Os VII Premios Martín Códax da Música Galega reafirman a forza das mulleres na música galega
Os VII Premios Martín Códax da Música Galega celebraron este mércores a súa gala, onde un ano máis entregaron as xa famosas estatuiñas das Melómanas aos proxectos premiados, así como o premio honorífico, que recaeu na cantora María Manuela. Moita música en directo e por suposto referencias á pandemia – tanto en clave de humor como reivindicativa – foron elementos destacados do certame organizado pola Asociación Músicas ao Vivo.
A gala, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, estivo conducida pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad e o encargado da dirección musical foi o saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas. Como director artístico da mesma exerceu o actor e dramaturgo Gustavo Dieste.
En representación das entidades patrocinadoras dos Premios da Música Galega Martín Códax, asistiron a Directora de Marketing das Bodegas Martín Códax, María Garrido, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, o Director da AGADIC, Jacobo Sutil, e en representación da Deputación de Pontevedra contaron con Victoria Alonso, deputada da Área de Cultura e Gregorio Agif, de Promoción Económica.
Foi esta unha edición onde se reafirmou a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami, por mencionar tan só algúns deles.

“Estamos aquí!”
No seu discurso final, a xunta directiva de Músicas ao Vivo, ademais de salientar o agradecemento ás e aos participantes, patrocinadores, colaboradores, socias e socios de Músicas ao Vivo e ao xurado, quixo deixar clara a súa reclamación pola desprotección social e laboral endémica que sufre o sector, e que se veu reforzado pola actual crise sanitaria. Recalcaron a “precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas cancelacións de última hora, as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo” entre outras eivas ás que se ven sometidos e sometidas.
Dende Músicas ao Vivo solicitan, entre outras medidas, que “as Administracións manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos”. Salientaron a urxente necesidade dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas” que se adapte á singularidade laboral destes/as profesionais, e a necesidade de rebaixar o ive cultural en toda a súa cadea de valor.
Proxectos premiados nas categorías musicais
-Proxecto destacado Galego de Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
-Proxecto destacado Galego de Canción de Autor/a: Silvia Penide
-Proxecto destacado Galego de Metal: Broa
-Proxecto destacado Galego de Electrónica: Músculo!
-Proxecto destacado Galego de Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
-Proxecto destacado Galego de Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
-Proxecto destacado Galego de Rock: Agoraphobia
-Proxecto destacado Galego de Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
-Proxecto destacado Galego de Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
-Proxecto destacado Galego de Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas
-Proxecto destacado Galego de Músicas do Mundo: Najla Shami
-Proxecto destacado Galego de Música Folk: Caldo
-Proxecto destacado Galego de Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
-Proxecto destacado Galego de Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
-Proxecto destacado Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
-Proxecto destacado Galego de Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
-Proxecto destacado Galego de Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio
Premios Organistrum:
-Salas: Naútico
-Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
-Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas