EntrevistasGalicia

Novo Cinema Galego I: Lois Patiño, o cinema contemplativo

Lois Patiño. Foto: Iván Barreiro
Lois Patiño. Foto: Iván Barreiro

Un pouco antes do dez da mañá, Lois Patiño entra un pouco somnolento (ou soñador) na sala de prensa do festival internacional Curtocircuíto que se celebrou en outubro en Santiago. Ese xesto non fai máis que aumentar o seu aire de adolescente cun punto bohemio, a pesar de ou grazas aos seus espléndidos 34 anos.

Educado e profesional, o alcumado “mozo de ouro do Novo Cinema Galego”, fálanos de ‘Fajr’, a súa última obra (vista en Curtocircuíto), da súa visión do cinema e dos seus próximos proxectos.

‘Fajr’ resulta para o espectador moi hipnótica. Fálanos sobre ela.

Déronme unha bolsa de videoarte e a primeira forma que adoptou a obra foi unha videoinstalación multipantalla. Pero como me movo neste terreo fronteirizo entre arte contemporánea e cinema, logo adoptou a forma dunha película. Nos meus últimos traballos estou a tratar de explorar a experiencia temporal en relación ao espazo e á paisaxe. Traballo figuras inmóbiles na paisaxe para explorar esa contraposición temporal entre o instante e a duración, como unhas figuras inmóbiles nun espazo determinado evocan sensacións, o equilibrio entre o abstracto e o figurativo, sumando estes conceptos, que quería explorar, coa experiencia en si do deserto como espazo mítico de retiro espiritual. Neste caso quería contar como desde a abstracción da noite, o amencer, a luz van dando dimensión e empezan a debuxar o espazo.

Falando do “retiro espiritual”, lin que rodaches unha parte da película ti só no deserto (estivo uns 10 días rodando en soidade “ata que rompeu a cámara cunha onda” durante a terceira etapa da rodaxe, despois de viaxes anteriores con Pela de Álamo e unha exmoza que se menciona de pasada) e que chegaches a experimentar sensacións incribles…

Creo que nunca debería de contar isto (risas). Intento no meu cinema subliñar certas sutilezas perceptivas en torno á paisaxe. Esa experiencia de intimidade da paisaxe, de soidade, coa experiencia do lugar tan continuada no tempo, nun sitio como o deserto tan baleiro, facía que chegase a extremos, que sobre todo vehiculara a soidade cara á percepción da paisaxe, atenta a sutilezas que, se estás con alguén, non chegas a alcanzar por distracción.

Cres que a soidade é requisito imprescindible para crear?

Imprescindible non pero para algúns cineastas, e eu son deses, é importante. Necesítoa para profundar. Adquiro maior liberdade, maior profundidade cando estou só. Hai fases no proceso creativo; hai momentos nos que necesitas o diálogo, a confrontación para que emerxan novas ideas. Prefiro empaparme de estímulos que poden vir de ver as obras doutro pero á hora de expresarme síntome máis libre na intimidade da soidade.

El País definiute como “o mozo de ouro do Novo Cinema Galego”. Identifícaste con este título?

Co “Novo Cinema Galego” si, co de “mozo de ouro”… (risas. Lois encóllese un pouco de ombreiros) A verdade é que os colegas tamén me chaman así. Somos varios cineastas que por sorte recibimos varios premios aquí e alá así que é algo que non só é do titular senón que mo din moito por aí.

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro

O certo é que a túa traxectoria é impresionante. Pareces tocado por un talento especial. A túa primeira curta, ‘Montaña en sombra’, gañou o Premio Especial do Xurado en Clermont-Ferrand, a meca dos certames de curtas, e coa túa primeira longa, ‘Costa da Morte’, gañaches o premio ao Mellor Director Emerxente en Locarno. Que cres que gusta tanto do teu cinema?

