A reposición do espectáculo de ‘Terceiro Acto’ no Salón Teatro muda de datas
Aínda que, tal e como publicamos na edición en papel de Pincha de decembro, estaba previsto que o Salón Teatro de Santiago acollese de novo o espectáculo ‘Terceiro acto’ no mes de xaneiro para iniciar as accións que conmemorarán o 40ª aniversario do Centro Dramático Galego; finalmente será no segundo semestre do 2024 cando volva aos escenearios a montaxe estreada no 2021.
O mesmo elenco, integrado por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Tatán R. Cunha, a mesma dirección, compartida entre Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, e as mesmas realizacións artísticas daranlle unha segunda xeira de representacións a este espectáculo.
A recuperación para as táboas desta proposta non pode ser máis acaída: os seus cinco intérpretes son tamén protagonistas destacados da historia do teatro galego nestas últimas catro décadas, cadaquén a través das súas traxectorias particulares e diversas. Ademais, a xira que se está a planificar tamén para o segundo semestre do ano en distintas localidades de Galicia e de Portugal virá a completar o que non fora posible facer fai tres anos por mor da pandemia. ‘Terceiro acto’ ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.
‘Terceiro acto’ convértese así nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia.