Iván Ferreiro, cancións para mover o espírito
De todas as veces que vin a Iván Ferreiro a do pasado venres na Quintana dentro do programa das Festas do Apóstolo foi a máis íntima. Entendeu que non pode facer o mesmo espectáculo de sempre en plena pandemia -conectando así co estado emocional do público- e dese entendemento nace “Contos e Cancións” xunto ao seu irmán Amaro á guitarra. O resultado é un show no que se realiza un delicioso percorrido pola traxectoria de ambos desde 2005 até 2020, a través de cancións menos coñecidas (xunto aos clásicos imprescindibles), fotografías con outros artistas do panorama indie español e retrincos de éxitos e fracasos dos varios discos ao longo destes anos.
A pesar (ou grazas ao público sentado), a distancia de seguridade e a máscara, asistimos a unha viaxe máxica que comeza pola gravación dun disco nunha casa en Finisterre, continúa por unha xira por América, e mesmo é capaz de facer humor coas malas críticas do álbum “Picnic Extraterrestre” ou da incomprendida homenaxe a “Golpes Bajos” en “Port América”.
Por suposto, dá ao público o que quere. E trae o escenario rotundos éxitos como a recente “Pensamento Circular” e pecha coa inconmensurable “Turnedo”.
Aínda que un dos momentos máis surrealistas da actuación é o dedicado a Max Richter (autor da BSO da serie “The Leftlovers”). Ese electrizante mix cantado entre Vivaldi e Iván Ferreiro merece o espectáculo en si mesmo.
En definitiva, unha aposta orixinal, cunha carga emocional moi na liña dos irmáns Ferreiro, que o público agradece nestes tempos pandémicos de restricións á hora de movernos. Porque quizais esteamos limitados para mover o corpo, pero non para mover o espírito.