As que non reciben os aplausos
Cando termina un espectáculo, chega o momento de que os e as artistas reciban o agarimo do público. Se é unha obra de teatro, ás veces fano con quen a dirixiu. Se é un concerto, sempre hai algún intre para agradecer o traballo do equipo técnico e musical. As persoas que (case) nunca reciben eses aplausos son as que se ocupan de levantar o pano, de acender e apagar as luces, de recibir e acomodar á xente, de facer o vestiario, de arranxar unha butaca, de comunicar o evento, de vender as súas entradas, de limpar cando remata. Pero o certo é que todas e cada unha delas son imprescindibles para que nós poidamos gozar do show. Son os traballadores e traballadoras do sector cultural en Compostela que non suben ao escenario, pero que ben merecerían un recoñecemento. Nesta reportaxe imos poñer cara a dúas delas: María Negreira, xastra no CDG-Salón Teatro, e Zaila Leites, responsable de sala no Teatro Principal.
María Negreira
No último ano, aínda afectado polas restricións derivadas da pandemia da covid-19, o Centro Dramático Galego (CDG) produciu catro espectáculos que sumaron 96 funcións en Santiago e noutros espazos dentro e fóra de Galicia, e coproduciu outros 11. Pola súa banda, a que é a súa sede, o Salón Teatro, acolleu preto de 150 sesións, protagonizadas por artes escénicas, exhibicións cinematográficas, encontros co público e representacións musicais, entre outros ámbitos.
Alí, na Rúa Nova 34, traballan unha vintena de persoas en postos de produción, técnicos de son, de luces e imaxe, tremoias, responsables do taller de escenografía e de estrutura escénica, xastraría e labores administrativos, entre outras. Unha delas é a xastra María Negreira.
Reúnome con ela no seu taller, xusto debaixo do escenario no Salón Teatro. É un espazo pequeno, pero está cheo de traxes, un par de máquinas de coser, fíos, teas, botóns, agullas… “Teño un pouco de todo, pero tampouco podo almacenar moito aquí porque cada espectáculo é diferente, non sabes o que che van pedir, tanto pode ser algo de época como contemporáneo”, explica.
O seu é un traballo man a man cos deseñadores e deseñadoras de vestiarios. María elabora as pezas, fai as probas cos actores e actrices, os arranxos etc. E incluso aporta algunha idea. “Teño moita sorte porque sempre dou con xente marabillosa”, afirma.
Ela é tamén quen axuda aos artistas nos seus cambios durante o espectáculo. “Ás veces teñen décimas de segundos para facelo. Eu xa lles teño todo preparado: os zapatos, as medias… e estou lista para calquera imprevisto! Por exemplo, se teño que coser algo ao momento. Coas présas teño cosido moitas veces a peza que vai debaixo tamén!”, conta divertida. Unha vez unha bailarina levaba o tutú tan axustado que rompeu a cremalleira e estiveron a piques de anulalo no último momento. “Eu non sei como, pero dixen: si que sae! Tirei forte dela e para diante, fixo a escena enteira”.
A súa chegada ao mundo teatral foi case por casualidade. Comezou botándolle unha man de cando en vez á súa predecesora, Concha Vaz, e descubriu que esta profesión era o que quería facer. “A min sempre me gustou coser, desde pequena, e traballaba de costureira noutro ámbito. Cando cheguei aquí e vin isto, tan creativo, tan distinto… pensei: isto é o meu. Isto é o traballo da miña vida”, recorda.
E así foi. Cando quedou vacante o posto de Concha, María conseguiu a praza e xa leva nela quince anos. Para ela o mundo artístico é como unha gran familia. “A maioría dos actores e actrices son moi próximos, cariñosos, respectuosos… Moitos sorprendéronme porque na miña vida pensei en ter unha relación así con eles. Ti estás aí a cada intre, nos seu logros e alegrías, nos seus momentos de nervios ou tensión… e cólleslles moito cariño”, apunta. Por iso non bota en falta eses aplausos que ela normalmente non recibe do público cando remata unha función: “Eu non me sinto nun segundo plano. A miña maior satisfacción é cando chega a estrea e todos eses afogos, apuros, eses ‘non dou chegado’… desaparecen. Velos no escenario cos seus vestiarios e pensas: é incrible o que logramos!”.
