fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistasNovas

Nova Galega de Danza, vinte anos fusionando tradición e vangarda

 | Parte dos bailaríns de Nova Galega de Danza e o seu director, no ensaio que visitamos.Foto: Iván Barreiro
| Parte dos bailaríns de Nova Galega de Danza e o seu director, no ensaio que visitamos.Foto: Iván Barreiro

Dúas décadas leva xa sobre os escenarios Nova Galega de Danza. E non foi fácil. O talento, a ilusión e un gran esforzo foron e son claves para a supervivencia desta compañía que fusiona tradición e vangarda e que aglutina galardóns tan importantes como o Premio Max das Artes Escénicas para un dos seus membros, o Premio da Cultura Galega 2021 ou o Premio da Crítica de Galicia 2009.

“Sempre digo que se estamos aquí é grazas a elas e eles”, opina o seu director, Jaime Pablo Díaz, mirando as súas bailadoras e bailadores durante un ensaio na Coruña. En chándal, sen zapatillas, co cabelo despeiteado… Así os atopo nun local cun gran espello no fondo preparando a próxima función. Son Iván Villar -recentemente galardoado co premio ao Mellor intérprete masculino de danza nos XXIV Premios Max-, Alba Vázquez, Estefanía Gómez, Laura Santamariña e Ricardo Fernández. Faltan Inés Vieites, Pablo Sánchez, Amara Pérez, Alba Cotelo e Marta Placer.

É emocionante coñecer aos artistas así, no seu día a día, sen o ‘glamour’ da escena, nos espazos nos que se dá vida aos espectáculos. Nos que sofren porque un movemento non sae como queren. Ou nos que sorrín polo ben que quedou un dos seus pasos. “Nós traballamos todos os días teñamos función ou non. E iso é o que levamos ao escenario. Toda a enerxía que ten o propio grupo”, asegura Jaime.

Imaxino todas as horas que pasarían aí ou en lugares similares dando forma aos sete shows que presentaron nestes vinte anos: ‘Alento’ (2003), ‘Engado’ (2006), ‘Tradición’ (2008), ‘Dez’ (2013), ‘Son’ (2016), ‘Leira’ (2020) e ‘Credo’ (2022). Agora anda representando ‘Berro’, a produción coa que festexan este aniversario e que estrearon o pasado setembro en Narón. É unha peza coa que procuran recuperar a memoria colectiva e que os levou a traballar de xeito moi diferente. “Estamos sempre na busca para contar cousas novas dende outro lugar”, comenta o director.  “Cando empezamos fai 20 anos a xente preguntábase que é isto. Naquel momento a música galega evolucionara moitísimo, pero a danza, non. E nós quixemos transformala desde a propia tradición, levándoa a outro punto diferente. Sempre digo que nós non somos tradicionais, pero si que recollemos a propia esencia da tradición, e iso é o que fai que agora haxa máis compañías e grupos que fan cousas novas, pero sen perder a esencia”, engade.

Desde cero

‘Berro’, con música de Sergio Moure de Oteyza -nominado ao Goya á mellor banda sonora e habitual na equipa nestes vinte anos de percorrido-, representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentido a transformación na expresión do corpo.

Por medio de movementos pixelados que nacen do detalle, pausas, silencios e accións símbolo da lembranza ou a memoria da frase tradicional galega, como a expresión física e emocional, o elenco reproduce unha coreografía que conta coa dirección artística de Sharon Fridman, profesional israelí que ten traballado con agrupacións de todo o mundo e levado recoñecementos como o Premio Max á mellor coreografía. “Cando falei con el díxenlle que tiñamos que saír da nosa zona de confort e apareceu a idea de traballar no baleiro, de librarnos de todo para crear de cero. Foi moi complicado porque tes que esquecerte de todo para empezar dende a nada. Pero á vez foi moi gratificante”, sinala Jaime.

