GastronomíaNovas

Presentan “Peregrinos do Mar”, unha iniciativa que converterá o Camiño Francés nun roteiro gastronómico de peixe espada e quenlla

INTERFISH-España, a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, a Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín e a Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) presentaron en Santiago a campaña “Peregrinos do Mar”, unha iniciativa que converterá o Camiño Francés nun roteiro gastronómico protagonizado por elaboracións de peixe espada e quenlla.

O acto contou coa participación da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde; do Xefe de Servizo da S. G. de Acuicultura, Comercialización Pesqueira e Accións Estruturais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Javier Barón; de representantes de INTERFISH, así como da chef compostelá Lucía Freitas (Estrella Michelín e 3 Soles Repsol), que se suma a esta iniciativa destinada a achegar a peregrinos e visitantes unha proposta que combina gastronomía, turismo e cultura mariñeira.

Sergio Acevedo, xerente de INTERFISH, deu a coñecer os obxectivos e o funcionamento da campaña, así como o denominado Roteiro de Selaxe Peregrinos do Mar, unha experiencia inspirada na tradicional credencial do Camino de Santiago mediante a que os peregrinos poderán descubrir as propostas adheridas á iniciativa, visitar os restaurantes participantes e desfrutar de diferentes pratos elaborados con peixe espada e tintorera.

O roteiro desenvolverase do 1 de setembro ao 30 de outubro en establecementos situados en Estella-Lizarra, Carrión de los Condes, Burgos, León, Astorga, Villafranca del Bierzo, Sarria e Santiago de Compostela, convertendo estas localidades en diferentes paradas desta experiencia gastronómica vinculada ao Camino Francés e o Códice Calixtino.

A través do Roteiro de Selaxe, os participantes poderán ir completando a súa credencial a medida que descobren os establecementos e propostas adheridas á campaña e acceder a distintos premios en función do número de selos conseguidos.

O acto abriuno Juana Parada, en representación de ORPAGU e en nome do presidente de Interfish, Joaquin Cadilla, que quixo destacar o apoio demostrado pola Administración para apoiar este tipo de iniciativas que serven para “fomentar o consumo do peixe espada e quenlla nun momento complicado”.

Pola súa banda, Javier Barón, representante do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, sinalou que accións como esta contribúen a avanzar en varios obxectivos compartidos polas políticas públicas en materia pesqueira e alimentaria: promover o consumo de produtos pesqueiros de calidade, ofrecer información rigorosa ás persoas consumidoras, reforzar a seguridade alimentaria e xerar valor engadido para os produtos do sector.

Despois tomou a palabra a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que recalcou que “Galicia non se entende sen o Camiño pero tampouco sen a súa identidade mariñeira”. Doutra banda, sinalou que “falar da flota palangreira é falar de sustentabilidade, de respecto polo mar e os consumidores cumprindo todos os fitos da seguridade alimentaria”. “Representan o orgullo polos seus pobos costeiros que resgardan a tradición e o amor polo mar. Son un motor imprescindible”, finalizou.

A chef Lucía Freitas falou das bondades dos peixes promocionados e dixo ter a sorte de ter sempre na súa cociña o peixe espada rosado ao que denominou como o “wagyu do mar”.

A presentación finalizou cunha acción gastronómica divulgativa deseñada por Freitas na que as persoas convidadas puideron degustar pratos como Escabeche morno de quenlla, Nigiri de ventresca de Peixe Espada ou Tártaro de Peixe Espada e Encurtidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.