fbpx
A gorida do artistaCulturaGaliciaNovas

María Magán Lampón: “A arte forma parte da vida e a mirada do artista esperta a intención de transmitir”

Por Delio Sánchez, Inés Silvalde e Marisa Calderón de Os Catro Gatos 

Hoxe temos un día espléndido para visitar a María Magán, artista multidisciplinar , xerente do espazo La Doce, en Boiro, onde nos recibe para poder comezar a nosa conversa sobre a arte e o seu camiño nela.

Podemos arrancar dicindo que María estudou Belas Artes na facultade de Pontevedra coas novas xeracións que teñen unha visión nova, unha interpretación da arte lonxe do concepto clásico do oficio artístico. Unhas ensinanzas que traballan na liña do concepto e do mundo das ideas abrindo os sentidos ás cociñas da arte contemporánea.

Téxtil, silicona , pintura arxila…algúns dos materiais que conxugan as súas obras e series de traballos dos que destacamos algúns que semellan moi interesantes.

‘Nin antes nin despois’ é un proxecto que se refire aos soños e ao mundo onírico. Esta colección foi presentada na feira Hybrid Art Fair no stand da galería La Doce. Nela ten unha visión persoal dese mundo surrealista que caracteriza a obra de Lewis Carroll, cunha interpretación moi particular do mundo da fantasía, da alucinación e da loucura e que abrangue tanto o máis pequeno como o máis grande, equivalentes na súa importancia. Nesta serie mestúranse materiais téxtiles con obxectos cotiás provocando deste xeito unha irresistible atracción para o espectador, que á vez que mira, pensa, reflexiona e decide.

Por outra banda , na serie ‘Tu diploma oline’ María desprega toda a súa parte máis irónica e humorística, cunha crítica a unha sociedade cuxo máximo interese é a proxección pública e o recoñecemento social.

E chegamos a unha das máis salientables obras recentes, ‘Chicles’, que saca de contexto obxectos como os preservativos, interpretados de moi diferentes e suxestivas maneiras. María parte do material versátil destes, para convertelos en novos obxectos semellando gomas de mascar e retraéndonos aos sabores e cores que os caracterizan. É un xogo de imaxe, olor e sabor, un xogo lúdico en torno ao pracer sensual e sexual.

E así seguiriamos nomeando máis e máis traballos desta artista, pero o espazo non nolo permite. Invitámosvos a visitar a súa web mariamaganlampon.es, onde podedes ver a obra completa de M.Magán.

Ademais de artista, esta muller é emprendedora. Xunto coa súa parella xestiona o espazo de arte La Doce. Un local situado na calle ancha de Boiro que paga moito a pena visitar, xa que ademais de galería de arte podemos atopar venda de material de belas artes, oferta de talleres artísticos para todos os públicos ou mesmo enmarcación de obras.

A imparable María segue cos seus proxectos. Nun futuro próximo, unha exposición no espazo de Arte “OS CATRO GATOS” de Santiago.

Despedímonos de María Magán e da súa vila coa promesa de seguir os seus pasos artísticos e desexándolle todos os éxitos que merece.

Ata pronto. Vémonos na túa próxima mostra.