Creo que actualmente hai unha maior atención cara a este tipo de “cinema contemplativo”. Pode vir dun contraste con este mundo acelerado no que vivimos. As miñas películas son como certos espazos meditativos e de paz, repouso e acougo. Chegaron nun momento en que ven máis necesarias. Entendo o cinema como arte, o que pode parecer unha obviedade pero non o é tanto dentro do cinema moi próximo á industria, e intento explorar novas linguaxes e novas formas. En función de como mostras as cousas créase unha nova forma de percibir iso que mostras, non é só que mostras senón como o mostras o que xera a forma de entenderte.

Unha das premisas do “Novo Cinema Galego” é a innovación na linguaxe, é o que aglutina aos directores. Sénteste parte deste movemento?

Si, totalmente. Creo que é a constatación de que hai unha xeración de cineastas que casualmente emerxeron neste momento e que obtiveron o recoñecemento internacional e que supoñen unha novidade con respecto ao panorama anterior galego. É algo histórico e que ten percorrido porque somos todos novos e con ganas de seguir explorando o cinema.

Que cres que caracteriza ao “Novo Cinema Galego”?

Tratar de explorar novas formas de mostrar películas, explorar novas linguaxes. Se te vas fixando en cada director, é difícil atopar un denominador común aínda que si que pode haber algo en relación á natureza, unha relación máis próxima, e de como os galegos nos relacionamos coa contorna.

Dáme a impresión que os novos cineastas galegos sodes xente polifacética porque ademais de cinema realizades videoinstalacións e movédesvos noutras facetas da arte. É así?

Si, depende do cineasta en que te fixes. No meu caso, ao ser fillo de pintores, sempre tratei de traballar estas dúas vías, as do cinema e a arte contemporánea. Por exemplo ‘Fajr’ mostreina tanto como videoinstalación no Parque da Cuidadela de Barcelona como en Curtocircuíto nunha sala de cinema.

Como ves o panorama audiovisual galego?

É un momento precioso. Non vimos o teito do que esta xeración é capaz de lograr. Temos ganas e por sorte desde a Administración, desde Agadic, hai un respaldo a este talento que se percibiu. A televisión tamén está a empezar a apoiar estas propostas, aínda que ao principio era máis remisa. É un momento moi bonito en que se dá a circunstancia de que as películas se poden realizar, están as ganas e está o talento. Hai moitos cineastas coas súas películas en distintas fases de produción polo que en 2018 e 2019 van aparecer moitas películas que van dar moito que falar.

Aínda que vives en Madrid, segues vindo a Galicia. Que é o que che achega Galicia a nivel artístico?

Galicia é unha cultura moi rica en mitos e lendas. Ao estar entre Madrid e Galicia pódoo comparar con certa perspectiva. En Galicia temos moitas raíces ás que agarrarnos a nivel de identidade. Tanto en ‘Costa da Morte’ como na película que estou a traballar agora, traballo ao redor deste imaxinario colectivo que nos une.

Cal é o teu próximo proxecto?

É unha película que leva varios anos e que foi tomando forma aos poucos. A rodaxe foi antes do verán; estivemos cinco semanas entre a Ribeira Sacra e Costa da Morte. As conversacións, a atmosfera e a temática están ao redor da relación de Galicia coa morte, a Santa Compaña… A nivel narrativo, a película transcorre nunha paisaxe en que todo o mundo quedou paralizado e onde aparecen tres meigas que poden moverse e que tentan descubrir que sucedeu. A película ten varios estratos: por unha banda está a experiencia contemplativa do tempo, por outro o aspecto máis antropolóxico da relación coa morte e por outro a historia de ficción das figuras que tratan de pescudar que sucedeu. Para min é un reto porque integro unha pequena narrativa de ficción dentro do que traballei máis que é o aspecto documental e contemplativo.

Sen dúbida, un argumento moi suxestivo, como toda a conversación con este novo cineasta vigués de discurso profundo e maneiras exquisitas que xa deu o salto á escena nacional.

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro