Compostela e A Coruña celebran o Día do Orgullo LGTBIQ+
O acto central do Día do Orgullo LGTBIQ+ en Compostela abriuse cunhas palabras de benvida da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que reiterou o compromiso institucional “coa dignidade de todas as persoas que conforman o colectivo LGBTI” e con “acadar a sociedade tolerante, xusta e inclusiva que todas soñamos”. Goretti Sanmartín tamén fixo unha mención especial “a todas as persoas que abriron camiño na loita pola visibilización e dignificación do colectivo, as pioneiras que comezaron a escribir o relato en clave diversa nesta cidade, as que plantaron a semente para que hoxe poidamos falar de identidade de xénero desde as perspectivas social, política e humana”
A continuación un grupo de alumnado do IES do Sar leron fragmentos das súas creacións, realizadas no marco do proxecto educativo Di-versos, con implicación activa de toda a comunidade educativa a través da Comisión de Igualdade do propio Centro.
As concelleiras dos diferentes grupos municipais Mercedes Rosón (PSdG PSOE), Míriam Louzao (BNG), María Baleato (PP) e María Rozas (Compostela Aberta) leron a continuación o manifesto polo Día Internacional do Orgullo LGBTI+, data que conmemora a revolta de Stonwall que se produciu en Nova York en 1969, considerada como o nacemento do movemento LGBTI moderno.
No manifesto recordouse que “no ano 2023 estamos vendo como no mesmo país en que se orixinaron as revoltas volven ser aprobadas leis que regulan o tipo de roupa que pode vestir unha persoa, baixo ameaza de multa ou de cárcere. Se está ocorrendo alí, unha vez máis, pode ocorrer aquí se non actuamos”, xa que “períodos de avance social, melloras en liberdades e relaxación nas normas de xénero e sexuais poden verse sucedidos por períodos regresivos en que o control dos corpos e as vidas das persoas LGBTI+ é máis restritivo e violento. Isto é o que estamos a observar na actualidade.”
Sen embargo “non é o momento de perder a esperanza. O groso da sociedade é cada día máis igualitario e solidario. O que estamos a ver é unha polarización na opinión pública: por unha banda cada vez se visibilizan máis persoas LGBTI+ e aliadas, cada vez con máis presenza nos medios, na cultura, ou na política; e por outra quen ve ameazas na existencia de persoas diferentes reacciona cada vez con maior violencia”.
Durante o manifesto fíxose un chamamento a “tomar partido, de que toda a cidadanía dea un paso á fronte e defenda os ideais de igualdade e diversidade que caracterizan a nosa Compostela” e se reiterou o compromiso desde o Concello “de dar exemplo, de amosármonos como unha barreira unánime contra o odio”, e continuar a traballar “na defensa dos dereitos do colectivo LGBTI+ durante todo o ano, non só no mes de xuño. Queremos seguir construíndo a Compostela diversa e que isto volva facerse de xeito acompañado e participado por todo o tecido social e asociativo do noso municipio”.
En concreto, as concelleiras que deron lectura ao manifesto, comprometéronse no nome da Corporación municipal a “poñer a funcionar o centro LGBTI+”, desenvolver “o protocolo contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas no lecer nocturno que xa está en fase de elaboración”, “promover unha programación cultural queer aberta á totalidade da veciñanza”, “apoiar o movemento asociativo” que contribúa a “avanzar cara a unha cidade máis inclusiva, xusta e igualitaria”, “garantir un acceso igualitario de todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero e da súa orientación sexual aos servizos públicos municipais”, así como converter “a defensa dos dereitos LGBTI+” nun “marco transversal da acción municipal, traballando de maneira sinérxica entre todas as áreas”.
“Santiago de Compostela é cidade de referencia para o colectivo LGBTI+, un espazo seguro, un fogar en que poder ser libres e felices. Evitar que esta realidade se poña en perigo é a nosa responsabilidade, e desde a institución municipal faremos todo o que estea na nosa man para protexer esta seguridade, liberdade e felicidade. Comprometémonos a cumprir con este reto”, concluíu a alcaldesa.
Este acto forma parte da programación de Compostela Diversa, que se estenderá ata o 8 de xullo con diferentes actividades.
