fbpx
#SomosCoruñaA CoruñaCulturaNovas

Uxía e Cata, de Lenzo Estudio: “É moi importante humanizar as marcas”

I Reunímonos con Uxía e Cata no Bannah de Matogrande. Foto: Iván Barreiro

Temos rapazas novas na oficina! Pincha comeza o 2024 estreando a sección ‘O consello de Lenzo’, con Uxía Blanco Caamaño (Carballo, 1993) e Cata Mosquera Pena (Santiago, 1994).

Pero quen son Uxía e Cata? As dúas forman Lenzo Estudio, un estudo creativo de comunicación con sede na Coruña que botou a andar o pasado verán. Ocúpanse da identidade de marca, organizan eventos, fan escaparatismo, xestión de redes sociais... “Estamos un pouco cansas do concepto de axencia de márketing que hai. Esas empresas que simplemente buscan ofrecer un servizo e fálanche con termos en inglés... Nós somos multidisciplinais. O noso propósito é que o cliente se esqueza, entre comiñas, de todo o relacionado coa comunicación”, explican.

“Polas nosas experiencias pasadas, descubrimos que para levar a comunicación dun negocio tes que tocar moitísimas áreas, pero teñen que estar conectadas. E o problema que atopamos é que a moitas empresas o logo fíxollo un primo; un amigo, a web... Ás veces non saben nin o que queren comunicar e ás veces, sábeno pero non saben como proxectalo”, apuntan. E aí, entran elas!

Xuntas

Cata estudou Belas Artes e despois de traballar como creativa na empresa familiar – “Veño de familia de autónomos. É unha cruz que hai que saber levar! (risos)”- e no negocio da súa parella, decidiu lanzar o seu propio proxecto. Pero para iso, necesitaba axuda e convenceu a Uxía, á que coñecía como cliente da papelería do seu mozo, para formar equipo.

A carballesa estudara Filoloxía Inglesa, pero despois de traballar un tempo no sector da educación, comprendeu que iso non era o seu. Chegou a asumir a dirección dos centros da franquía Kids&Us na Coruña e así introduciuse no mundo do márketing e da organización de eventos, pero necesitaba un cambio. Así que cando Cata lle ofreceu montar algo xuntas non o dubidou, pese a ter un contrato fixo. “Iamos facelo máis progresivamente, pero despois pensei que Coruña é unha cidade que está a piques de explotar, ten un potencial incrible e cada vez a xente ten máis claro que ter unha identidade de marca e comunicarse ben cos clientes é moi importante. Agora era o momento!”, asegura. “Compensa ou non compensa? Xa o veremos co tempo, pero polo menos estamos facendo as cousas como nos gustan”, opina a súa socia.

Falando claro

Cata e Uxía apostan por achegar aos clientes o márketing de xeito que non o sintan como algo frío ou distante. “Queremos que nos entendan, que a comunicación sexa fluída, non utilizar palabras inglesas que dean esa sensación como de superioridade”, sinalan.

Foxen tamén das estratexias centradas exclusivamente en campañas dixitais de pago que tanto se ofrecen hoxe en día. “Non é que non as fagamos, pero non cremos só nese tipo de márketing. Hai que crear comunidades fieis e humanizar as marcas. Os consumidores cada vez demandan máis transparencia. Queren saber quen lles está a vender eses produtos e servizos. Gústanos traballar desta forma e notamos que os resultados son mellores”.

Nestes meses que levan con Lenzo están sendo moi ben acollidas precisamente por iso, pola súa proximidade. “Os clientes ven que os entendemos. Cada unha ten a súa personalidade, amosámonos como somos e as marcas coas que traballamos danse de conta de que non lles estamos vendendo a moto. Por exemplo, se nos piden que lles levemos as redes sociais, o máis fácil sería dicirlles o prezo do servizo e xa estaría. Pero non queremos facelo así. Nós reunímonos, vemos como está o local, ao mellor hai outras cousas que deberían facer nel antes que iso... e, tras asesoralos, deciden en que investir o seu orzamento”, afirman. E engaden: “Ás veces o simple feito de ir de alguén da man, que lles acompañe e guíe se é necesario, ou lles dea o seu consello profesional, xa é suficiente. Os empresarios son creativos, o problema é que teñen tantas ideas que non saben ordenalas, centralas, priorizar... E aí é onde entramos nós. Ás veces queremos crecer, crecer, crecer... pero hai que prepararse, porque se creces rápido pero o fas mal, o negocio reséntese”.

“Ás veces o simple feito de ir de alguén da man, que lles acompañe e guíe se é necesario, ou lles dea o seu consello profesional, xa é suficiente”

En Pincha

Xa no número de xaneiro de Pincha, na sección de ‘Ultramarinos Pincha’, comezamos coa primeira entrega de ‘O consello de Lenzo’, unha sección na que Uxía e Cata nos dan ideas para axudar aos lectores e lectoras da revista a sacar partido á súa comunicación. “Queremos amosarlles a cara máis amable do márketing, que non o entendan só como publicidade e que non sexa o que deixan para o que sobra de orzamento a fin de mes, porque nunca sobra! Porque que hai máis importante no teu negocio que o teu produto ou servizo chegue ben aos teus clientes?”.

Se queredes saber máis sobre o traballo destas dúas coruñesas de adopción, podedes visitar a súa web lenzoestudio.es ou seguilas en Instagram (@lenzoestudio)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.