#apaparCompostela

Merluza do pincho no Café de Altamira

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o gozou do seu prato no Café de Altamira acompañado dun bo viño. Foto: Iván Barreiro

Para compensar un pouco a ‘comilona’ do número anterior, decidín ir a por algo fresquiño da Praza de Abastos. Xa sabedes que é unha zona compostelá que vive un auténtico auxe gastronómico, con moitos locais que paga a pena visitar para ir #apapar. Desta volta, escollín o Café de Altamira, o restaurante do hotel Pazo de Altamira.

Cando entras pola porta, podes observar que é un sitio novo pero con encanto. Gustoume moito a decoración -tan de antiga taberna galega pero á vez cun toque moderno- o esmerado coidado nos detalles e que me fixeran sentir coma na casa.

Unha vez sentado e preparado, servíronme a súa merluza á galega posta ao día. Trátase dun lombo de pescada que cociñan a baixa temperatura e ao que engaden cebola confeitada e unha allada. Ofrécenna en versión media ración ou como ración enteira. Eu aconséllovos escoller a primeira e completalo coa media ración doutro dos seus pratos estrela: o xarrete de porco estufado catro horas en mole mexicano con puré de apionabo.

Pero volvendo á merluza, cabe destacar que o lombo estaba impecablemente limpo, cun sabor exquisito e unha cocción no seu punto. Ademais, a allada resultou toda unha sorpresa porque se sae da receita orixinal, o que lle dá ao peixe un toque fantástico conseguindo un sabor moi intenso. Faltoume, quizais, acompañar a peza cunhas patacas cocidas.

Para acompañar, servíronme tres viños que refrescan e desengraxan. Por un lado, un escumoso da casa Raventós, un oloroso en rama de Jerez e un viño tinto galego de Daterra Viticultores. Os tres moi axeitados cando estás saturado de comida e necesitas axuda para seguir. Maridaxe de dez!

 

 

Datos

Lugar: Café de Altamira. Rúa das Ameas, 9 (Santiago)

Prato: Merluza do pincho cociñada a baixa temperatura e cebola confitada

Prezo: 10 € a media ración e 16’50 € a ración enteira

Valoración: 8 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro

Alejandro Oubiña, xefe de sala: “Todos os nosos pratos teñen moito sabor”

Por Rebeca Munín

Alex, no Café de Altamira. Foto: Iván Barreiro

Alejandro Oubiña chegou ao Café de Altamira fai case cinco anos con moita ilusión e ganas de demostrar o ben que se lle dá o trato coa xente. E é que para calquera local, ademais da cociña, é vital contar con bo persoal que asuma o peso da sala.

Levar as rendas do restaurante do hotel Pazo de Altamira non é nada fácil, pero Alex faino moi a gusto e contento por toda a xente que, tanto da cidade como de fóra, chega para probar o seu ‘sabor do mercado’.

Con ese lema que tendes, ‘O sabor do mercado’, está claro de onde sacades a maioría do voso produto!

Si, tratamos de traballar o máximo posible co produto da Praza de Abastos. E o que non atopamos, como con algúns produtos específicos, buscámolo en provedores locais.

Como pratos estrela tendes a merluza e o xarrete, pero que máis atopamos na vosa carta?

Sempre temos cociña de tempada. Temos tamén steak tartar de vaca de Bandeira, que é un prato moi demandado. E solombo de vaca, xarda… pratos con moito sabor. E con influenza mexicana, porque sempre temos xente de prácticas que vén de México. 

Como é o traballo no Café de Altamira?

Trabállase duro porque isto é, como din os meus xefes, unha taberna galega posta ao día. Temos un ambiente de barrio pero situado nun punto estratéxico da cidade, como é a esquina da Praza de Abastos de Santiago. Por aquí pasa todo o mundo: xente local, turistas… É zona de vermú os sábados. Entón, o traballo é bastante difícil. Abrimos ás 7 de mañá para dar almorzos. Atendemos tamén aos hóspedes do hotel. Do almorzo pasamos ao vermú, logo á comida… Despois facemos un descanso pequeno, de 18:00 a 20:00, máis que nada para preparar o local para as ceas.

Os viños son outra parte importante deste local, non si?

Si, ao viño dámoslle moita importancia. Aconsellamos aos clientes e, se eles queren, poden probar diferentes opcións. As inquedanzas sempre hai que satisfacelas. Non hai que ter medo a probar cousas novas. O único que pode pasar é que non che guste.  

Ese é tamén o teu traballo: o de aconsellar ao cliente.

Si, a parte principal do traballo de sala é acoller ao cliente desde que chega. Se xa viu máis veces, hai que acompañalo e facerlle a experiencia agradable. E se é a primeira vez que vén á túa casa e está desorientado, tes que collelo da man, guialo e levalo polo camiño para que teña unha experiencia satisfactoria.

E para eses que aínda non vos coñecen, por que dirías que veñan ao Café de Altamira?

Porque se come moi ben e o trato é bo. Ademais, temos un local moi bonito, nunha zona moi chula da cidade, onde verán moito contraste de xentes… Todo o produto fresco que teñen na beirarrúa de en fronte, témolo aquí para comer. E ademais, poder comer nos nosos pratos de Sargadelos, sentados nas nosas sillas tamén de Sargadelos, é un motivo máis. En que outro lugar do mundo podes dicir iso? (Sorrí)