Catro semanas de actividades na Coruña
A concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, presentou no Palacio de María Pita o cartel e o programa de actividades que organiza o Concello para celebrar o Orgullo 2023.
“O cartel deste ano resume perfectamente como celebra esta cidade esta festa de visibilización e reivindicación LGTBI+: o noso Orgullo é tan grande que nos falta espazo para expresalo”, destacou Neira. “O Orgullo coruñés é xa un referente cultural do noroeste do país e cada ano faise máis grande e máis participativo”, explicou.
Neira subliñou que a programación deste ano céntrase na cultura e a divulgación. “Haberá cinema, obradoiros, literatura, unha exposición fotográfica e, de novo, a feira de entidades LGTBI+, un punto de encontro e de información que demostra a solidez e a variedade dos distintos grupos e asociacións que loitan na nosa cidade pola igualdade efectiva e o recoñecemento da diversidade”, dixo.
A concelleira lembrou que esta programación complétase co festival Atlantic Pride, que do 2 ao 9 de xullo ofrecerá concertos nas súas tres sedes: a Fundación Luís Seoane, a praza de Pontevedra e os xardíns de Méndez Núñez. Este último espazo contará este ano por primeira vez cun punto violeta, como o resto das xornadas festivas que teñen lugar na cidade durante o verán.
A bandeira do orgullo xa está colocada na Domus desde o pasado día 16, mais o comezo das actividades será, como habitualmente, a manifestación do Orgullo que percorrerá as rúas da cidade ata a praza de María Pita o día 28.
O venres 30 comezarán as actividades coa inauguración, na rúa Compostela, da exposición ‘Álbum familiar’, da fotógrafa coruñesa Lestonnac Ibáñez, que conmemora os 18 anos do matrimonio igualitario en España. O mesmo día, pola tarde, o barrio do Ventorrillo desenvolverá o seu primeiro ‘Ventorrillo orgulloso’, unha iniciativa veciñal que, co apoio do Concello, utiliza a arte e a festa para contribuír á visibilización do colectivo LGTBI+. Ente as actividades programadas, os propios veciños pintarán coas cores da bandeira LGTBI+ algúns dos bancos do barrio.
A literatura será un ano máis protagonista da man de Librarías Orgullosas, un proxecto consolidado que aglutina a 12 establecementos da cidade. Os autores Neé Barros e Luís Maura presentarán as súas últimas obras os días 5 e 6 de xullo nas librarías Nobel e Berbiriana, respectivamente.
O sábado 15 será o día do activismo e a celebración. Pola mañá, as asociacións LGTBI da cidade programan na praza de Lugo a Feira de Entidades, nas que ofrecerán información e divulgación desde as 10.30 da mañá. Ás 13.00 terá lugar a actuación musical dos coros Coruña Cores e Cantabile.
O sábado pola tarde, a partir das 20.00, na Fundación Luís Seoane, celebrarase a festa do Orgullo lésbico que este ano leva como lema ‘Marcelas e Elisas’. Haberá un concerto de La Negri e unha sesión DJ a cargo da DJ Lola la Yaya.
O cinema é outro dos pratos fortes da programación. Os días 18, 19 e 20 de xullo proxectaranse ao aire libre na praza de España/Campo da Leña tres filmes de temática LGTBI+ dentro do ciclo Cinema con Orgullo. A primeira das proxeccións será ‘20.000 especies de abellas’, de Estíbaliz Urresola, premiada no Festival de Málaga e na Berlinale. Completan o ciclo a película arxentina ‘Cros Dreamers’ e ‘Alex&Munchie’, da directora e activista galega Carme P.G Granxeiro. Todas as proxeccións son ás 22.00 horas.
A programación complétase con dous obradoiros no Espazo Diverso do centro cívico da Cidade Vella: un a cargo de Lucinda Rey Escribano baixo o título ‘É un orgullo romper os meus medos contigo’ que terá lugar o día 13 de xullo e un taller de debuxo de Greta Debelius o día 22.
“O Goberno de Inés Rey leva desde o ano 2019 impulsando políticas de visibilización, máis importantes hoxe que nunca, cando se aprecia un retroceso por parte de determinadas formacións políticas. Neste tema non podemos dar un paso atrás”, indicou Neira