Os Premios Artesanía de Galicia 2023 recoñecen o labor de Francisco Millán polo seu mobiliario con madeira de batea

Artesanía de Galicia vén de celebrar a undécima gala de entrega dos seus premios, uns galardóns que neste ano 2023 recoñeceron o traballo de Francisco Millán, do obradoiro Frouma Atlantic Wood, pola súa peza ‘Noray’. Foron finalistas Ezequiel Franchi Gil, do obradoiro Raíces Nómadas pola peza ‘Nasa’, e Dolores García Romanelli, do obradoiro Logaro, por ‘Orixe’. Ademais, Alberto Añón, do obradoiro Alberto Lista, levou o Premio Bolsa Eloy Gesto; e Agapito González, o Premio Traxectoria. Agapito faleceu apenas uns días despois da decisión do xurado, e o premio recolleuno a súa muller no seu nome.
O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, quen destacou a relevancia do sector artesanal galego como garante da cultura e a tradición e como xerador de emprego e de riqueza. Alfonso Rueda lembrou os últimos Premios Nacionais de Artesanía que tiveron “tanta presencia e tanto sabor galego”, nos que Galicia foi distinguida en tres das cinco categorías, “o que quere dicir que aquí as cousas se están facendo realmente ben”.
Ademais, o titular do goberno galego quixo salientar especialmente o proxecto Aprender da Tradición, un plan de formación empezado no ano 2023 da man da Fundación Artesanía de Galicia que busca impulsar o relevo xeracional nos oficios tradicionais do noso sector artesanal. Está orientado tanto a profesionais deste ámbito como a novos talentos emerxentes que desexan seguir profundando.
Para rematar o seu discurso, Rueda encomiou o labor de todos os profesionais do sector artesanal galego, e púxoos como exemplo de que confiar no produto autóctono é confiar no traballo de calidade, porque “se é feito en Galicia, é ben feito”.
Os Premios Artesanía de Galicia levan desde o ano 2008 contribuíndo a poñer en valor o sector artesán galego, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar o relevo xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
FRAN MILLÁN: “Quería reivindicar o labor da nosa xente do mar e o tempo”
Fran Millán é un dos novos talentos da marca Artesanía de Galicia, xa que o seu taller Frouma Atlantic Wood (Ribeira, A Coruña) está inscrito dende fai un ano. O seu lema é crear “mobles que nacen no mar” e o seu traballo baséase nun modelo de produción sustentable no que recicla, reutiliza e repara materiais xa existentes como a madeira das bateas, reivindicando tamén o valor da economía circular, co obxectivo de lle dar unha nova vida aos materiais para lograr pezas que perduren no tempo.
‘Noray’, a peza pola que recibiu o Premio Artesanía de Galicia 2023, é un pequeno moble auxiliar que pode ser unha banqueta, unha mesa ou unha lámpada, elaborado a partir de madeira de batea recuperada despois de 25 anos no mar e inspirada nos norays ou morróns dos portos galegos que se utilizan para amarrar os cabos ao atracar os barcos. “Quería reivindicar o labor da nosa xente do mar e sobre todo, o tempo. Porque na artesanía cada peza require moitas horas de traballo que non volven. O tempo é o máis valioso que temos”, asegura.






‘NASA’ DE RAÍCES NÓMADAS E ‘ORIXE DE LOGARO, FINALISTAS DO PREMIO ARTESANÍA DE GALICIA 2023
O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2023 decidiu propoñer por unanimidade dous proxectos como finalistas: ‘Nasa’, do autor Ezequiel Franchi Gil, titular do obradoiro Raíces Nómadas (Ribadeo, Lugo) e ‘Orixe’, de Dolores García Romanelli, do obradoiro Logaro (Ourense).
Por unha banda, ‘Nasa’ é un bolso de man realizado en pel de curtido vexetal, que busca reinterpretar a través da marroquinería e do trenzado aquelas nasas antigas elaboradas con madeira e vimbios, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia.
O xurado destacou o preciosismo na execución desta peza e a orixinalidade do deseño desta proposta.
Por outro lado, ‘Orixe’ é un xersei deseñado e elaborado con técnicas coma o gancho, o gorullo do tecido tradicional galego e a técnica nalbinding, vinculada á encadernación, e a partir do fío de la autóctona, da raza ovella galega, un material que permite conectar tamén pasado con presente e futuro.
O xurado destacou o emprego de diferentes técnicas téxtiles, cunha execución de gran mestría e utilizando la de ovella galega.







AGAPITO GONZÁLEZ GAÑOU O PREMIO TRAXECTORIA 2023
Agapito González González pertenceu á xeración de oleiros que nos anos 80 conseguiu reactivar a olería de Gundivós, animado por Obdulia Rodríguez ‘Lula’ (Premio Traxectoria 2017), que levaba uns anos nese empeño, e converteuse nun dos referentes da olería tradicional desta zona.
Nado no 1932 en Sober, Agapito marchara a Bilbao moi novo e estivera a traballar como zapateiro, ata que no ano 1980, Lula convídao a regresar a Gundivós para aprender o oficio e dedicarse á olería, dado a alta demanda de cacharros. Instala o taller na súa casa e participa por primeira vez na Feira do Viño de Amandi no ano 1984. Posteriormente abre o taller tamén para a venda ao público en calquera momento do ano.
Agapito falaba con auténtica emoción e orgullo sobre a súa profesión, amosaba con cariño e devoción cada un dos cacharros cos que contaba na súa casa. O artesán faleceu o 9 de decembro do 2023, días despois da reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia.






O PREMIO BOLSA ELOY GESTO 2023 FOI PARA ALBERTO AÑÓN
Criado entre o barro e as formas tradicionais de Buño, o ceramista e oleiro Alberto Añón Corral (1993, Buño, Malpica de Bergantiños, A Coruña) está a darlle continuidade e un novo impulso ao taller familiar, Alfarería Lista, asegurando o relevo xeracional nun dos centros de olería tradicional de referencia en Galicia.
Formado en Escultura na EASD Pablo Picasso da Coruña, en cerámica, en modelado e impresión 3D, así como no propio oficio da olería da man de seu pai, con 27 anos crea tamén a súa propia marca, Alberto Lista, na que incorpora as novas tecnoloxías aplicadas tanto ao deseño como á produción das pezas.
Leva tres anos explorando na impresión 3D en cerámica. O obxectivo é aplicar as novas tecnoloxías a métodos de fabricación tradicionais, alcanzar unha simbiose entre elas. Ser capaz de realizar pezas que sen esta ferramenta sería practicamente imposible.
Grazas á BOLSA ELOY GESTO, Alberto Lista poderá realizar unha formación especializada en porcelana co ceramista catalán José Mariscal. Esta formación permitiralle ampliar os seus horizontes na fabricación dixital e manual e crear pezas dunha gran complexidade técnica.





