Sofar, un segredo para os gourmets da música

Por Javier Pereira Gasamáns
Os afeccionados á música en directo discuten sobre que é mellor, se os festivais ou as salas de concerto. Hai opinións para todos os gustos, mais o único certo é que hai vida máis aló destas dúas opcións. Mostra disto son as iniciativas como Sofar Sounds A Coruña que buscan levar os concertos fóra do seu hábitat natural. Grazas a eles moitos melómanos puideron gozar de bolos nunha tenda de cómics, nun rocódromo, no obradoiro dunha artista ou mesmo no Acuario da Coruña; coa particularidade de non coñecer a localización ata horas antes do evento e sen saber quen serán os artistas ata que comezan a tocar. Ademais, tampouco a entrada é libre, senón por invitacións que se sortean entre os que se apuntaron na súa páxina web, iso si, dando prioridade aos que nunca asistiron a unha das súas sesións.
Sofar Sounds Coruña bota a andar no 2018, pero é unha iniciativa que nace en Londres no 2009. Dende aquela son máis de 100 cidades por todo o mundo as que contan co seu propio Sofar (Songs From a Room). En cinco anos Sofar programou a bandas como Los Eternos, Rumia, Clipper, Jamie Fithring ou Wasted Wiltons por nomear só algúns. Para coñecer máis sobre Sofar Sounds falamos cos seus responsables, Carolina e Michel.
Como nace Sofar Sounds Coruña?
Carolina: Polo 2017 eu viaxo a Londres por traballo e un amigo australiano díxome que probase a ir a un concerto de Sofar. Fun, gustoume e repetín tres veces seguidas. Eu estaba comisariando festivais de foto, pero quería darlle unha volta ao que estaba facendo. Quería seguir facendo cousas e Sofar tiña o que me gustaba, a xestión cultural e a música en directo. Volvín a España e investiguei que tería que facer para traer Sofar A Coruña. Daquelas habían poucas cidades Sofar e pedían presentar un proxecto. Parecíame moito traballo para unha persoa soa, pero no Esmorga Fest coñecín a Michel e puxémonos a traballar.
Como escolledes os sitios onde vai ser o bolo? Cal foi o lugar máis estraño?
Michel: Atopar un sitio onde se poidan realizar bolos é o máis complicado. Tamén hai que adaptar as bandas ao sitio, ás capacidades, mirar se ten que ser eléctrico ou acústico... Non todos os sitios serven, algúns son moi pequenos e outros, aínda que espazosos, teñen unha acústica moi tola. Temos feitos bolos en xastrerías, salóns de peiteado, lugares curiosos máis que estraños. O sitio é o máis complicado pero sempre o sacamos para adiante.
Carolina: Non só hai que buscar un sitio bonito con boa acústica, tamén hai que pensar na seguridade do público, na súa comodidade e na dos músicos; e que se poida poñer unha barra porque o demanda o público. Recibimos peticións de locais, pero ao final somos nós os que buscamos o lugar. Todos os espazos son particulares, pero o máis estraño para min foi o que fixemos nunha imprenta.


Cal é o criterio para seleccionar as bandas? As bandas saben onde van tocar?
Carolina: Hai moitas maneiras. Sofar conta cunha plataforma na que as bandas se ofrecen para tocar. Se algunha delas di que quere tocar na Coruña, valoramos se pode ser interesante e se é así, quedan na nosa base datos. Logo hai artistas que veñen de facer sesións en Madrid ou Valencia, por exemplo, e que din ter dispoñibilidade para vir ata Coruña. Con eles tamén contamos para formar unha comunidade global de artistas, locais e público. Grazas a Sofar trouxemos xente de fóra de España, xente de Francia, USA ou Chile.
Michel: Dependendo de como é o sitio escollemos unha banda ou outra. As bandas coñecen o sitio con antelación porque precisan de saber con que infraestrutura contan para poder adaptar o seu bolo ao espazo. O público non sabe cal vai ser o sitio ata un ou dous días antes e ata que comeza o concerto non sabe quen toca.
Os músicos e os técnicos cobran polo seu traballo para Sofar?
Michel: Carolina e eu facemos isto por amor ao arte, por apoiar ás bandas que se saen dos circuítos habituais. Tamén por darlle a oportunidade a outros músicos e que non sexan sempre os mesmos os que tocan. En cada Sofar tocan tres bandas, é un pequeno festival que precisa dun equipo técnico de son, de foto, de vídeo que teñen que realizar o seu labor nun sitio que non está adaptado para concertos. Todo este traballo, que é moitísimo, está remunerado, tanto os técnicos como as bandas.
Carolina: Precisamos de cinco persoas como mínimo para facer cada sesión. Os artistas cobran o seu caché, que non é moi alto. Dos cartos que sacamos das entradas pagamos aos músicos, e logo, co que sobra, pagamos aos técnicos. Non traballan de balde, pero non é moito o que podemos darlles.
Michel: O certo é tamén veñen atraídos polo nome de Sofar, pois é unha comunidade que contan con máis dun millón de seguidores en todo o mundo. Sofar é unha boa promoción para as bandas.
Hai unha crise de afluencia ás salas, pero Sofar enche sempre. Como o conseguides?
Carolina: Michel e eu somos animais de sala e notamos que hai pouco afluencia e que sempre somos os mesmos. Porén os festivais están petados de xente que non vai escoitar música, que vai porque hai unha febre de que hai que estar alí. Nos facemos ‘sold out’ porque ofrecemos unha mestura de música e experiencia. Coidamos o son, poñemos mimo no lugar. E o misterio en torno ao lugar e as bandas engancha á xente. Sofar ofrece un pequeno festival gourmet, como un bombón. Iso si, sempre lles recordamos aos asistentes que todas as semanas hai bolos nas salas, que hai que apoialas porque a única maneira de crear tecido.
Michel: Nós nos somos competencia para as salas. Agora facemos un evento cada dous meses. O misterio vende e atrae xente. Este formato fai que a xente estea expectante de quen vai tocar. Logo descobren bandas locais, que forman parte da escena galega, que non son os nomes de sempre. Persoalmente do que máis satisfeito me sinto é de ensinarlle estas bandas á xente e que logo as apoien.
Sodes optimistas coa escena local de Coruña?
Michel: Hai que ser optimistas porque a escena de Coruña é máis rica que nunca. Moitos estilos diferentes, músicos impresionantes, cunha escena de electrónica e de metal moi boa. Por outra banda, son pesimista porque o público non responde. A Coruña é unha cidade complicada, que non se molesta por coñecer bandas novas, que non quere pagar por ver unha banda que non coñece; pero que logo paga centos de euros por ver os restos dunha banda “mítica”. Tampouco hai apoio por parte das institucións.
Carolina: Hai esperanza, cada vez hai máis bandas, pero cada vez hai menos salas e menos oportunidades para tocar. Hai que poñer máis medios e poñerlle menos traba ás bandas.
“Ata que comeza o concerto o público non sabe quen toca”

