GaliciaNovas

Camiño Escena Norte programa oito actuacións de teatro e danza en sete localidades galegas

Quitamiedos, de Iñaki Rikarte.

A segunda edición de Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco, ofrecerá do 13 de setembro ao 11 de outubro oito actuacións de teatro e danza seguindo a Ruta Xacobea do Camiño do Norte por sete localidades: Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba, Arzúa e Santiago de Compostela.

O calendario de actividades presentouse en Santiago coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, así como de Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega, que promove  esta iniciativa conxuntamente coas asociacións profesionais de empresas de produción escénica das outras tres comunidades implicadas.

En Galicia arrancará o 13 de setembro no Salón Teatro de Santiago e seguirá o ronsel do Camiño do Norte por Mondoñedo (19 de setembro), Lugo (20 de setembro), Ribadeo (25 de setembro), Sobrado dos Monxes (27 de setembro), Vilalba (4 de outubro) e Arzúa (10 de outubro), para rematar na praza da Quintana compostelá o 11 de outubro. Todas as funcións serán de entrada gratuíta e atenderán ás limitacións da capacidade e ás condicións de acceso habilitadas para cada un dos espazos.

Durante este percorrido, ofreceranse oito funcións de seis espectáculos: Quitamiedos, de Iñaki Rikarte (Kulunka Teatro, País Vasco); Tal vez soñar, de Sandro Cordero (Hilo Producciones, Cantabria); La loka historia de Frankenstein, de Pep Vila, Anacelia Álvarez e Roca Suárez (ACAR Teatro del Mundo, Asturias); Amarillo caído del cielo, de Juan Carlos Fernández Izquierdo (Ruído Interno, Cantabria); Celeste, de Chantal Franco e Patricia Toral (Luz, Micro y Punto, Asturias), e Basoa (Dantzaz, País Vasco).

Pola súa banda, as compañías La Macana e La Quintana Teatro representarán a Galicia nas carteleiras das outras tres comunidades participantes, a primeira delas con Pink Unicorns en Xixón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku, e a segunda con Desde lo invisible en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.

Camiño Escena Norte desenvolverá tamén unha serie de actividades paralelas, entre as que destaca o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo do 15 ao 17 de setembro e para o que está aberto o período de inscricións ata o vindeiro día 7.

Así mesmo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago acollerá do 14 ao 30 de setembro a  exposición Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019  e organizaranse encontros en liña coas compañías, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculo. A programación completa está dispoñible na web www.escenanorte.com.

Camiño Escena Norte xorde por iniciativa das asociacións empresarias do sector que traballan neste ámbito xeográfico e que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: xunto a Escena Galega, Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).