“Normalmente nos espectáculos temos unha gran carga física, pero aquí a carga era mental, moi besta”, admite Iván Villar. “Pouco a pouco fomos interiorizándoo e entendendo esa deconstrución do folclore e vimos que había algo ao que tiñamos que chegar”, explica o bailarín. Na mesma liña exprésase a súa compañeira Estefanía Gómez: “É moverte no descoñecido. Como unha persoa que está acostumada a percorrer unha mesma rúa para chegar a súa casa, onde xa coñece todo o que hai ao redor, e de repente abres os ollos e apareces nun lugar que non dominas, onde non sabes que pode suceder… Esa sensación é a mesma que tiñamos. E incluso dubidas, porque había momentos de exploración, de esmiuzar un paso, de buscar o mínimo… No que nos dicía: Déixovos un rato, buscade a ver que pode xurdir! No meu caso, había momentos que estaba nunha esquina ensaiando e pensaba: Que estou facendo?! Pero agora sei que era un camiño novo e que chegas ao mesmo sitio, pero doutra forma”.

Imaxe de ‘Berro’. Foto: Álvaro Arribo
Imaxe de ‘Berro’. Foto: Álvaro Arribo

Sempre na loita

Ricardo Fernández leva unha década na compañía e recoñece que foi grazas a Nova Galega de Danza polo que puido dedicarse a esta profesión. “Nunca pensara que fora posible ganar cartos bailando. Eu estaba estudando e de repente presentóuseme a oportunidade. E tiven unha pelexa coa miña familia para estar aquí”, recorda. Unha situación que non é allea aos demais. “Hai moita canteira pero o difícil é dedicarse a isto. Compañías grandes estamos dúas en Galicia. Despois hai moitos grupos, dúos e tríos. Entón cando saes de estudar, tes que montarte algo pola túa conta ou marchar fóra”, conta Iván.

Cunha traxectoria longa, con tantos éxitos e recoñecementos ás súas costas e levando o nome de Galicia por toda España e moitos países estranxeiros, poderiamos pensar que Nova Galega de Danza non ten problemas para sacar os seus proxectos adiante. Pero o mundo das artes escénicas nunca é doado. “É moi difícil. Nós temos un patrocinador privado, Vegalsa-Eroski, e grazas a eles estamos montando traballos. A compañía leva vinte anos de existencia, como dicía antes, grazas aos propios artistas, non ás administracións públicas. Unha compañía coma a nosa noutro lugar estaría noutro sitio… Aquí temos que loitar en cada espectáculo como se fora o primeiro”, lamenta Jaime.

O corpo de baile coincide co director en que Nova Galega de Danza funciona grazas ao esforzo de todos. “Somos como unha familia”, di Iván. “É que cando bailas con 5, 6, 7 persoas… con música en directo… créase unha maxia en escena que é moi besta”, apunta Estefanía. E conclúe cunha frase que resume o seu sentimento pola danza e por esta compañía: “É como un regalo que non queres perder”.

Jaime Pablo Díaz. Foto: Joerg Letz
Jaime Pablo Díaz. Foto: Joerg Letz

Nova produción neste 2024

Despois de moitos anos dedicándose á dirección, Jaime Pablo Díaz súmase en ‘Berro’ ao corpo de baile. “E con isto xa toca a retirada”, afirma durante a nosa charla. “Sempre di o mesmo”, ironizan os seus compañeiros. “Eu teño que recoñecer que a min me fixo moita ilusión volver a velo en escena. E é verdade que chega un momento no que o teu corpo di que tes que parar, pero creo que os que nos dedicamos a isto, necesitámolo. É como a nosa vía de canalización de todo. Entón  el pode dicir que se marcha, pero xa che digo eu que Jaime vai estar metido na danza toda a súa vida”, opina Estefanía mentres os demais asenten.

E parecen ter razón posto que o director anda xa argallando unha nova produción que verá a luz neste ano 2024. Un proxecto que, segundo nos adianta, será de novo moi diferente e no que traballarán só mulleres.

Jaime formouse na Royal Academy of Dancing, na Escola de Danza e Música de Galicia e no Conservatorio Profesional de Danza de Madrid. Como intérprete, formou parte do Etnográfico das Mariñas e do Ballet Galego Rey de Viana. Tamén dirixiu a Escola Municipal de Danza Xuncos e Mulleres da Fin dá Terra, onde gañou varios premios en festivais de danza tradicional. Outros galardóns outorgados a este creador e bailarín foron o segundo premio do I Certame de Creación Coreográfica de Galicia, e o cuarto premio no I Maratón de Danza de Madrid.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.