fbpx
CompostelaGastronomíaNovasReportaxes

A hora ‘especial’ do café

Por Silvia Castiñeiras

Café do Coffe Mori, que ademais de cafetería en Santiago, contan tamén coa súa propia torradora de café. Foto: Iván Barreiro
Café do Coffe Mori, que ademais de cafetería en Santiago, contan tamén coa súa propia torradora de café. Foto: Iván Barreiro

Quedar para tomar algo non é o mesmo que quedar para tomar un café. Desconectar un intre da rutina ou parar por un momento da trasfega do día, ten que ver moito con algo máis que unha bebida. O café é como o tempo reconfortante, a paréntese para charlar en calma ou para facer un alto e quedar cunha mesma. Sexa para levar, para tomar en soidade ou en compañía, ante unha cunca que solta ese aroma tan característico... parece ata que non hai problemas. Non vos pasa que co arrecendo do café moído xa dan ganas de comelo? A hora do café debería ter agulla especial nos reloxos. Desta vez non imos de bares, imos de cafeterías.

Non sei se os tempos cambiaron ou cambiei eu co tempo, ou as dúas cousas, porque é cousa miña ou cada vez quédase máis para almorzar ou para tomar un café? Pode ser pola idade, pero demanda debe haber abondo cando o mundo da hostalería reúne en Santiago cada vez máis opcións para gozar dunha coidada experiencia almorzando ou degustando un café. Son eses sitios riquiños que cada vez teñen máis éxito.

No momento no que escribo estas liñas necesitaría unha tonelada de cafeína, pero despois de falar con xente tan apaixonada pola cultura do café dáme mágoa que tantas veces nos refiramos a el como unha mera fórmula máxica para que nos espreguice. Pois non, tomar un café é toda unha experiencia como quen desgusta viños. Como tal imos falar do especial que ten o café, e do café de especialidade; aqueles de calidade superior con determinadas características no seu proceso, que inclúen dende a coidada selección do froito aos específicos tratamentos pos colleita.

 

Mori ocupa o local do mítico Rhin na rúa Nova. Foto: Iván Barreiro
Mori ocupa o local do mítico Rhin na rúa Nova. Foto: Iván Barreiro

 

COFFE MORI: PURA ESENCIA CAFETEIRA

Un deses sitios nos que tomar café é algo máis que un ‘xute’ de cafeína é Coffe Mori, na Rúa Nova, un lugar que moitos composteláns e compostelás recoñecerán por ser o antigo Rhin. Iso si, o concepto actual non ten nada que ver, e para concienciar disto aínda tivo que pasar un tempo. Segundo nos conta un dos seus artífices, Javier Castiñeiras, asegura que “o período de transición foi complicado porque o Rhin era para un público moi diferente. Pouco a pouco, a xente foi comprendendo mellor o concepto e deixou de vir buscando o bocadillo, ver o partido ou tomar unha copa ao saír do teatro. Agora xa se acostumaron e xa preguntan polo café”.

Café é a palabra exacta coa que lle gusta a Javier, máis coñecido como Avi, que se identifique o seu local. Un proxecto que veu a luz fai dous anos, en abril de 2022, despois dunha experiencia vivida en Brasil, xunto con Pedro Tanoira, nunha facenda de orixe nipona á que lle debe o nome a cafetería.

Neste senso, apunta: “a nós diferéncianos o café, hai moitos sitios de brunch que lle dan máis importancia a outros produtos ou á estética do lugar, que non digo que non sexa importante, pero nós o que temos claro é que o noso forte é o café por si mesmo. Iso si, sen volverse tolos que o noso lema é Real Coffe for Real People”

Ou sexa, que non hai que ser un entendido dos cafés nin ter un padal exquisito para degustar o café de especialidade. “Facemos un café de calidade, bo, pero que lle guste a todo o mundo, porque tampouco hai un gran público que demande un café especial”, aclara un dos responsables de Coffe Mori, ao que engade que sempre quixeron ter un produto co que a xente diga “este café está bo, non que este café sabe raro, que se nos recoñeza por un sitio de bo café”.

Ademais, eles mesmos contan coa súa propia torradora de café localizada en Vista Alegre, así que non poden estar máis comprometidos co proceso ata o produto final. Tal é así que teñen a súa propia marca da casa, Mori, e tamén traballan torrando para outras cafeterías. Tal é a súa paixón que para degustar como é debido o café animan, que non obrigan, a “probalo sen azucre, porque o café non ten por que ser amargo”.

No Coffe Mori as mañás son do máis animado cos almorzos e a xa famosa hora do café, aínda que unha merendiña de tarde ou café de sobremesa tampouco vai mal, a que non? Porque aínda que a estrela é o café, tamén hai cousiñas ricas para pedir como doces, algún deles caseiros como a tarta de queixo, torradas, distintos pratos e opcións sen glute…

E isto sempre sen perder a súa filosofía, que remarca Avi desta maneira: “cando alguén vén tomar un café exclusivamente, gústanos que ese café sexa o protagonista e que non sexa o acompañamento dun biscoito ou dun churro. Para nós o café non é o complemento”.

O local goza de moi bo ambiente, con xente da rúa, veciños, persoal das tendas da zona…Ten un público maioritariamente mozo, con moita clientela que se identifica coa cultura do café de especialidade. Teño que dicir que a miña conversa con Avi é toda unha masterclass cafeteira sobre como se trata o gran, ata que se transforma na bebida que se nos pon diante.

