fbpx
CulturaGaliciaNovas

Monicreques de Kukas arrancan en Compostela a nova xira de ‘Don Gaiferos’

Os Monicreques de Kukas estrean hoxe, 4 de marzo, ás 20:00 horas no Teatro Principal unha nova versión de ‘Don Gaiferos’, unha obra con actores, monicreques e músicos que a modo de opereta, partindo do romance popularizado por Don Faustino Santalices e incorporando cancións e músicas do folclore galego, conta un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pés do santo na Catedral compostelá.

Nesa viaxe atemporal atoparase con diferentes personaxes como Exeria, a dama peregrina a Xerusalén, un arrieiro maragato, uns cómicos italianos, un demo que unha e outra vez quere desvialo do seu camiño ofrecéndolle todo tipo de praceres mundanos e ata unha reporteira da televisión galega. A eles incorpóranse diferentes personaxes arquetipos dos diversos peregrinos que viaxan a Compostela coma un faquir hindú co seu elefante, un escocés, un portugués, unha andaluza flamenca así como lendas, costumes, lugares e monumentos representativos do feito xacobeo ata rematar aos pés do Apóstolo Santiago no Pórtico da Gloria.

Isabel Rey dirixe esta obra apta para todos os públicos na que Marcelino de Santiago (Kukas) deseñou as marionetas, a escenografía e o vestiario. Como elenco artístico participan Miguel Cabaleiro, Borxa Insua. Isabel G. Coldeira, Marian González, Marcelino de Santiago e Ero Vázquez.

O Teatro Principal acollerá outras dúas funcións máis, mañá venres 5 de marzo e o sábado día 6, ás 18:30 horas.

A continuación comezarán unha xira que os levará polo Auditorio Municipal de Santa Comba, o 18 de marzo; a Casa da Cultura do Milladoiro, o 26 de marzo; o Auditorio Municipal Constante Liste en Teo, o 31 de marzo; o Pazo de Cultura de Narón, o 18 e 19 de abril; o Auditorio Gustavo Freire de Lugo, o 9 de maio; o Auditorio Municipal de Cambados, o 16 de maio; o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o 21 de maio; o Auditorio Municipal de Ourense, o 6 de xuño; e o Auditorio Municipal de Vilalba, o 12 de xuño.

Exposición

O proxecto Don Gaiferos polos camiños cara a Compostela -que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa O TEU XACOBEO da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de A Coruña- consta de tres actividades: a obra de teatro, unha exposición de marionetas, escenografías e deseños e a reedición do cómic editado con motivo do Xacobeo 93.

A exposición, que poderá visitarse no Museo das Peregrinacións en Santiago ata o 14 de marzo, conta coa instalación de marionetas de fíos e decorados da versión da obra “Don Gaiferos” estreada en 1992, sinalando o decorado do Pórtico da Gloria, e deseños orixinais das diferentes versións da obra e planas orixinais do cómic editado no ano 1993.

Os Monicreques de Kukas naceron en Compostela no ano 1979. Con xa máis de 40 anos ás súas costas, teñen recibido moitos recoñecementos como o Premio da Cultura Galega no 2019. As súas marionetas están en coleccións e museos como o Museo Galego da Marioneta de Lalín, O Centro de Documentación de Títeresde Bilbao cedidas ao Museo do Teatro de Almagroe o Parque Temático dos Pobos de España de Kintetsuen Xapón.

No 2017 o Pleno do Concello de Santiago aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos PP, PSOE, BNG e Compostela Aberta establecer un convenio de colaboración coa compañía para crear a Casa dos Monicreques, un centro de promoción, produción e didáctico que albergará todo o seu patrimonio material e inmaterial para a súa exhibición e estudo, pero que a día de hoxe aínda non se iniciou.