fbpx
EntrevistasGalicia

Dani de la Torre, o galego mainstream

Michelle Jenner, Dani de la Torre e Luis Tosar. Foto: LucíaFaraig
Michelle Jenner, Dani de la Torre e Luis Tosar. Foto: LucíaFaraig

O próximo 11 de outubro o director galego Dani de la Torre estrea ‘La Sombra de la Ley’, unha película sobre gangsters  atípica dentro do cinema español,  precisamente pola propia temática. Ambientada na Barcelona dos anos 20, con todo foi rodada en varias cidades galegas polas similitudes que moitas localizacións gardan con aquela época, coma se quedaran cravadas no tempo.

A película está  protagonizada por Luis Tosar e conta cun considerable despregamento de medios, grazas en parte a que Dani de la Torre é un director que xa demostrou á industria a súa capacidade  para  chegar a todo tipo de público, como xa aconteceu en éxitos como ‘El desconocido’.

Falamos con el para que nos conte máis sobre este novo proxecto e a súa experiencia como galego na escena cinematográfica nacional.

De que trata ‘La Sombra de la Ley’?

É unha película de gangsters ambientada na Barcelona dos anos 20, unha época convulsa na que había moitas folgas e manifestacións porque viñamos da Primeira Guerra Mundial, da que se beneficiaron moitas empresas da cidade. Había unha etapa dourada a nivel económico que caeu coa finalización da guerra. Os pistoleiros da patronal e os dos anarquistas tomábanse a xustiza cada un pola súa conta. Había ata 30 mortos ao día. Foi o inicio da sociedade moderna, o xerme de moitos problemas sociais que aínda temos na actualidade.

Nós contamos a historia dun policía que investiga o ataque a un tren e a partir de aí mergúllase no ambiente da Barcelona dos anos 20.

Pero rodaches en varias cidades galegas, entre elas Santiago…

Rodamos en Santiago, Pontevedra,  Lugo, Monforte, Ferrol… Foi unha road moviepor Galicia porque temos lugares únicos que aínda non foron tocados e permanecen como nos anos 20.

De novo, repites cun dos nosos mellores actores, Luis Tosar. Como é traballar con el?

É marabilloso en todos os sentidos, atento, xeneroso. Levo dúas películas con el e faría con Luis todas as películas que me quedan por facer. Ten unha mirada especial e un gran compromiso social, con Galicia e cos galegos. Ademais, se non fora por el, quizais non fixese nunca ‘El desconocido’. A súa mirada posta e Galicia é fundamental para que todos nos apoiemos.

‘El desconocido’ foi a túa estrea no mundo das longas. Desembarcaches a nivel nacional con 8 nomeamentos aos Goya, entre eles Mellor Director Novel. Como lembras ese momento?

Os premios son preciosos porque confirman que dalgunha maneira tes algo que dicir, o teu lugar. É marabilloso recibir o agarimo dos premios e do público que foi á sala. Foi moi emocionante para min e estou moi agradecido. Unha experiencia moi bonita.

Como ves o panorama audiovisual en Galicia?

Véxoo cunha gran riqueza. É moi bonito que haxa propostas de todo tipo con diferentes estilos. Hai moitas directoras e directores cunha mirada diferente.

Din que estamos nun momento doce para o cinema galego, cunha nova xeración de directores novos que están a triunfar con películas de autor en festivais internacionais. Como ves este fenómeno?

Paréceme marabilloso que haxa directores como Oliver Laxe (entrevistado por Pincha no número de marzo de 2018), directores con proxección internacional, películas que non quedan nun caixón senón que viaxan, que emocionan a públicos de países diferentes. É estupendo que haxa diferentes tipos de estilos: o meu é máis mainstream, é un estilo que non hai en Galicia, é moi difícil de facer porque o fan moi poucos, xa que encher unha sala é moi complicado. Agora mesmo hai unha gran riqueza en Galicia, sinal de que estamos a facer as cousas moi ben.

Cal é a maior dificultade que ves á hora de abordar unha produción en Galicia?

Depende do que queiras facer. Por exemplo, se queres facer unha película de acción en Galicia é complicado porque estas requiren de moito orzamento, facelas nun idioma determinado polo tema de distribución e comercial… De todos os xeitos, os problemas do cinema galego son os mesmos que os de calquera outro cinema (orzamentos escasos, poucas axudas).

Afortunadamente, hoxe en día se queres contar unha historia, pódelo facer grazas a que os novos medios de produción son alcanzables. Podes contar unha historia cun iPhone. Primeiro tes que saber o que queres contar e despois buscar os medios. Tes que buscar o teu lugar.

Cres que a coprodución é a solución?

Claro, o non pecharte, o poder buscar apoio doutras comunidades autónomas ou países. A cuestión é ser consecuente cos medios que tes. Se fas cinema indie e de autor, tes distribuidoras pequenas e os teus propios circuítos comerciais. O bo é que convivan todo tipo de estilos e que haxa sensibilidades para protexer esas obras e tamén as máis comerciais.

Que consello lle darías aos directores galegos que están a comezar a súa carreira?

Que se animen máis mulleres, necesitamos máis miradas femininas. E a todos, tanto homes como mulleres, que loiten, que non se deixen engurrar.

Na actualidade Dani da Torre vive en Madrid, onde ten varios proxectos. A súa maior ilusión é poder “vivir de dirixir” e parece que de momento o seu soño está a cumprirse. Polo pronto, o 11 de outubro temos unha cita con el en ‘La Sombra de la Ley’.