CompostelaNovas

Queres coñecer o patrimonio invisible de Compostela?

Aïda Colmero estrea na Noite de Patrimonio o espectáculo ‘Conjurando lo invisible’, o sábado 12 de setembro no Museo do Pobo Galego.

A próxima semana celébranse a Noite do Patrimonio e a Semana do Patrimonio invisible, dúas actividades destinadas a poñer en valor a riqueza arquitectónica e cultural de Santiago. A Noite do Patrimonio, organizada no marco das actividades do Grupo Cidades Patrimonio de España celébrase o día 12 deste mes. Pola súa banda, a Semana do Patrimonio Invisible organizada polo Concello de Santiago, celebra a súa terceira edición do 14 ao 18 de setembro, ofrecendo máis de medio cento de visitas a espazos habitualmente pechados ao público.

A Concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou a programación vinculada á Semana do Patrimonio Invisible e a Noite do Patrimonio, acompañada do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e de César Abella de Trivium, a entidade que organiza as visitas guiadas. Tanto a Noite como a Semana do Patrimonio inclúen actividades destinadas a salientar o patrimonio histórico da cidade, tanto o material como o inmaterial, incidindo especialmente naqueles espazos habitualmente pouco accesibles ao público.

A Noite do Patrimonio

Organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio de España, a Noite do Patrimonio, que se celebra o día 12 simultaneamente nas Cidades Patrimonio da UNESCO, celebrarase cunha serie de visitas guiadas aos obradoiros de artesáns, nos que se poderá coñecer de primeira man os seus procesos de traballo. Haberá tamén unha visita guiada ao Colexio dos Irlandeses e un itinerario teatralizado centrado na figura do arquitecto Domingo de Andrade, dirixido un público familiar.

A Noite péchase coa estrea absoluta da obra de danza ‘Conjurando lo invisible’ de Aïda Colmenero, ás 20.30 horas no Museo do Pobo Galego; unha proposta na que a artista, acompañada de cantos populares galegos, conxura e reza con aquilo que non se ve, o invisible, as voces e presenzas ancestrais, non palpables, pero que sempre estiveron aí, cunha proposta que pretende encher o espazo de voces femininas. Este espectáculo será retransmitido por streaming a través da web: https://lanochedelpatrimonio.com e na web e nas redes sociais da UNESCO.
Todas as actividades son gratuítas. Pode consultarse a programación e reservas na web www.compostelacultura.gal 

A Semana do Patrimonio Invisible

Pola súa banda, nesta nova edición da Semana do Patrimonio, organizada pola Concellería de Acción Cultural co apoio da Deputación da Coruña, realizaranse un ciclo de visitas guiadas a edificios e espazos que normalmente están fechados ao público. Ante o éxito acadado nos anos anteriores, o calendario amplíase de xeito notable, cun total de 50 visitas guiadas en diversos espazos da cidade. Algúns deles recuncan diante da demanda do público para coñecelos, como é o caso do Pazo de Ramirás–Colexio dos Irlandeses, o Hostal dos Reis Católicos, o Hospital de San Roque, a Casa Gótica, o Pazo de Amarante ou a Capela das Ánimas. Este ano, ademais, inclúense novos espazos como o Colexio de Fonseca (que inclúe a visita ao Salón Nobre e a Biblioteca América), a Fundación Laboral da Construción, o edificio da Sede SGAE e unha visita especial aos mananciais medievais de Compostela.

Os grupos de visita serán reducidos a un máximo de 8 persoas, nalgúns espazos máis pequenos 5 persoas, para poder garantir en todo momento as distancias de seguridade. Todas as visitas son gratuítas pero é preciso reservar praza a partir do mércores 9 de setembro na páxina web da Semana do Patrimonio Invisible: www.patrimonioinvisible.gal/reserva-a-tua-praza