fbpx
GaliciaNovas

Novo golpe á hostalaría que pecha en 60 concellos durante un mes

Cadaleito que utilizaron os hostaleiros na mobilización para pedir un rescate celebrada no Obradoiro fai unha semana.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu hoxe en rolda de prensa para anunciar as novas medidas acordadas polo comité clínico para conter a pandemia da Covid-19 e que entrarán en vigor este sábado ás 00:00 horas. O Goberno galego decidiu restrinxir o movemento e pechar a hostalaría en 60 concellos galegos durante un mes. Bares e restaurantes só poderán funcionar con servizo a domicilio ou para levar. No que se refire ao apartado cultural, cines, teatros e auditorios reducirán a súa capacidade a 30 persoas no interior e 75 en exterior.

Entre os concellos afectados están Santiago, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra, que comparten peche perimetral, polo que se permite o movemento entre eles.

Nestes 60 concellos estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Bugallo pide axuda para a hostalaría

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nunha primeira valoración das novas restriccións adoptadas pola Xunta de Galicia reiteirou o respecto por estas medidas, “e o acatamento e a vontade de cumprir e facer cumprir as directrices que emanan do Comité Clínico”.

O rexedor espera que “estes enormes sacrificios que se lle están pedindo á poboación, fructifiquen, e que nos permitan afrontar en mellores condicións esta situación de pandemia”. E tamén espera, subliñou, “que se habiliten medidas de apoio e compensación aos sectores que economicamente sofren un castigo máis duro, como pode ser o caso da hostalería”.

O alcalde engadiu que espera poder salvar “o que sexa salvable da campaña de Nadal. Nós tiñámola preparada para empezar o 5 de decembro, pero vexo que é moi probable que non poida comezar”. En todo caso, concluiu, “se non é o 5 é o día 7, e manterémola ata o mes de xaneiro”. O alcalde compostelá rematou dando ánimos á cidadanía de Santiago e pedíndolle “responsabilidade”.

Os hostaleiros composteláns manifestáronse fai unha semana para pedir un plan de rescate para o sector, nunha mobilización que os organizadores calificaron de histórica con preto de 1.500 persoas participantes.