Vicente Prego: “A pintura é unha amante esixente que espera todo de un”
Por Inés Silvalde e Marisa Calderón de Os Catro Gatos
Hoxe imos visitar a un gran pintor, Vicente Prego, que nos recibe na súa gorida de Os Tilos en Compostela.
Xa empeza a anoitecer, e con esa luz do crepúsculo este lugar parece máxico. Repleto de aparellos de pintura, aprecio unha orde-desorde que pouco a pouco, e mentres conversamos con el, vaise asemellando á súa personalidade.
Sen un ápice de divismo, cun falar fluído e próximo, cóntanos a súa experiencia plástica, que é extensa e de todo xeito interesante.
Confésanos que é un pintor tardío, as súas primeiras obras dátanse nos oitenta, cando Vicente andaba por Madrid, traballando e vivindo a “movida” madrileña en todo o seu esplendor. Non cabe dúbida que aqueles anos de explosión cultural engaiolou a este rapaz e espertou nel a súa vea artística.
Daquela xa tiña estudado na Escola Mestre Máteo, onde cursou o grao de Decoración, o que hoxe chamamos Deseño de Interiores, e aprendeu sobre debuxo e pintura.
Trasladouse á capital nun momento de necesidade vital por descubrir cousas e lugares novos que ampliaran o seu horizonte. E así comezou a historia da pintura de Prego.
Cando regresou a Santiago, expuxo a obra no “Modus Vivendi”, mítico pub de Compostela, e máis adiante na prestixiosa Galería Trinta, coa que participou en varias edicións de ARCO, a feira de Arte Contemporánea máis recoñecida en España.
Os estudos de pintura Prego non rematan na Mestre Mateo. Licénciase en BBAA en Pontevedra e segue con éxito a súa traxectoria pictórica.
Para Vicente a arte é un nutrinte de vida, como el di, “unha cuestión de tripas”, ligada a súa existencia como respirar ou comer.
Gústame moito cando define a arte como unha amante moi esixente, que reclama atención e dedicación constante.
Traballa habitualmente sobre madeira. Este soporte permítelle facer esas texturas tan elaboradas, esas atmosferas tan súas, con eses ocres, terras, azuis e grises con todos os matices imaxinables.
O proceso creativo é para el un proceso senón doloroso, si custoso. Traballa buscando no azar aquelo que transmite o que quere expresar.
Nas obra de Prego atopamos una amizade íntima entre a figuración e a mancha, neses paisaxes únicos e sempre recoñecibles como seus.
Adentrarse no mundo de Vicente precisa introspección, unha contemplación delicada para oír o son do tempo, a pegada do seu transcurso sobre todo o que nos rodea.
Moitísimas grazas a este artista galego que nos recibiu na súa gorida e ocupou o seu tempo en atendernos.
Vicente Prego, gran artista plástico cunha sensibilidade exquisita.