Zaila Leites
Como entidade encargada da xestión de actividades culturais do Concello de Santiago, o Auditorio de Galicia executa un programa de actividades diverso ao longo do ano na cidade. Segundo os datos que manexan nesta entidade, no 2021 desenvolveron 666 eventos en Compostela, incluíndo aqueles que organizaron tanto no propio Auditorio como no Teatro Principal e na Zona C, así como noutros espazos como a rúa, o CGAC, o Museo das Peregrinacións, a Fundación SGAE, Multicines Compostela, NUMAX etc. Unha cifra que no 2019, antes da pandemia, chegou a superar o millar de propostas culturais.
Para poder levar a cabo toda esta extensa programación precisan de dezasete traballadores municipais no Auditorio de Galicia e tres, no Teatro Principal; ademais do persoal de empresas externas (que deben gañar un concurso público) e que suman oito técnicos, cinco persoas de atención ao público e dúas de limpeza. Tamén hai sete técnicos para a Real Filharmonía de Galicia, que ten a súa sede no Auditorio. E algúns profesionais máis que se contratan de forma puntual cando é necesario.
Unha das persoas que forma parte da gran ‘familia’ de Compostela Cultura é Zaila Leites, responsable de sala no Teatro Principal, así como do despacho de billetes neste espazo e na Zona C, o punto de información cultural que se inaugurou en maio de 2021 no edificio da antiga Casa do Concello na Praza de Cervantes.
Leva xa desde o 2011 atendendo ao público de diversas maneiras: dándolle información, vendendo entradas, recibíndoo no teatro etc. E xa sabemos que o trato coa xente non sempre é doado! Zaila recorda como unha época especialmente complicada esta última que vivimos coa pandemia. Persoas ás que había que insistir para poñer a máscara, colas para presentar os certificados covid… “Non había un espectáculo que comezase en hora. Era imposible. A sorte é que temos unha farmacia ao final da rúa, e se alguén se esquecía del, en dous minutos estaban aquí de volta”, conta.
Duras eran tamén as interminables horas que pasaba coa que ela chama a súa ‘imprentilla’, poñendo os datos da obra en cuestión en cada entrada. Un traballo laborioso que hoxe en día xa case nunca ten que facer. Si que se ocupa de publicar os eventos á venda en Internet, de atender calquera necesidade das produtoras dos espectáculos, de botarlle unha man aos seus compañeiros técnicos se precisan algo… Zaila é moi feliz co seu traballo. “Teño as chaves do antigo Concello de Santiago!”, apunta entre risos. E ela ve o que o resto dos espectadores perdemos: as montaxes, os ensaios… “Recordo en épocas de festas, que había moitas actividades e non me daba tempo de ir a casa a comer. Comía un bocadillo na platea, eu soa, era moi guay”.
O seu traballo permítelle tamén estar presente en cada momento emocionante que se vive no Teatro Principal. Lembra, por exemplo, cando se representou a obra ‘Deje su mensaje después de la señal’ o 23 de outubro do 2020. “Estabamos con aforo tan reducido que por cada butaca ocupada, había dez ao redor baleiras, e nos palcos, só unha persoa. Con todo, ao rematar, parecía que estaba cheo da emoción que había. Saían chorando”, explica. Mais, sen dúbida, o seu día de traballo favorito no ano é o da maratón no festival de Cineuropa: “A xente vén co pixama, con mantas, zapatillas… Empeza as dez da noite e acaba sobre as doce da mañá. Cando comeza todo o teatro estalla, literalmente, empezan a aplaudir, a petar cos pés no chan que parece que vai caer abaixo… É un espectáculo máis aló das películas”.
Despois de tanto tempo, tamén é especial o trato que ten con moitas compañías, produtoras, artistas… “Os de Mofa e Befa sempre me traen chuches como recompensa se poño o cartel de entradas esgotadas”, afirma. Cando comezou nisto, dáballe máis reparo achegarse, pero pronto superou ese ‘medo’. “Son persoas que están facendo o seu traballo, coma nós”, di. E aínda que nin Zaila nin as súas compañeiras e compañeiros reciban o cariño do auditorio como os que están en escena, si que sente que se valora o que fan. “Sempre hai quen nos dá as grazas”, asegura. Que sirva esta reportaxe para darvos tamén o voso merecido aplauso.