CompostelaNovas

A hostalaría compostelá, unida na defensa dun plan de rescate para o sector

Hostaleiros, clientes, veciños, así como produtores e distribuidores de mercancía, concentráronse hoxe na Praza do Obradoiro para exixir o rescate do sector na que foi, segundo os organizadores, a maior mobilización da hostalaría na historia de Galicia. Preto de 1.500 persoas acudiron ao chamamento realizado pola Asociación Hostalaría Compostela, a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Tempo con Xeito, Asociación da Raíña, Hosteleros Asociados Compostelanos, Asociación Cultural Cidade Vella, Hostaleiros do Milladoiro e Asociación de Bares e Restaurantes do Franco.

O acto comezou coa lectura dun manifesto por parte dos actores Federico Pérez e Patricia Vázquez no que sinalaron que a situación do sector, que supón o 20% do PIB galego, é insostible desde o punto de vista económico, máximo aquel dependente dos fluxos de turismo, como é o hospedaxe ou o do chamado ocio nocturno.

Os hostaleiros quixeron deixar claro que eles non son o problema, senón parte da solución.  A hostalaría cumpre escrupulosamente as normas de seguridade que ditan as autoridades sanitarias, e demóstrao a práctica nulidade de sancións que existen no sector. Os datos do Ministerio de Sanidade a 22 de outubro sitúan nun 2,1% os gromos que se producen nos locais de ocio representando o 4.7 % do total de caso activos.  “Somos o segundo territorio en restricións á hostalaría,  a pesar de ser o terceiro pola cola en número de casos por 100.000 habitantes”, destacaron.

A marcha continuou ata as dependencias da Xunta de Galicia en San Caetano, onde os hostaleiros reclamaron diálogo e que se estableza un plan de rescate “máis alá de anuncios improvisados que non se concretan, ou de unha orde de axudas ao aluguer dos establecementos de ocio nocturno, claramente insuficiente e que non vai asumir de media máis que un mes dos sete que levamos pechados”.

O sector defende que a saúde e a vida teñen a máxima prioridade, pero a economía tamén é unha condición necesaria para garantir a vida, polo que urxe tomar decisións nesta materia. “Non é momento, por parte do goberno galego, de liberar responsabilidades, e depositalas en diferentes sectores da sociedade, criminalizando á hostalaría e intentado presentalo como principal  responsable da actual situación”, concluíron.

Apoio do Concello

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e outros membros dos distintos grupos políticos da Corporación municipal apoiaron a reinvindicación do sector da hostalería no seu conxunto, que reclamou axudas directas para poder facer fronte ás consececuencias derivadas das medidas restritivas dictadas para frear o avance da covid cunha concentración na praza do Obradoiro.

Para Sánchez Bugallo “hai dúas cousas que non son contradictorias”, por un lado o respecto e cumprimento “da normativa que aproba o organismo competente”, e, polo outro, “pedir compensación e apoio para a aqueles sectores que, como consecuencia, se ven gavisimamente afetados”. Engadiu o rexedor que “todos entendemos que estamos nunha situación terrible e que temos que tomar medidas e apoialas, pero tamén que, cando se esixe un sacrificio específico a determinados sectores, estes deben ser apoiados”.

No caso de Santiago, sinalou o alcalde, “o 80% dos locais pagan renda e non se pode pretender que sigan mantendo a súa actividade e pagando a renda se non teñen ingresos. E, na práctica, as medidas fan imposible que teñan ingresos”. Dende a entidade municipal, engadiu o rexedor, “estamos facendo o que está ao alcance da nosa capacidade, pero é claramente insuficiente”. O Concello permitiu a ampliación do espazo destinado a terrazas e a colocación de elementos calefactores, pero “non todos os locais teñen terraza e moitas terrazas non poden soster os gastos fixos dos locais”, nunha cidade na que “a climatoloxía non axuda”. Por iso, concluíu, “é necesario un plan de axudas e de apoio real e efectivo a estes sectores máis afectados”.

Sánchez Bugallo non quixo entrar a valorar as medidas dictadas, porque nestas circunstancias, indicou, “non se poden cuestionar as directrices” de quen está ao mando. “Temos que colaborar con el e facelas cumprir”. Agora ben, puntualizaou o rexedor, “quen dicta esas instrucións ten que ser consciente de que teñen consecuencias e debería facer un plan de compensación”.