Niño de plátano macho con faceiras no Dos Raíces
Dos Raíces é un restaurante que podemos atopar na rúa Franja, en pleno centro da Coruña. O local conta con terraza e dous comedores, un deles xunto a barra e cociña e outro, na parte superior, máis pensado para grupos ou comidas en intimidade. Abriron as súas portas en xuño do 2021, unha época complicada para a hostalaría por seguir en pandemia, pero xa superada esa etapa inicial, o proxecto vai camiño xa de celebrar os seus tres anos.
Como o seu propio nome indica, a cociña que practican en Dos Raíces bebe de dúas fontes: o produto local galego e o latinoamericano, lugar de orixe do seu chef Joel Reyes. Cociña fusión na que o produto principal, xeralmente da terra, complétase con toques caribeños nas guarnicións, salsas ou acompañamentos. Unha mestura deliciosa!
Como mostra do seu bo facer está o prato que probou o noso @JuanEAT_o: un niño de plátano macho con faceiras a baixa temperatura. “Represéntanos moito porque leva porco ibérico, que é moi de Galicia, e metemos o plátano e a crema de aguacate, que son moi latinos”, sinala o cociñeiro. Joel, xunto ao xefe de sala, Fran Otero, están á fronte desde negocio que tantas alegrías dá a quen os visita.
DATOS
Lugar:
Rúa Franja, 36 – A Coruña
Prato:
Niño de plátano macho con faceiras
a baixa temperatura
Prezo:
14 € (2 unidades)
Valoración
*********
Moi feliz 2024 e xa sabes o dito: ano novo, local novo para ir #apapar
Aquí en Pincha non paramos de seguir buscando restaurantes cos que poidamos amosarvos a oferta gastronómica coruñesa. Neste caso visitamos un negocio que xunta dúas culturas: a nosa coa caribeña. Dando como resultado unha fusión moi divertida e, sobre todo, saborosa!
Pero falemos xa do prato que tiven o pracer de probar. Un niño de plátano macho con faceiras a baixa temperatura. Cando cheguei estaba intrigado por como tería que comelo xa que ao escoitar “niño” pensei: “Isto vai romper por todos sitios...”. Pero para a miña sorpresa esta proposta reinventada partindo dunha arepa tiña unha consistencia de base perfecta, lista para comer coas mans sen mancharte nin que se parta en mil anacos. Puiden comer as dúas pezas sen pestanexar!
Con respecto á carne, esta é a que marca o sabor do prato. As faceiras a baixa temperatura reducidas no seu propio xugo estaban exquisitas, sen bolas de xelatina que as fixeran máis complicadas para comer. Ademais, o seu punto de cocción facía que se desfixesen na boca moi facilmente.
Como acompañamento, leva unha crema de aguacate e lima moi suave e de textura moi cremosa, cun pouco de chile picante, o que consegue unha fusión de sabores moi rica. Ademais como guarnición engaden uns pequenos brotes, framboesas e cogomelos laminados que lle dan un toque fresco e moi ben equilibrado co resto do prato.
Para rematar, quero comentarlle ao chef Joel que se necesita catadores para cando probe fusións como esta, xa ten o meu número! (ha, ha, ha) E a Liam, o seu pequeno que tamén estaba por alí, darlle as grazas por cedernos parte da súa tarde con papá para facer este #apapar tan rico.
Ano novo en Dos Raíces
Por Patricia Dopazo de Gente que cuenta
«O ano novo está diante de nós, como un capítulo dun libro, á espera de ser escrito», dixo a escritora Melody Beattie.
Comeza o ano e como indica esta frase, temos ante nós a páxina en branco do seguinte capítulo. O contador ponse a cero e temos 365 novas oportunidades por diante. Péchase un ciclo e ábrese outro. Ilusións, propósitos, esperanzas, cambios... Renovamos, crecemos e reflexionamos. Facemos balance do que vivimos, aprendemos dese pasado e abrimos a porta ao comezo.
Sen dúbida, hai lugares cun encanto especial que perduran ano tras ano, cunha especie de maxia que te envolve e transmite todo tipo de sensacións agradables. Lugares cunha personalidade tan definida e concreta que non se poden substituír nin comparar por ser únicos. Ambientes que contan unha historia real e sincera chea de sentimentos e un traballo coidado polo miúdo. Proxectos persoais que buscan ser eles mesmos, rompendo coas modas e os estereotipos sociais. Estou orgullosa de coñecer a algúns nesta cidade que me viu de nena, adolescente e adulta. Para min é un pracer entrevistar de novo a un deles. Todo o meu agradecemento a Pincha e ao equipo de Dos Raíces por valorar as miñas palabras, o meu traballo e darme a oportunidade de ser o xograr responsable de dar vida a estas páxinas.
