultar toda a información sobre o Nadal en Santiago.

O percorrido comprende os seguintes puntos iluminados: a entrada principal da Alameda en Porta Faxeira; as esculturas das Marías, Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo; o Banco dos namorados; a estatua da Leiteira; a fonte “romántica”; o monumento a Rosalía de Castro; a recentemente inaugurada talla de Federico García Lorca; o monumento a Pais Lapido – “Alegoría de Galicia”; o Pavillón de Recreo, de Antonio Palacios; a escultura de homenaxe a Castelao e a igrexa de Santa Susana, situada no punto máis alto da Alameda.

Turismo de Santiago tamén iluminará diferentes edificios representativos como a Fachada de San Domingos de Bonaval, a Fachada do Pazo de San Xerome e a Casa da Conga. Neste lugar faranse proxeccións de ilustracións de artistas galegos a partires dos 18.00 horas. Do 4 ao 25 decembro serán Ilustracións de Nadal a cargo de Laura Tova, Carlos Arrojo, Nuvi & Éxfico e Andrea López Álvarez; e do 26 de decembro ao 6 xaneiro serán Ilustracións para felicitar o aninovo de Iria Prol, Leandro Barea, María Novoa e David Sierra.

Ademais, Turismo de Santiago organiza o Belén Tradicional da iglesia románica de San Fiz de Solovio, con máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas a man, que compoñen este nacemento cedido por José Uzal, no que se inclúen diferentes escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son. O Belén poderá visitarse do 4 de decembro ao 5 de xaneiro.

Mercado de Nadal

O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o vindeiro venres 4 de decembro ás 17:00 horas. Permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas; estará pechado os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31 de decembro. Como novidade, nas últimas dúas quendas este ano o Mercado esténdese tamén a Área Central, polo que a opción será dobre entre os días 26 de decembro e 5 de xaneiro.

Durante as cinco quendas, composteláns/ás e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 70 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…). A rúa e as casetas contarán cunha decoración coidada e ambientación musical, que transportarán o público á maxia do Nadal.

Como xa aconteceu en 2019, as tres primeiras quendas (venres 4 a mércores 9, xoves 10 a mércores 16 e xoves 17 a mércores 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación selecta, facilitando ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas especiais. Tanto en Carreira do Conde como en Área Central as quendas finais (sábado 26 a mércores 30 e xoves 31 a martes 5) resérvanse para os produtos de artesanía e regalo orixinal, coa data da Noite de Reis como horizonte.

O Mercado desenvolverase baixo estritas medidas de seguridade contra a Covid-19. A organización regulará o acceso do público visitante á rúa da Carreira do Conde e vixiará para que non se produzan aglomeracións. Haberá control de acceso e de aforo nos días de máxima afluencia. O paseo dos peóns pola Carreira do Conde será nun único sentido, accedéndose ao Mercado pola rúa do Xeneral Pardiñas e saíndo por Rapa da Folla. Os expositores están tamén obrigados a impedir que o público manipule os produtos, dispoñer de xel hidroalcólico e hixienizar as superficies de contacto, ademais de manter estritamente as distancias de seguridade. En Área Central respectaranse rigorosamente as normas sobre aforo e distancia social definidas para as dúas semanas nas que se desenvolve alí o Mercado.

O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación musical. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral e desenvolveranse baixo ríxidos criterios de prevención do coronavirus, todas con formato de pasarrúas para evitar aglomeracións. A programación iniciarase o mesmo venres día 4 de decembro pola tarde, xornada da inauguración, cos grupos ou espectáculos Os Tiruleiros, Pulpiño co seu Melocotón, Vamosindo Trío, Cé Orquestra, Tríboli Folk, O Cego na Feira, Trío DeTrés e máis Trío Par.