fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistasNovas

Tomás Romero, fundador de Mas Music: “É moi importante personalizar o evento o máximo posible”

| Fotos: Iván Barreiro
| Fotos: Iván Barreiro

Por Rebeca Munín

Mas Music é unha empresa de DJ especializada en eventos de todo tipo: vodas, corporativos, festas privadas, deportivos... “E de cando en vez tamén pinchamos en pubs para lembrar os nosos inicios na profesión”, apunta Tomás Romero. No 2023 fixeron vinte anos traballando non só por toda Galicia, senón tamén por outros puntos de España, completando preto dos 200 eventos anuais. Case nada!

Que balance fas destas dúas décadas e cal dirías que é o segredo para mantervos?
O balance é moi bo. É a miña vida. Empecei con 26 anos e ata agora. En resumo, a miña vida xira ao redor da empresa e iso creo que é tamén o segredo para que funcione. Está a túa familia, a parella... que son o primeiro, pero levántaste pola mañá, almorzas e o seguinte que fas e abrir o ordenador, porque es autónomo e ten que funcionar.

Sempre che gustou a música? Querías dedicarte a isto?

Desde que eu teño recordos sempre me gustou a música. Lembro a miña primeira cadea, que era con vinilo. O de que fora a miña profesión non o pensaba. Xurdiu cando estaba facendo un ciclo de Informática. Falo do ano 2001, cando non era como hoxe que todos temos ‘tablets’, e eu si que merquei un portátil para estudar. Coa afección pola música que tiña, busquei un programa para pinchar e así comecei.

Recordas como foron os inicios de Mas Music fai vinte anos?
(Sorrí) Si, un pouco caóticos! Eu son de Ferrol. Empecei pinchando en pubs e unha amiga propúxome traballar na súa voda. Tivemos que alugar un equipo porque non tiñamos! E a partir de aí saíron outras vodas e ese primeiro ano acabei xa tendo que buscar xente. Hoxe en día somos cinco persoas fixas, mais outras dúas que veñen de reforzo se é necesario.

Como cambiaron os gustos musicais da xente neste tempo?
Cando comezamos coas vodas era todo moi ‘ABC’. Sempre se empezaba cun valse e un pasodobre. Hoxe en día é moi raro. Nós o que facemos é reunirnos sempre antes cos noivos para que nos comenten os seus gustos. Preguntamos que rangos de idade hai, etc. Para nós é moi importante personalizar o evento o máximo posible.

Ultimamente está todo moi influenciado polo ‘reguetón’. Tamén hai quen quere todo rock ou todo indie, pero en xeral nunha voda eu creo que hai que pasar por todos os estilos para chegar a todos os invitados. Xa non digo un pasodobre, pero si algo dos 60, 70 e 80; un Raphael, un Abba, un Juan Luis Guerra, un Elvis, uns Beatles... Hai cancións que sempre funcionan.

E despois de tantos anos nisto, xa acertas antes que ninguén cando unha canción vai ser un éxito? Esperabas por exemplo que triunfara o tema do coruñés Íñigo Quintero ‘Si no estás’?
O de Íñigo foi un fenómeno estraño porque foi a través de Instagram. Non é unha canción moi para bailar, pero que si que a usamos para un peche cando vas baixando o ritmo, porque é un tema que coñece e canta todo o mundo.

Pero si que acerto moito cales van triunfar, aínda que ás veces fallas. Por exemplo, a nova que sacou Rosalía con Björk pensei que ía ter máis tirón e non o tivo.

En Mas Music ofrecedes tamén pinchar con vinilos. En que se diferencia?
Si, é un servizo que non dan outras empresas e que nos piden bastante. Aproveitamos que dentro do equipo levamos coleccionando discos toda a vida. Eu, por exemplo, desde os 15 anos.

É distinto, sentes máis a música. No ordenador tes toda a música do mundo. Cos vinilos tes que seleccionar o que compras e o que levas ao evento. O tacto é diferente... coller o disco, preparalo, poñer a cuberta á vista... Porque iso á algo que se perdeu agora cos discos dixitais. Nos poñemos sempre as portadas para que se vexan porque hai algunhas que son obras de arte.

E que pasa coa música galega? Pídese máis nestes eventos?
Houbo o momento de ‘Terra’ de Tanxugueiras cando o de Eurovisión que se pedía moito, pero despois non tivo unha continuidade en canto a peticións. Aínda que si que son cancións, as de Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou Baiuca, que mesturamos coa música de Rodrigo Cuevas, que si que empregamos.

Xa que traballades por toda Galicia, onde dirías que están os galegos máis festeiros?
Na Coruña hai moita festa, sobre todo porque nos últimos anos están moi disparados o ocio e a restauración. En Vigo, Ferrol, Santiago... son quizais unhas marchas máis ‘underground’...  Como festa global pode ser que na Coruña haxa máis.

Mas Music participou tamén nun proxecto que se chama ‘DJ inclusivo’ e desde entón traballa convosco Fran, que ten Síndrome de Down. Cóntanos como foi ese proxecto.
Estiven dando clases un par de anos, e había un dj que despuntaba entre todos, Fran, que estaba na Asociación Down Coruña, e agora está en Teima, en Ferrol. A el gustáballe moito, quería prepararse, comprouse unha mesa de mesturas, os seus pais apoiárono moito e nós vimos que podía pinchar. Entón este ano fixo con nós uns cantos eventos. Por mobilidade, porque non conduce, sempre vai con el outro compañeiro, pero é un máis.

E para rematar, que é o que máis che gusta do teu traballo?
Que a xente baile. Da igual que sexa nunha voda ou nun pub. Cando ves que hai alguén dándoo todo, é o mellor!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.