fbpx
666rpmCompostelaCulturaMúsicaNovas

The Tombstones: Liserxia sonora a tope de Wah-Wah

Por César Varela de Plástico Elástico 

Outra das miñas bandas favoritas da cidade de Santiago, da que nunca vos falei, aínda que si teño mencionado nesta revista, son The Tombstones.

Hoxe en día, se te dedicas ao xornalismo musical, contactar con bandas para entrevistar ou simplemente facer unha crítica nun medio é bastante doado e está ao alcance de todos, grazas á internet. Pero nos 90´s era unha tarefa bastante máis laboriosa. Daquela non manexabamos esta ferramenta, que facilita tantísimo o traballo á hora de contactar cun grupo de rock.

Coñecín aos Tombstones mediante a visualización dun videoclip que programaban de cando en vez, no que para min foi sen dúbida o mellor local musical de Compostela, o Superfuzz, situado na zona nova de Santiago, na Rúa da Rosa. Pregunteille aos donos do local (os dous Javi´s e Elena) quen era esa banda e o nome encantoume. Dixéronme que frecuentaban bastante o local, sobre todo os sábados pola noite. Así que un sábado, como tantos outros, achegueime ata alí e a altas horas da madrugada, dirixinme a un chorbo que tiña o pelo algo alborotado, como os que figuraban nos carteis que vira pendurados nalgunha parede da cidade ou mesmo no Superfuzz e pregunteille se tocaba nos Tombstones. Díxome que non e indicoume co dedo a outro individuo que pululaba polo local, coma quen: ese é o home que buscas. O indicador era Vi Bouzas (irmán do coñecido Pemón Bouzas) e o meu destino, Rafa Janeiro. E aí comezou o meu contacto con esta bandaza de Rock Compostelán. Esa noite falei con Rafa e deixeille o meu contacto. Á semana seguinte recibín na miña casa unha K7 TDK con dúas maquetas, un directo e un dossier da banda, e deseguido comezaron a soar nos meus programas de radio… Como bo discípulo de Dióxenes que me considero, aínda conservo intacto ese material no meu arquivo, incluído o sobre acolchado no que viña envolto.

En 1993 fun con Miguel Curra ao Diario Pop de Radio 3 a presentar a súa maqueta “Alicia Malva” e en varias ocasións despraceime á casa de Rafa, cun aparato que gravaba en fantástico son mono, a rexistrar entrevistas que logo empataba na radio como falso directo. Si! Daquela xa faciamos ese tipo de “trampitas”. O seu tema “Acsa Jones” foi sintonía durante anos da axenda de concertos de Plástico Elástico.

Tombstones naceron en 1992 como se dun experimento se tratase, para a elaboración dun videoclip con músicos procedentes de Os Piores, Pedramol, Clan Moriarty e La Vieja Táctica. Nun principio presentáronse como quinteto: Miguel Curra á voz, Rafa Janeiro e Martín Esturao ás guitarras, César Martínez ao baixo e Javier Buján á batería, ata que máis tarde Martín deixaría a banda e pasarían a ser cuarteto. Rexistraron tres maquetas, a primeira gravada con Santi Pintos no estudio de Emilio Cao, a segunda autoproducida nun catro pistas e a terceira gravada en directo no Licor Negro de Pontevedra co gran Toño Vázquez. Dous cortes foron incluídos en recopilatorios de Subterfuge Records e no 95 por fin chegou o seu único CD, editado por Man Records. A dificultade de manter o ritmo en condicións que non permitían dedicación exclusiva empezou a fender a cohesión da banda e, aos poucos, o pulo inicial foi esvaecendo até a súa disolución.

Hai sete anos decidiron publicar “No More Elections”, unha reelaboración a partir de imaxes de vídeo gravadas no local de ensaio e en varios directos (1992-1994) dos Tombstones por Kuka Márquez e outras de Rafa Janeiro en Super8 na mesma época. A danzante na sombra é Blanca Cendán, que colaborou xenerosamente coa banda na gravación do vídeo e tamén nalgúns bolos.

Quen os puidemos ver en directo nalgunha ocasión, sempre teremos presente no noso disco duro cerebral temas como “No soy nadie”, “I´m a Dead Loss”, “I Know a Beatiful Place”, “Quiero María - Ese Coche”, “Mujeres”, “Baby Doll” ou “Me he vuelto de los malos”..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.