Cada día vemos crecer a nosa oferta gastronómica, coa que se amplía de marabilla a nosa lista de opcións. É gratificante que a miña cidade teña unha gastronomía á altura e ben recoñecida e que moitos espazos medren de maneira moi alentadora e positiva ano tras ano.
Unha palabra que para min é fundamental á hora de decidir é TRANSPARENCIA. Encántame gozar de lugares onde todo é REAL. Deixar que a experiencia engada un momento que sume e sexa apoio a que esa forma de traballar se manteña.
Cando era pequena gozaba espiando o que facían a miña bisavoa e a miña tía avoa na cociña do restaurante familiar. Ás veces deixábanme encargada de controlar un sofrito ou calquera tarefa sinxela que me facía sentir especial, xa que pasaba a formar parte do sorriso final do comensal. A miña ilusión nese traballo converteríase en algo REAL noutra persoa. O traballo sempre trae recompensa. É algo que aprendín dende pequena. Sé sempre ti mesmo en todo o que fagas e penses.
Así presento Dos Raíces. Un lugar que mantivo a súa personalidade dende o primeiro momento. Unha cociña, un servizo, un ambiente que nos falan e que se vive sen máscaras nin disfraces. Un proxecto que nos acerca a outra cultura demostrando que o padal non entende de distancias.Unha bonita historia e proposta ao teu alcance nunha rúa que segue sumando anos de traballo gastronómico na cidade.
Deixo falar a Joel Reyes, responsable da cociña, que xunto a Fran, responsable da sala, forman o equipo que dá vida a Dos Raíces. Espero que esta entrevista axude a rememorar o seu bo facer e que sexa unha atractiva opción para pasar unha velada gastronómica que non vos deixará indiferente neste novo ano.
Por que Dos Raíces?
Porque son dominicano aínda que pasei media vida aquí.
Que vos caracteriza?
Ter matices moi caribeños empregando produtos centroamericanos con produtos locais.
Cal é o teu primeiro recordo da cociña e que che gusta máis/menos dela?
Cando era pequeno gustábame estar preto da cociña. Axudaba á miña nai a cortar as verduras e meu pai adoitaba traer alimentos crus como peixe. Interesábame estar alí, axudar e cociñar.
O que máis me gusta é a liberdade que teño agora para facer a miña cociña. Ser capaz de experimentar e crear. O que menos son os horarios, son un pouco complicados de combinar coa familia.
Como é o voso día a día?
A nosa cociña é fresca, do mercado e preparada ao momento. O primeiro é pasar polo mercado para adquirir o xénero. Despois imos ao local para os preparativos e comezamos o servizo.
Aspectos positivos e negativos de traballar neste sector.
O positivo é a satisfacción persoal froito da boa resposta, a alegría do cliente despois do servizo, vendo como desfrutaron da comida. Ao final estás ofrecendo arte, a túa creatividade. O negativo son os horarios, son complicados e tamén o pouco valor do sector por momentos.
Fálanos da vosa carta e das novidades para este ano novo.
Baséase nun produto moi galego, produto local e eses matices centroamericanos e caribeños. Utilizamos produtos como mango, aguacate, mandioca, plátano... Hai pratos dos que nos sentimos moi orgullosos pola súa gran aceptación.
Caracterizámonos por ofrecer un produto de mercado local con matices propios que se mesturan ben. Este ano o noso obxectivo é seguir resaltando as nosas raíces arriscando un pouco máis con produtos de fóra, sempre mantendo a esencia que é o produto galego atlántico.
O ano pasado tivemos de suxestión uns ñoquis de iuca con sardiña afumada e salsa de tomate caseira con galmesano que neste 2024 temos en carta. Non pode faltar o noso tartar de atún vermello con chips de plátano macho. É unha opción que mantemos dende o inicio, que nos caracteriza e identifica. E como novidade temos tamén o niño de plátano macho con faceiras a baixa temperatura. Trátase dunha versión da arepa de plátano macho que levaba costela, acompañada dunha crema de aguacate e unha salsa de chile que aporta un toque picante.
Últimas palabras
Destacar o traballo do meu socio Fran, facemos un equipo e algo fundamental para o bo funcionamento de Dos Raíces. O noso trato ou servicio próximo tamén é algo que nos caracteriza moito.