CulturaGaliciaNovas

A banda da Loba presenta Intempériome, adianto do seu traballo homenaxe á poeta Xela Arias

A banda da Loba, coa nai de Xela Arias e Valentín García. Foto: Iván Barreiro

A Biblioteca Ánxel Casal, en Compostela, acolleu a presentación de Intempériome, novo tema de A banda da Loba, que serve como avance dun EP titulado “Hasme oír” que verá a luz no mes de abril para homenaxear á poeta á que se lle dedican este ano as Letras Galegas, Xela Arias. Ao acto asistiron as cinco integrantes do grupo (Andrea Porto, Estela Rodríguez, Inés Mirás, Marcela Porto e Xiana Lastra), a familia de Xela (nai -Amparo Castaño, irmán- Lois Arias e fillo- Darío Gil Arias) e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística.

A banda da Loba tennos xa acostumados/as ás musicalizacións de poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. Con Xela Arias, á que afirman ter como “unha das súas grandes referentes”, non podía ser diferente. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á súa obra coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo.

“Hasme oír” será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa á “gran poeta e muller transgresora que foi Xela Arias” e estará dispoñible no mes de abril. O EP, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, como proxecto apoiado no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021, conterá catro cancións, unha por cada poemario: IntempériomeDarío a diarioDenuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

Hoxe presentaron Intempériome aproveitando a cercanía do 8M e do aniversario da homenaxeada, dúas datas clave na vida de Xela. Trátase do videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo -obra de Seispés Producións Creativas- a través da evolución dunha muller, que co que vai aprendendo co paso dos anos adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai maior. Estilisticamente, un rock algo máis crú e duro que de costume, se ben é certo que tampouco é nada raro, xa que como elas mesmas afirman desde o nacemento do grupo, “non se cinguen a ningún estilo musical concreto” e sempre califican o que fan como “estilo caleidoscópico”.