fbpx
CompostelaCulturaNovas

Dúas semanas de concertos, monólogos, deporte e espectáculos para os máis pequenos para celebrar o Apóstolo 2021

Presentación das Festad do Apóstolo. Foto: Concello de Santiago

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou o avance do programa das Festas do Apóstolo, que arrancan o vindeiro martes 20 de xullo co pregón a cargo de Cantigas e Agarimos, asociación que celebra neste ano 2021 o centenario do seu nacemento. O presidente e o secretario da agrupación folclórica, Manuel Rey e Carlos Salgado, estiveron presentes na rolda.

Do 20 ao 31 de xullo Santiago acollerá unhas Festas do Apóstolo que, de novo, estarán marcadas polas medidas restritivas ditadas pola autoridade sanitaria por mor da pandemia. “Está claro que vai ser un Apóstolo diferente, unha vez máis, pero non por iso imos deixar de celebrar as festas grandes da cidade, que van comezar da mellor maneira posible, co pregón a cargo de Cantigas e Agarimos, que este ano celebra 100 anos de vida. Un século animando as múltiples festas e romarías de Compostela, inculcando o amor pola música e o baile tradicional en centos de composteláns e composteláns. En resumo, unha traxectoria que os fai merecentes de subir o balcón do Pazo de Raxoi o próximo martes 20 de xullo para poder abrir as festas e recibir tamén o cariño da cidade que os viu nacer e medrar”, indicou o concelleiro. Tanto Manuel Rey como Carlos Salgado agradeceron ao Concello a oportunidade de celebrar un aniversario “tan especial” dando o pistoletazo de saída ás festa do Apóstolo, co pregón e cunha actuación na praza do Obradoiro ese mesmo día que aunará música e humor.

Despois do pregón “teremos por diante preto de dúas semanas de concertos, monólogos, cine ao aire libre, circo, deporte, espectáculos para os máis pequenos e os xa clásicos cabezudos, Xornadas de folclore, tamén coa participación de Cantigas e Agarimos, torneo da chave, etc.”, anunciou Muiños, que lembrou que “no que respecta aos concertos, aos escenarios habituais da Quintana e o Obradoiro sumamos o parque de Galeras, a praza de Mazarelos e o Palco de Música da Alameda, co obxectivo de recuperar a función inicial deste singular espazo”.

Por estes escenarios, con aforos reducidos por mor da pandemia, pasarán Iván Ferreiro, Luz Casal e a Real Filharmonía, Marlon, A Banda Municipal de Música, Ladilla Rusa ou Terbutalina, entre moitos outros. “Por suposto, desfrutaremos dos fogos do apóstolo o día 24 e tamén o día 31, que presentaremos noutra rolda de prensa con máis detalle”, apuntou Muíños.

Puntos lila
Durante as festas habilitarnase dous puntos lila de información e atención sobre violencias machistas: un permanente na praza do Toural do 20 ao 31 en horario de 12 a 14 horas e de 20 h a 1.00 h; e un puntual, que estará no parque de Galeras os días de concerto (do 21 ao 30) de 19 a 23 horas.

O edil fixo fincapé en que “estes puntos, que poñemos en marcha coa concellaría de Igualdade, queren, por un lado sensibilizar e lembrar á cidadanía que nas festas a igualdade e o respecto deben sempre estar garantidos, e doutra, ofrecer información, acompañamento e primeira atención a calquera muller que poida vivir un episodio de violencia machista durante as festas”.

Información sobre retirada de convites
Todas as actividades son de balde, agás o concerto do día 21 de xullo (Luz Casal & RFG) e os convites poderán retirase en apostolo2021.ataquilla.com (desde o día 12 de xullo para os espectáculos dos días 20 ao 25 de xullo e desde o día 16 de xullo para os espectáculos dos días 26 ao 31 de xullo). Reservarase unha portecentaxe (sobre o 25%) para a súa recollida no despacho de billetes do Teatro Principal do 12 ao 31 de xullo en horario de 17 h a 21 h. Os convites para “Cinema no parque” retíranse en cinemanoparque.gal a partir do 12 de xullo de 2021. Os convites para os concertos da BMMS do xoves 29 e sábado 31 de xullo, retíranse unicamente na billeteira do Teatro Principal.

Cada persoa poderá retirar dous convites, excepto para as actividades infantís da alameda e cinema no parque, que serán tres.

Para todas as actividades é preciso acudir cunha antelación de 30 minutos e é obrigatorio o uso de máscara.

Consulta aquí o programa completo.