EIQUÍ CAFÉ: PARA LEVAR E CON REPOSTERÍA CASEIRA

Cafés de especialidade tamén atopamos en Eiquí Café, un pequeno e acolledor local que abriu as súas portas fai dous meses na rúa de San Pedro, que ademais conta cunha deliciosa repostería caseira. Todo é obra (e case que arte) de María Pardo, veciña do barrio onde, di, “xérase unha enerxía moi guai, por iso me gusta estar aquí e centrarme na xente de aquí”.

O seu obxectivo estaba claro. “Sempre tiven en mente abrir un sitio así, un espazo pequeno e persoal con café rico e repostería caseira feita por min”, explica. O local está centrado sobre todo en café para levar, “de feito teño uns vasos moi cómodos elixidos especialmente”, cóntanos María, que tamén incide en que “teño algunha cadeira para estar aquí”.

Ademais de levar eses vasiños tan xeitosos, María recorda que “para a xente que prefire levar o café sen preparar tamén teño paquetiños para vender, en gran ou moído”. Así é, o muíño para facer o moído está xusto ao entrar pola porta.

En canto ao tipo de café, María asegura que “tiña claro que ía traballar con café de especialidade e percibo que a xente queda cun sabor agradable. A miña idea é ir rotando con diferentes orixes, agora mesmo traballo con dous torradores, un do Grove e outro de Sevilla”.

Van dous meses nos que está a gozar moito desta aventura en solitario, pero ben acompañada pola clientela que a enche de orgullo porque, segundo percibe, “veñen aquí porque o café está rico e a atención é boa”.

E non van só polo café, porque a repostería ten tamén ‘pintaza’, con opcións moi variadas, entre elas o seu brownie de plátano que, é o que máis vende. A isto sumamos o crumble de mazá feito con avea, muffins veganos ou unhas tartaletas británicas; porque María viviu en Irlanda e “de alí trouxen moitas ideas”, concreta.

Desta maneira, en Eiquí consigue a conexión perfecta. “A xente entra tanto polo café como pola repostería e iso era o que eu quería, ser coñecida polas dúas cousas, porque a xente desfrute dun conxunto”, asegura con entusiasmo.

Eiquí ten unha bonita sonoridade, e así lle roldou na cabeza a María todo o tempo que estivo pensando nun nome. O local abre pola semana de mañá e de tarde, e pecha as fins de semana para volver os luns con toda a enerxía. Como ben ela sostén, é un sitio moi para os de aquí, aínda que é un lugar de tránsito de peregrinos. “Non é o meu cliente forte nin o pretendo, isto é máis para a xente local”.

María Pardo abriu Eiquí Café hai uns meses na rúa de San Pedro. Foto: Iván Barreiro
María Pardo abriu Eiquí Café hai uns meses na rúa de San Pedro. Foto: Iván Barreiro

SHOT ME COFFE: UN ESPAZO SEN BARREIRAS

Un pouco máis arriba, nos Concheiros, que tamén é paso de peregrinos, atópase Jacobo Abeijón con Shot Me Coffe. Trátase dun espazo que tamén está centrado máis na xente de aquí, e que é moi curioso, porque ben podería ser a túa propia casa.

O local non ten barra para servir porque, di o seu responsable, “monteino coa idea de espazo aberto, con comunicación co cliente, sen dividir as zonas”. E nestes dous anos de vida non parece que lle fora mal este proxecto polo que apostou tras estar anos como barman en Palma de Mallorca.

Á marxe desa experiencia, o seu coñecemento e formación no tema dos cafés levárono a este concepto e a construír, explica, “un sitio moi personalizado, facendo tamén o proceso de torrar e creando un lugar onde se viva unha experiencia ao redor do café”. Tamén ofrece a opción de levar para preparar na casa, iso si, cun bo asesoramento.

Falar con todos os protagonistas desta reportaxe é toda unha lección sobre cafés de especialidade, tamén con Jacobo, que o define como “un mundo, é unha etiqueta de mercado que se relaciona co coidado e calidade do produto. Xorde de traballar moi estreitamente cos produtores e pagas en relación á calidade do produto. Seleccionan o mellor froito e distribúen de maneira directa ou mediante importadores”.

No seu caso, di, “vén moita xente que xa sabe que son os cafés de especialidade, funciona moi ben o boca a boca no barrio. Despois tamén teño fichas técnicas de cada un por se alguén vén con tempo para explicarlle. E en canto aos peregrinos, aínda que non son a miña clientela, si que entra xente que vén de países nos que esta cultura do café está en auxe”.

Para a persoas que o prefiran, en Shot Me Coffe ofrecen leite ecolóxica e tamén repostería caseira como roliños de canela ou torradas. “Utilizamos produtos de tempada, da froitería de aquí ao lado”, aclara Jacobo.

O local abre en horario de mañá os sete días da semana, así que non hai desculpa para non visitalo.

Estes son algúns exemplos da coidada e ampla oferta da que está a gozar Santiago nos últimos tempos para almorzar, facer un brunch e incluso merendar, ou para tomar un rico e saboroso café sen máis. Hai moitos máis lugares moi recomendables, como Ratiños Coffe Shop que ten un local en San Pedro e outro en Entrepraciñas (onde a facultade de Xeografía e Historia) e onde podes atopar cafés especiais e acompañamento boísimo. Tamén A Café, onde a Praza de Abastos, un recuncho moi xeitosiño que funciona sobre todo por reserva, onde tamén podes pedir café para levar e que ten o seu propio obradoiro.

Non nos darían as páxinas de Pincha para percorrer este camiño cheo de establecementos cafeteiros dunha soa etapa, por iso vos convidamos a descubrir as vosas propias rutas e só nos queda dicir… Bo Café!

Jacobo Abeijón facendo un café 
no seu local 
Shot Me Coffe. 
Foto: 
Iván Barreiro
Jacobo Abeijón facendo un café no seu local Shot Me Coffe. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.